21/12/09

Cos nosos mellores desexos

Postal realizada por Carla Méndez García 4º ESO

Que todos os nenos teñan portal,
Que todos os reis sexan reis magos,
Que todas as noites sexan noites boas,
Que non haxa un día sen Nadal.




27/11/09

Galiciencia 2009

Un ano máis unha pequena, pero importante, representación do instituto acudiu a Ourense para participar na Galicinecia.
Nesta ocasión Antonio Gregorio seleccionou alumnado de 2º e 3º de ESO con dous proxectos que seguro espertaron interese entre os asistentes: “Creando os propios xogos de Nintendo: Double Screen con PALib” e “Estudio da lateralidade”.
Galiciencia, é a maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia, contando coa participación de equipos de estudiantes de Secundaria de toda España.
O obxectivo principal desta iniciativa, que Tecnópole organiza dende fai catro anos co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I e da Consellería de Economía e Industria, é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO e Bacharelato con ideas innovadoras e con gañas de mostralas ao público nos stands que o Parque Tecnolóxico de Galicia pon a súa disposición durante tres días, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia.


Pero tamén hai actividades paralelas para o público e os propios expositores. Este ano, ademais da presencia xa habitual do divulgador Adolf Cortel, coas súas conferencias de ciencia divertida, houbo obradoiros relacionados coa celebración a nivel europeo do Ano de Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.

Excursión de 1º de ESO a Mondoñedo

O pasado 24 de novembro os alumnos e alumnas de 1º de ESO, acompañados polo profesorado do departamento de Xeografía e Historia, visitaron algúns puntos de interese do municipio mindoniense.

A viaxe, promovida e patrocinada pola Fundación Comarcal A Mariña Central, tivo como principal atractivo a visita ao recentemente escavado Castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios. Alí os alumnos e alumnas puideron contemplar de forma directa características da cultura castrexa estudada nas aulas.









Á volta visitaron o Centro de Artesanía “Os Muíños”, onde Alberto Geada, único zoqueiro xoven de Galicia, mostrou tódolos segredos da fabricación das tradicionais zocas. O alumnado seguiu con interese as explicacións.

29/10/09

Descubrindo a Ría: ciencia a pé de praia


Os alumnos de bioloxía de 4º ESO xunto cos de bacharelato de ciencias e tecnoloxía, participaron o martes 27 de outubro nunha na actividade “Descubrindo a Ría: Ciencia a pé de praia”. O obxectivo é dar a coñecer as ferramentas de traballo e os fundamentos básicos que un equipo multidisciplinar de científicos está empregando no chamado Estudio integral das Rías Altas, traballo que se está a facer co fin de averiguar as causas do importante descenso dos recursos marisqueiros nestas rías.


Para esta actividade, contamos coa axuda da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, que nos enviou un grupo de 5 monitores para realizar outros tantos obradoiros. En primeiro lugar fixemos unha saída á Praia dos Bloques para levar a cabo algunhas actividades de campo e recoller mostras de area, auga e distintas especies atopadas. Despois, xa no laboratorio, desenvolvéronse os seguintes obradoiros:


  • Obradoiro de estratigrafía: para observar a distribución granulométrica do sedimento, comprobar o seu contido en carbonato cálcico e observar a composición das areas coa lupa binocular.


  • Obradoiro de oceanografía: para observar as propiedades físicoquímicas da auga do mar así como o seu contido en plancton.


  • Obradoiro de recursos marisqueiros: para identificar as especies recollidas e calcular a talla media, peso medio, biomasa total e comercial e densidade da poboación.

  • Obradoiro de patoloxía de moluscos: para facer unha disección do mexilón e observar co microscopio distintas preparacións histolóxicas con ou sen patóxenos.

  • Obradoiro de ecotoxicidade: para recoñecer a importancia do uso das larvas de ourizo de mar como bioindicadoras da calidade das augas.
Realmente, pensamos que a actividade resultou moi interesante e os alumnos puideron disfrutar e aprender moito polo que parécenos interesante que se fagan estes traballos de divulgación científica.

