29/9/07

Especial sobre o IES Porta da Auga na Voz de Galicia

Na edición local da Mariña do 27 de setembro o xornal “La Voz de Galicia” publica un especial de tres páxinas sobre o IES Porta da Auga no que se da un repaso á oferta educativa do Instituto, destácanse algunhas das innovacións tecnolóxicas incorporadas nos últimos anos, como o SGDWEB e SGDSMS, a dotación de novos medios nas aulas e a páxina web do centro. Tamén se subliñan algunhas das actividades máis destacables que se veñen realizando nos últimos cursos: feira das ciencia, revista XERFA, intercambios escolares, ...






19/9/07

XV Encontros Pedagóxicos da Mariña Luguesa


O IES Porta da Auga acollerá, dende o luns 24 ao xoves 27, os XV Encontros Pedagóxicos da Mariña Luguesa.
A recepción de participantes será o luns 24 ás 16:00 e a continuación terá lugar a charla inaugural a cargo de Xosé Manuel Rosales, membro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que presentará o proxecto Terra.
Nas tardes do luns ao xoves desenvolveranse obradoiros sobre convivencia escolar, cultura tradicional e novas tecnoloxías.
O programa complétase coa presentación do “Proxecto para o fomento do uso do galego” do IES de Alfoz, unha visita cultural ao entorno da Ría de Ribadeo e a conferencia de clausura que pronunciará o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón Torres, sobre “A situación lingüística nos centros de ensino de Galiza. Novas perspectivas”.

Comeza un novo curso.

Hoxe as aulas do instituto abríronse de novo para recibir aos alumnos e alumnas que inician un novo curso escolar non exento de novidades, especialmente as que se derivan da implantación da LOE nos cursos de 1º e 3º de ESO, como a impartición das materias novas “Proxecto interdisciplinar” en 1º de ESO e “Taller de iniciativas emprendedoras” en 3º de ESO, (a polémica “Educación para a cidadanía” terá que esperar ao próximo curso), a modificación dos currículos das demais materias e a aplicación de novos criterios de promoción, titulación e repetición na ESO.
Ademais o instituto impartirá por primeira vez un programa de diversificación curricular de dous cursos, 3º e 4º de ESO. Tendo en conta que en 1º e 2º xa funcionan sendos agrupamentos específicos, as medidas de atención á diversidade abarcan a etapa completa da ESO.
Outra novidade, esta relacionada coa dotación de material do instituto, é a instalación de videoproxectores en nove aulas mais, que se veñen a sumar ás xa existentes para completar un 90% das aulas do centro equipadas con medios audiovisuais (televisión, DVD e videoproxector). Isto, unido á cobertura que proporciona a rede WIFI, que posibilita o acceso inalámbrico a internet en tódalas dependencias do centro, pretende ser o punto de partida para a progresiva incorporación das novas tecnoloxías á aula.
Doutros acontecementos previsibles, como a reforma de instalacións do IES e construción do novo CIFP, iremos informando a medida que haxa datos fiables.
En canto ao número de matriculados neste novo curso, globalmente non hai diferenzas significativas, se ben se produciu unha lixeira diminución na ESO que se compensa cun incremento nos Bacharelatos e Ciclos Formativos da familia de Administración. En total a matrícula vaise aproximar aos 250 alumnos.

18/9/07

Artigos de XERFA no xornal educativo

O xornal educativo da Consellería de Educación seleccionou cinco artigos publicados no nº 15 da revista XERFA, correspondente ao curso 2005-06, para incluír na súa última edición de setembro de 2007.

É a segunda vez que se elixen contidos deste instituto no xornal educativo; a edición deste xornal de xaneiro de 2006 xa recolle a sección completa que a páxina web do departamento de matemáticas (http://www.demates.es/) dedica a Pitágoras.

Os artigos seleccionados nesta ocasión son: