29/6/07

Un alumno exemplar


A edición local do xornal “El Progreso. A Mariña” dedica unha páxina ao noso alumno de 2º de bacharelato de tecnoloxía, Joaquín Río Barrera. O motivo é a nota que obtivo no exame de acceso á Universidade, nada mais e nada menos que un nove, a máis alta do centro, aínda que as houbo moi próximas; como el di “foi unha clase con moito nivel”.

26/6/07

100% de aprobados na selectividade

Un ano máis, e xa van tres consecutivos, temos un pleno no número de alumnos aprobados nas PAU.
Presentábanse oito alumnos do Bacharelato de Tecnoloxía e cinco do de Humanidades e Ciencias Sociais. As cualificacións definitivas da proba de acceso acadan a media de 7,33, sendo un nove, obtido por Joaquín Río Barrera, a máis alta. En definitiva, son uns excelentes resultados. Parabéns a todos os alumnos e alumnas!.

25/6/07

Programa europeo ADVO. ITALIA 2


As alumnas do ciclo superior de administración e finanzas, Yésica Álvarez González e Carmen Villar Fernñández, regresaron de Italia despois de permanecer alí durante un mes realizando parte da súa formación en centros de traballo (FCT), desempeñando funcións propias dun administrativo.
Esta actividade enmárcase no programa europeo “Avd.Italia 2” no que, ademais do IES Porta da Auga, participan os socios: C.F.P. San Luigi, Fondiaria SAI e Agenzia AXA, ubicados na localidade de San Doná di Piave, próxima a Venecia.
Este programa, coordinado pola profesora Margarita Vilaseca, ten como obxectivo abrirlles aos alumnos as portas a outras experiencias de formación no mercado laboral da Unión Europea.

21/6/07

Excursión de fin de curso a Mallorca


Os alumnos e alumnas de 4º de ESO marcharon de excursión de fin de curso a Mallorca acompañados polas profesoras Isabel López e Eva Méndez. Unha semana de merecidas vacacións despois dun intenso curso, unha guinda final ao remate da etapa educativa.
Na viaxe, ademais de dispoñer de tempo libre, realizarán visitas turísticas pola illa e pola cidade de Palma, coñecerán as Covas do Drach e o castelo de Belver e disfrutarán no parque acuático “Aqualand”.
O regreso está previsto para o xoves 28.

Charla sobre educación sexual


Cristobal Rodríguez Garfia, médico ginecólogo, estivo no instituto para impartir unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 3º de ESO.
Non é primeira vez que contamos coa presenza deste recoñecido especialista, que sempre se ofrece a estar con nós para contribuír á educación sexual do alumnado do instituto.
Esta actividade está programada para incidir, despois de tratar o tema na clase de bioloxía, nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento.
A charla prolongouse por un tempo de hora e media no salón de actos do instituto.

Recital poético



Os alumnos e alumnas de 4º de ESO dirixidos por Eva Méndez, profesora de Galego, prepararon un recital de poesía tomando como tema a violencia de xénero, baixo o título “Implícate. Non á violencia de xénero”. Tivo lugar a continuación da conferencia sobre o mesmo tema de Olga Castro.
As poesías foron soando en boca dos alumnos ao mesmo tempo que se proxectaban imaxes e se escoitaba música, configurando en conxunto un ambiente que invitaba á reflexión.
Escolléronse textos de Rosalía de Castro, María Mariño, María Reimóndez, Olga Castro, Lupe Gómez, Marta Dacosta, Manuel Rivas, Fran Alonso, Marica Campo, Ana Romaní, Estíbalez Espinosa, Carlos Negro, Yolanda Castaño, Lucía Novás, María Lado, Antonio López (“El Moreno”), Erika Almenara, Emilce Strucchi, Juan de Dios Peza, Marina Llopis, Medos Romero e das alumnas Raquel Barbeito e Carla Pérez.
O punto final ao recital púxoo a alumna de 4º de ESO, Andrea Martínez, interpretando de forma maxistral “Negra Sombra”.
Cos calorosos aplausos dos asistentes recoñeceuse un traballo ben feito.