16/10/09

Comedia Bífida


O pasado mércores, día 14 de outubro, o teatro viveirense Pastor Díaz encheuse con alumnado chegado da maioría dos institutos da Mariña, que se xuntaron alí para ver a representación da obra, de Manuel Carlos Núñez Singala, Comedia Bífida.
A montaxe a adaptación da obra fíxoa a compañía profesional Nobicarelo Teatro, formada en Santiago de Compostela en marzo deste mesmo ano.
Esta representación, xunto á difusión do libro “En galego por que non?”, do mesmo autor, forma parte do programa de dinamización lingüística desenvolvido pola Editorial Galaxia e promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, (ver díptico).


18/7/09

A toda cor!


En xuño presentouse o número 18 da revista XERFA, unha nova entrega da revista escolar que anualmente publica este instituto. Aínda que a edición impresa ao igual que as anteriores sae en branco e negro, por primeira vez podemos ver a revista a toda cor na súa edición dixital, que ademais se colgou en http://www.issuu.com/, plataforma que permite folleala nun formato atractivo e vistoso. O resto dos números da revista tamén se foron incorporando a esta web polo que se pode pasar un pouco de tempo ollando as páxinas de edicións anteriores.
Nesta ocasión a revista destaca especialmente polas entrevistas a personaxes de primeira liña da actualiade como José Angel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón Maria Aller da Universidade de Santiago; ou Rubén Riós, coñecido actor galego protagonista da longametraxe “Pradolongo”.
Pero ademais está chea de moitos outros temas de interese aos que nos aproximan os alumnos, alumnas, profesores e profesoras que participaron na redacción, como por exemplo:
  • Conflito árabe-israelí
  • Estatísticas
  • Saúde:
    Enfermidades nutricionais
    O infarto
  • Entrevistas:
    Julio Antolín Rey
    José Ángel Docobo Durántez
    Miguel Ángel Millares Mera
    Rubén Riós
    José Luis Echevarría Reigosa
  • Música:
    Cultura Hip Hop
    Saratoga

30/6/09

Teatro: Un xoguete para Goldoni


O 23 de xuño, último día de curso, o noso alumnado asistiu no cine teatro de Ribadeo á representación da comedia "Un xoguete para Goldoni", que puxo en escena o grupo de teatro do IES Vilar Ponte de Viveiro.
A maioría dos compoñentes deste grupo son alumnos e alumnas de segundo de bacharelato, polo que no próximo curso xa non estarán no instituto, sendo esta a súa última representación.
O guión de “Un xoguete para Goldoni” está baseado no “Anel máxico”, de C. Goldoni, adaptación de Cándido Pazó.
Nesta especie de homenaxe ás orixes, aos cómicos que sempre convertían en teatro calquera praza ou camiño, unha compañía de cómicos irrompe no escenario disposta a montar o seu espectáculo, a súa COMEDIA. O tema ( o enrolo amoroso) é o de menos, o que importa é o xogo teatral, a comicidade das situacións, os sucesivos equívocos, a diversión do espectáculo... en fin... a interpretación e o movemento dos actores, unida á música feita por eles mesmos.

Teatro: Pelexa no souto


Con gran asistencia de público tivo lugar o día 19 de xuño a representación da obra que ao longo do curso foi ensaiando o grupo de 1º da ESO do noso colexio. Os nervos estiveron presentes nos minutos previos á representación, pero unha vez comezado todo transcurríu según o previsto e podemos falar tranquilamente de que a cousa saíu bastante ben, sobre todo tendo en conta que sobre o escenario se moveron sobre un total de 25 alumnos/as, cousa que non era doada.
Temos que dicir que unha das nosas maiores preocupacións como era o tema das voces á hora de deixarmos oirnos, non chegou a ser tal pois todos os actores se esforzaron por deixarse oir.Tamén temos que comentar que todos os alumnos estiveron moi metidos no seu papel e agás algunha improvisación e omisión todo saíu moi satisfactoriamente.
En resume todos pasamos un bon momento e todos poideron comprobar como cun pequeno esforzo podemos transformarnos en pequenos actores, e porque non algún pode chegar a ser un auténtico profesional.
En canto a obra, dicir que o argumento xira arredor da introducción do eucalipto e a competencia co castiñeiro, tendo cada un, os seus amigos e os seus detractores, establecéndose un xuizo popular no que o eucalipto sae condeado.

