23/2/07

Un mundo de enerxía

O Conselleiro de Industria, Enerxía e Minas, Fernando Xavier Blanco Álvarez, inaugurou no IES Porta da Auga a exposición "Un Mundo de Enerxías" do INEGA (Instituto Enerxético de Galicia).
O acto tivo lugar ás 13:00 h. e asistiron ademais o delegado provincial de educación, Xosé Rábade Arias; o director do INEGA, Xoán Ramón Doldan; o director do parque experimental de enerxías renovables de Sotavento, Xosé Núñez; o primeiro tenente de alcalde do Concello de Ribadeo, Fernando Suárez e outras autoridades das consellerías de educación e industria.
A exposición permanecerá no instituto ata o próximo venres 9 de marzo. Nela pódese facer un percorrido polos distintos tipos de enerxías que utilizamos, os recursos que consumen e as problemáticas medioambientais que causa este consumo, presentando as enerxías renovables utilizadas neste momento e as que aínda están en fase experimental como a única alternativa sostible, sempre combinada cun consumo responsable. Neste percorrido, ademais dos paneis, destacan algúns elementos interactivos que mostran ó visitante o despilfarro de enerxía que facemos a diario.
Esta aberta para o público en xeral de luns a venres, dende as 10:00 h ata as 14:00 h. As visitas para grupos de alumnado son guiadas. Nestes momentos xa son 32 os grupos dos colexios e institutos da vila que teñen concertada a visita nos próximos días, representando uns 600 alumnos e alumnas.

22/2/07

Visita ao Centro de Cultivos Mariños

Os alumnos e alumnas de 4º de ESO visitaron o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo.
Nesta visita puideron ver as distintas áreas de traballo existentes, os tanques de reprodutores, de larvas e de semente, aprendendo deste xeito as distintas fases polas que pasan os organismos no seu ciclo vital.
Tamén viron ó microscopio larvas e microalgas que serven de alimento ós bivalvos e ourizos cos que se traballa no centro.
En xeral a visita permitiu ó alumnado coñecer e valorar a situación da acuicultura na actualidade participando dun modo interactivo nun día de traballo no centro.

14/2/07

Romeo y Julieta


Coincidindo co día de San Valentín, os alumnos e alumnas de 1º de ESO asistiron no Auditorio Municipal Hernán Naval á representación da obra "Romeo y Julieta pensado para niños", produción de TEATROESPAÑOL, texto de Antonio Muñoz de Mesa e Olga Margallo, música de Mariano Marín, basada na obra de Willian Shakespeare e baixo a dirección de Olga Margallo.
Esta actividade forma parte da programación cultural do Concello de Ribadeo que ofreceu esta representación ó alumnado dos centros escolares da vila. Ás 20:30 h. comezará outro pase da obra, esta vez para o público en xeral



8/2/07

Cartel da XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía

O xurado do concurso de carteis para a XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía, formado por Antonio Gregorio Montes, Mª Jesús Besteiro Cabanas, Teresa Díaz Estévez e Alfonso Piñeiro Funcasta, decidiu outorgar o premio ó presentado por Sabela Mourelle Mon, alumna de 4º ESO deste instituto.
Presentáronse un total de 21 traballos, todos de moi boa calidade, polo que a elección resultou complicada.
O xurado agradece o interese mostrado na convocatoria e felicita a tódolos participantes, especialmente á gañadora, á que se lle entregará o premio o próximo venres 9 de febreiro.

1/2/07

HeLPS Meeting in Naples


A pasada semana, entre o 22 e 25 de xaneiro de 2007, no Castell dell'Uovo e no ITI Francesco Giordani, en Nápoles, Italia, tivo lugar a derradeira xuntanza internacional do proxecto HeLPS (High e-Learning Professional Skills), xunto coa Conferencia Aberta de difusión, no que participaba o IES Porta da Auga.
O proxecto culminou asemade coa presentación do libro realizado (en Italiano polo momento, 'Dalla Didattica alla e-didactics', pero con próxima traducción ó inglés en versión CDRom). Non embargantes, aínda queda traballo por facer: Estaba previsto facer os perfís profesionais e logo construír o curriculum e desenvolvelo, para catro profesións relacionadas coa xestión de cursos a distancia: e-Learning System Leader, e-Learning Project Manager, Expert in e-Authoring, e Expert Developer of Advanced Contents for e-Learning. E non se rematou aínda, polo que haberá que seguir este febreiro e parte de marzo cun programa que está aínda florido.
O centro participa en diferentes fases e actividades do proxecto, dende a realización do e-zine ó deseño do módulo correspondente ó teletraballo ou dous capítulos do libro, que pronto se poderá consultar na nosa biblioteca (esperemos).