Conferencia sobre violencia de xénero


No auditorio municipal Hernán Naval tivo lugar unha conferencia sobre violencia de xénero impartida por Olga Castro, licenciada en Ciencias de Comunicación e Tradución e Interpretación, e organizada pola profesora de Galego, Eva Méndez, xunto cos alumnos e alumnas de 4º de ESO.
A conferencia, á que asistiu a totalidade do alumnado do centro, non se limitou a unha charla sobre o tema central, senón que ao mesmo tempo e para captar a atención e acadar unha maior concienciación do alumnado, escenificáronse distintos exemplos e víronse imaxes e vídeos.
Ademais de facer un repaso minucioso a estatísticas, tipos, causas e consecuencias, incidiuse especialmente na detención precoz, dende o noivado, do posible maltratador. A importancia de non pasar por alto algunhas das sinais de alerta quedou de manifesto con exemplos reais escenificados polos alumnos e alumnas de 4º de ESO.
Ao remate da charla abriuse un turno de preguntas que resultou moi interesante, non só pola cantidade das mesmas, senón tamén polo debate que suscitaron.
Á conferencia seguiulle un recital de poesía organizado tamén polo alumnado de 4º de ESO sobre o mesmo tema.

20/6/07

Presentación oficial da páxina web e do nº 16 de revista XERFA




A páxina web do IES Porta da Auga, na que levamos traballando tres anos, presentouse oficialmente nun acto que tivo lugar onte ás 11:00 h no salón de actos do instituto. A prensa recolle a nova nas edicións locais da Mariña.
Na presentación o director explicou os obxectivos desta web:

  • Ofrecer á comunidade educativa un servizo de información e comunicación permanente e actualizada aproveitando ao máximo as posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen.
  • Crear unha plataforma de apoio didáctico ao alumnado posibilitando os múltiples usos didácticos da web dende os departamentos.
  • Dar a coñecer a realidade do centro. Abrir as súas portas e mostrar como é (instalacións), que se estudia (oferta educativa), que se fai (actividades), como se organiza...

No mesmo acto, Vanessa Gromaz e Boris Rodríguez, alumnos de 1º de bacharelato de humanidades e ciencias sociais, presentaron o número 16 da revista XERFA. Con el xa son 17 cursos académicos consecutivos nos que non falta a presenza da nosa revista, xa incluída na exposición de prensa escolar que mostra o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia).
Revista XERFA e páxina WEB, dous expoñentes deste instituto, dous froitos do traballo de alumnado e profesorado dos que nos sentimos moi orgullosos. Noraboa a todos/as os que os fan posible.

19/6/07

O nº 16 da revista XERFA xa é unha realidade


Dende hoxe mesmo pode lerse o nº16 da revista XERFA, ben en papel ou na edición dixital.
Neste número participaron sete profesores e trinta alumnos para completar un total de 12 artigos, catro entrevistas, un comic e pasatempos.
O sumario da revista é o seguinte:
  • Editorial
  • Viaxe a Medrid
  • Exposición de enerxías renovables
  • Feira da ciencia e tecnoloxía 2007
  • Proxecto de normalización lingüística
  • Traballar en colaboración no ámbito da educación
  • Coéte na feira da ciencia do 2000
  • www.portadaauga.es
  • Humor tecnolóxico
  • Letras gelegas
  • Críticas literarias
  • Entrevista a Ugia Pedreira
  • Entrevista a Andrea Méndez Álvarez
  • Entrevista a Ana Varela Rey
  • Entrevista a E. Balbino Pérez Vacas
  • Certama narrativa "El Viejo Pancho"
  • Cómic
  • Pasatempos

Charla sobre drogodependencia en 4º de ESO.


Hoxe, Mónica, a traballadora social do concello, falounos sobre as drogas. Primeiro comezamos reflexionando entre todas as definicións de drogas; chegamos á conclusión de que se poden definir como substancias que ao ser inxeridas provocan adición e tolerancia.
Logo clasificamos as bebidas alcólicas en dous grupos, dependendo do proceso de fabricación: destiladas ou fermentadas, poñendo varios exemplos de cada un dos tipos. Falamos do alcol e dos seus efectos sobre o organismo.
A continuación falamos do hachis e dos efectos que produce sobre o corpo, como poden ser a sensación de excitación e a fase depresiva que a segue. Tamén nos deu algúns datos interesantes como, por exemplo, que o hachis non crea adición física e que axuda a desenvolver enfermidades do xénero das psicoses.
Rematou a charla pedíndonos que escribíramos nun folio anónimo a definición de droga coas nosas palabras e a nosa opinión persoal sobre as drogas.


Martín González Vilaseca

María Vietes Díaz