21/5/09

...E viñeron os/as de Melide

O pasado martes, día 19 de maio, os alumn@s do IES de Melide devolvéronos a visita, no que foi un moi agradábel día de convivencia, no que o tempo estivo da nosa parte.
Recepción no salón de actos do IES -con canto incluído-, recorrido polo paseo marítimo, Cargadeiro, Forte San Damián –onde nos enteiramos de anécdotas coma a de aquel alcalde que, ante a ameaza da frota inimiga, ordena retirar os canóns ( non fora ser que, ademais da suma a acordar para que non se excedesen coas tropelías, levasen tamén aquelas pezas que non servían para lle facer fronte)-, e remate da camiñata no faro de Illa Pancha. Para todo iso deu a mañá.


O xantar campestre tivo en Santa Cruz a mellor das localizacións posíbeis. E ata tiramos da corda, gañando ... ben, mellor non dicir nada.

Á tarde, mesturados en varios grupos, os de Ribadeo actuamos de guías nun recorrido lúdico-histórico-artístico pola nosa vila. Uns máis e outros menos, todos aprendemos algo ou vimos algo novo paseando, contando e escoitando cousas e historias, a medida que recorríamos San Roque, coas súas casas de indianos, aprendíamos o porqué dunha rúa Vilafranca do Bierzo en Ribadeo, explicábamos os problemas da Torre dos Moreno, algo da historia de Raimundo Ibáñez pasando por diante da que foi súa casa, camiñábamos polo casco vello, a Atalaia ...
Houbo tamén tempo libre. E para rematar, que mellor sitio ca Rinlo para despedirse, non sen comentarlles que o mar non sempre está tan calmo, onde polo inverno se dicía aquilo de “roncan as ribeiras” cando bruaba o mar.


Viñeron, fóronse, pero algo queda: a nós deles e delas, e a elas e eles seguro que algo de nós. Melide e Ribadeo, dous anacos da nosa terra, que merece ser mellor coñecida en galego, máis visitada e gozada. Estarémolo facendo por nós.


Grupo de Normalización e Dinamización Lingüística

12/5/09

Estación meteorolóxica do IES Porta da Auga


A finais do curso pasado Meteogalicia puxo en marcha as Meteoescolas, rede de estacións meteorolóxicas en institutos e colexios que ten como finalidade a mellora o coñecemento do clima entre os escolares, a sensibilización dos máis novos sobre a problemática do cambio climático e a promoción da investigación na escola.
Dende ese momento o IES Porta da Auga integrouse nesa rede e empezouse a traballar no acondicionamento da caseta meteorolóxica que albergaría o termómetro de máximas e mínimas e o pluviómetro, instrumentos básicos cos que se dotou a tódolos membros das Meteoescolas. Todo estivo listo a primeiros deste ano e o 8 de febreiro comezouse a toma diaria de datos e a inclusión destes na páxina web de Meteogalicia.
Pero había un problema insalvable: os días festivos, vacacións,... non se podían recoller datos polo que sempre serían incompletos. Por este motivo decidiuse instalar unha estación automática como complemento á manual. O modelo elixido foi a Davis Vantge Pro2, cuxa instalación e posta en funcionamento acaba de rematar.
Con esta estación podemos ter información actualizada en todo momento e os datos acumulados de tódolos días, estea ou non aberto o centro, así como contrastar cos recollidos na manual. Ademais toda a información recollida pola estación envíase directamente á web do centro cada cinco minutos (http://www.portadaauga.es/).
As posibilidades didácticas que xorden combinando o uso de ambas estacións son enormes, tanto para a ESO como para o Bacharelato. De seguro que nos próximos cursos habemos de ver froitos.

Videoconferencia


"Fala e non ten boca, voa e non ten alas, anda e non ten pés...que é?".
Adiviñas coma esta intercambiáronas os nosos alumnos cos do CEIP Gregorio Sanz nunha videoconferencia que, con motivo da celebración das Letras Galegas, se organizou entre os dous centros, xa por terceiro ano consecutivo.
Os protagonistas foron os alumnos e alumnas de 1º de ESO e de 6º de Primaria, aínda que as diferenzas de curso e idade pouca ou ningunha transcendencia teñen á hora de discorrer as adiviñas.
Durante unha hora de dura contenda os acertos, fallos, alborozos e desánimos sucedéronse, dando mostra do bo ambiente que en todo momento reinou na actividade. O resultado final sempre é o de menos, o importante é que durante ese tempo a lingua foi nexo de unión e lecer.

Julio Antolín Rey

O pasado venres 8 de maio estivo no centro dando unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato o corredor de ultrafondo Julio Antolín Rey, leonés afincado en Ribadeo dende moi novo, que ven de rematar o “Atacama Crossing”, carreira de 250 km polo deserto de Atacama, Chile.
Explicou todos os pormenores das carreiras de ultrafondo, probas que se desenvolven durante varios días nos lugares máis inhóspitos do planeta, nas que, ademais de superar etapas diarias de máis de 50 km en condicións extremas, hai que someterse a unha constante proba de supervivencia: cada corredor debe portar dende a saída todos os útiles, incluída a comida, que vai precisar nos días que dure a travesía. Tan só recibe unha exigua cantidade diaria de auga. Non hai vencedores nin vencidos, o reto é persoal e todos os que chegan á meta son gañadores.
Non é a primeira carreira destas características que supera, completou as 100 millas do Himalaia e xa está pensando noutros retos como o Gobi e a Antártida. Todo un exemplo de superación e sacrificio.

6/5/09

Viaxe a Santiago


O pasado día 5, os alumnos de 3º da ESO visitaron Santiago. O obxectivo da viaxe era o contacto coa evolución arquitectónica da cidade.
Pola mañá estiveron no Museo de Arte Contemporáne e no Museo do Pobo Galego, un edificio histórico e outro moderno, situados un ó lado doutro para que poidesen observar as diferencias.
Despois de recorrer a zona antigua e dun breve descanso na Ferradura para poder comer, seguiron o paseo por Sarela, Vista Alegre, donde pudieron ver o Conservatorio de altos Estudios Musicais e o modernísimo edifico da sede da Sociedade de Autores, para rematar no Auditorio e Campus Norte.
O percorrido foi algo cansado pois fixo moito calor ese día e porque foi todo a pé, e xa sabemos que para estas novas xeneracións eso de andar…….. ¡De tódolos xeitos que se preparen porque en 4º tocaralles a Catedral e demais igrexas!

27/4/09

Do bicentenario de Darwin ós catrocentos anos de Galileo: Evolución da Feira da Ciencia de Ribadeo

2009. Bicentenario Darwin, 400 anos da mirada polo telescopio de Galileo ... XV edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo. Esta última, preto xa de cumprir a maioría de idade, como dixo un reporteiro nunha das gravacións de tv que se fixeron este ano.
A feira ten xa ás súas costas unha evolución. Evolución orgánica, como un ser vivo: nacemento, no 1995. Crecemento, no que se pasou de ocupar a antiga biblioteca, corredor e salón de actos ó pavillón, no que se pasou de aglomerar a tres departamentos a todos os do centro, para desligarse logo os de formación profesional, quedando de novo tres departamentos este ano. E poderiamos dicir madurez, ou aínda senectude, pero esas, se non hai experiencias previas, son cousas que se identifican despois de pasadas, e polo momento pódese admitir unha madurez, pero vital, dentro da idea de que non se sabe cántas edicións máis vai durar, pero xa sabemos que non está no comezo da adolescencia; como moito, pode que estea nunha adolescencia continua, de 'adolescere' co significado de lapa viva, resplandecente, queimando, máis que co de algo xa medrado e definitivo, e en ambos casos, co significado de consolidado.
E tamén, mirado doutro xeito, evolución como especie. Diso tratamos logo.
O cartel de Óscar manifesta Unha mirada á astronomía, 400 anos despois de que Galileo dirixira o seu telescopio ó planeta Xúpiter e se atopara cos seus satélites. É certo que na feira propiamente dita só houbo un ítem relacionado coa astronomía, un modelo do Sistema Solar no apartado de CCNN, pero tamén houbo unha charla previa á Feira sobre a historia da Astronomía, impartida por José Ángel Docobo Durántez o venres anterior, e varias sesións de planetario realizadas co programa Stellarium para os visitantes, a parte da participación do centro na medida do raio terrestre efectuada a nivel iberoamericano un mes antes, e da que non se colocou o taboleiro de resultados na feira porque ... a feira xa estaba chea abondo...
Así, temos a feira relacionada cos dous eventos científicos que se conmemoran ó longo do ano, e que permite, baixo o seu paraugas, mirar un pouco máis de preto o que aquí se fai. Que é moito.
Dicía antes que houbo unha reincorporación á feira este ano cun apartado de Matemáticas, o que marca un ir e vir da feira, do mesmo modo que se pode ver que, dende a perspectiva actual, algúns aspectos evolutivos compréndense como un paso atrás ou como unha volta ás orixes desandando camiño evolutivo. Pero, o mesmo que nos seres vivos, o que marca a evolución é a adaptación ás circunstancias do momento, non ás que foron ou ás que virán. Non se comprende? Unha imaxe mental vale máis que mil palabras: A nosa normalidade como seres vivos vén da contaminación na antiga atmosfera producida polos primeiros seres que habitaron a Terra, e despois, polas plantas. É dicir, considerando antigos patróns, nós vivimos nunha atmosfera irrespirable ... e vainos moi ben así, porque non poderiamos vivir noutra. As feiras hai que miralas cunha perspectiva parella. É posible que algún dos pasos dados teña que ser retrocedido no futuro, como xa ten pasado: aí está o caso de incorporar á inauguración unha charla, como na XIIV edición, que debido ó seu resultado no seginte ano non se fixo. Ou posiblemente, no futuro, retornar a unhas dimensións máis manexables despois de medrar para ocupar todo o pavillón, aínda sen moitos departamentos e familias profesionais, o que redundaría na calidade media pero tamén na visión da feira dentro do centro. Ou ben, lembrar aínda que este ano suprimiuse a serie de explosións dunha experiencia ("Explosión de auga forte") debido á perigosidade de querela facer máis impresionante do que xa é ... e con elo, máis ameazante para quen estaba arredor; marcará tamén un antes e un despois na seguridade, primando por riba doutros aspectos.
Criticar pode ser doado, pero facelo con perspectiva e datos observados, no relacionado coa ciencia, parece unha necesidade. A feira este ano albergou dúas exposicións, ambas excelentes, sobre a historia do cálculo e o cambio climático, ambas non dispoñibles en internet e .... ambas desaproveitadas por visitantes e expositores, pois a súa extensión e 'planicidade' facilitaban a súa 'vista ó paso', pero non chamaban a unha revisión en profundidade do que alí se explicaba. Que as malas lenguas (e boas vistas) atoparan mesmo antes da inauguración defectos nelas (por exemplo, o célebre CO2 multirepetido nunha delas) non deixou de ser un alicerce máis, aínda insuficiente, para facer un repaso dos paneis, nin foi motivo para excluír as súas moitas bondades. E que o apartado de Climántica, para facilitar o cal veu unha monitora varios días ó centro, tivera cousas xa repetidas e non significara unha 'produción totalmente propia’ , non é mais que unha anécdota dentro do conxunto da feira. anécdota que puidera repetirse.
En canto á estrutura da feira, este ano tamén houbo novidades. Hóuboas nos aspectos materiais, sendo o primeiro ano no que non se usan paneis de aglomerado, cubrindo, en base a unha nova inversión, todas as separacións e traseiras con estruturas metálicas soporte de lona. Notouse abondo na montaxe/desmontaxe non só das estruturas, senón tamén dereitamente dos murais, que pasaron de estar pegados dalgún xeito a suxeitos con pinzas metálicas, asemade con maior facilidade tanto para a montaxe como para a súa conservación. Unha pequena novidade na uniformidade: as camisetas por primeiro ano non foron en fondo branco. Tamén se notou en aspectos non materiais, de estrutura organizativa, funcionando un ano máis as listas de xente que debera e non debera estar na feira en cada momento, con adaptacións á realidade deste curso. Que non funcionou á perfección? Quen sexa perfecto, que tire a primeira pedra ... e que se poña mans á obra para a próxima edición, a XVI que espérase que vexa a luz seguindo co espírito co que comezou a primeira, facer algo vivo e continuado ó longo do tempo para poder aproveitar mellor os resultados.
Polo demais, presentar 80 items diferentes nun evento deste tipo sitúa á nosa feira a nivel internacional polo tamaño, despois de telos sido hai xa unhas cantas edicións pola orixe dos participantes. Por número de visitantes, puidemos comprobar que non estamos nin moito menos entre os eventos menos visitados deste tipo. Polo entusiasmo no momento, tampouco quedamos desfasados. Pola calidade? a parte de pola organización, na que xa hai unha notable experiencia e amósase edición tras edición, iso vai proxecto a proxecto, e se ben é certo que algúns necesitaban moito máis traballo ou unha mellor presentación, tamén os houbo competitivos en ambas cousas.Outros comentarios poden deberse á orientación da feira. Quizais debérase dicir que é unha feira da ciencia multiorientada, en polo menos dous sentidos. Un, os temas tratados, nos que coincide con outras moitas, e outro, na orientación dos proxectos en relación a que sexan reprodución ou mostra de algo xa feito ou investigación, e en ambos casos, nun amplo rango de posibilidades e dificultades.Por último a avaliación. Coido que un ano máis, produciu froitos palpables, aínda que mellorables. ero segue a ser algo que non está medido, cuantificado, e polo tanto, con boa parte subxectiva ... máxime cando (aínda) non se pasou unha enquisa para tentar avaliala. E é que, ademais, a feira, como unha idea en continua evolución, tamén está en continua avaliación.
Antonio Gregorio Montes

20/4/09

Conferencia de José Angel Docobo Durantez

O venres pasado tivemos a sorte de poder escoitar a José Angel Docobo Durántez, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, nunha charla dirixida ao alumnado de Bacharelato dos dous institutos de Ribadeo. O tema versou sobre a historia da Astronomía, un percorrido polos acontecementos máis salientables e que foron determinantes na evolución do coñecemento nesta materia.
José Angel Docobo Durantez é unha das máximas autoridades mundiais na investigación no campo de sistemas estelares dobres e múltiples. Actualmente é o vicepresidente da comisión 26 da Unión Astronómica Internacional, o máximo órgano internacional que decide en cuestións de nomenclaturas e estándares en Astronomía. Na comisión 26 trátanse tódolos temas relativos a sistemas estelares dobres e múltiples.
A súa charla abre os actos da XV Feira da Ciencia, que desta maneira quere sumarse á celebración do ano internacional da Astronomía, conmemoración do cuarto centenario dende que Galileo Galilei empezou a utilizar o telescopio como instrumento de observación.


Na charla, Docobo, trazou un itinerario que, dende os exipcios ata a actualidade, nos foi levando polas grandes personaxes, fitos e descubrimentos que foron marcando a historia da Astronomía: Ptolomeo, Copernico, Galileo Galilei, Tycho Brahe, Kepler, Newton, Halley, ... Tamén amosou a forma de traballar no Observatorio de Santiago para o cálculo de órbitas de estrelas dobres e múltiples e os últimos descubrimentos, en concreto, un planeta extrasolar.
Rematouse a charla co visionado dun documental sobre a figura e obra do gran astrónomo lalinense, fundador do Observatorio de Santiago, D. Ramón María Aller Ulloa.

Intercambio co IES de Melide


O mércores 16, os alumnos/as de 3º e 4º de ESO visitamos Melide.

Foi esta a primeira das recíprocas visitas co IES desa vila coruñesa, formando parte das actividades de intercambio programadas polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do noso instituto.

Puidemos coñecer un anaco doutra comarca do noso país, ver como vive, como fala e, un pouco, como pensa a xente da nosa idade, e, ademais, pasámolo moi ben. Estamos agardando a súa visita a Ribadeo, a mediados do mes que vén, para tratalos igual de ben que eles o fixeron con nós.

Ao chegar recibíronnos cun grupo de gaitas ... escocesas?, non, galegas, como debe ser, e tocadas por alumnos/as do centro. A continuación, fixéronnos o recibimento formal na biblioteca, onde varios alumnos/as nos explicaron aspectos da súa vila, do seu instituto, de como se divirten, etc. Leváronnos, despois, facer unha visita rápida polas instalacións do seu centro e fixéronnos, tamén, unha entrevista na radio do seu centro.

Despois dese rápido paso instituto, comenzamos coas visitas esteriores: Visita á igrexa de Sta. María de Melide, do s. XII e con interesantes pinturas murais, e ao conxunto etnográfico de Furelos. É este unha aldea restaurada, no Camiño de Santiago e á beira dun rio, que merece unha visita con calma.

Nós non puidemos comer na área recreativa de Furelos, como estaba previsto, e fumos para o Pavillón Polivalente do instituto debido a que facía mal tempo.

Á tarde visitamos o Museo da Terra de Melide, un museo etnográfico que se nota está feito con moito cariño e que dispón dunha máis que interesante colección de obxectos.

Despois deixaron que nosoutros coñecésemos a vila, cos seus monumentos e lugares máis interesantes, participando nun xogo de pistas. Dividíronnos en catro grupos e estaba moi ben organizado. Ao final déronlle unha camiseta a cada un dos membros do equipo que gañou. A verdade, o xogo estivo moi ben e pasámolo estupendamente.

Pero todo o bon acaba e ás 18:00 iniciamos a viaxe de volta á casa. Perdón, perdon, ... isto non acabou!! Queda recibilos a eles e xa o estamos preparando!!

15/4/09

Exporecerca Jove 2009



A X Exporecerca estase a desenvolver plácidamente. O equipo organizador funciona perfectamente e faino posible. A experiencia que representa é un alicerce para aprender un mesmo (profesor, alumno ou 'persoa externa ó ensino') e poñer en práctica o que se aprendeu se se cre que está en disposición de facelo de xeito inmediato.
Contrastan 96 traballos de investigación de diferentes autores, campos e niveis de investigación, así como correspondentes a diferentes idades. Contrastan asemade pola cantidade de traballo dedicado, a orientación que se lles da, o sistema de presentación ou o método usado para aproximarse a un coñecemento máis profundo do problema. Nunha charla púxose de manifesto que o ano pasado, 2008, máis do 40% dos traballos presentados ó concurso nacional de xoves investigadores foran orixinarios de Cataluña. Sabendo que a exporecerca é de carácter internacional (este ano participan traballos de Brasil, Bélxica, Francia, Eslovaquia ou Paraguai) e que nela, a pesares de todo, os traballos de orixe catalán son 2/3 competindo en igualdade de condicións (como mínimo) cos demais participantes vidos dos catro confíns do mundo, non é de estrañar o éxito dos traballos cataláns a nivel nacional. Éxito que por outra banda, ven certificado e apoiado a nivel público polo curriculum didáctico, que hai xa moitos anos acolleu un 'treball de recerca' como obrigatorio para todos os alumnos; algo que foi aproveitado por profesores como Manuel Belmonte para potenciar tanto o actual desenvolvemento da investigación catalana a nivel do ensino como a interiorización da investigación polas persoas que pasan polo sistema educativo.

Manuel Belmonte? Manuel é o alma máter de Magma, sociedade xuvenil de investigación que é a creadora e encargada de levar a cabo a exporecerca. En base ás edicións xa transcorridas, a partires deste ano 2009 Magma poñerá na rede unha serie de orientacións e documentos sobre a realización de traballos de investigación e algún asemade sobre as feiras de ciencia, documentos que condensarán a historia deste evento, pero sobre todo aínda máis aló, a parte invisible que o fai posible.
Unha última referencia: a lingua. Non estraña, pero induce a pensar, que moitos alumnos cataláns prefiran explicar en catalán a facelo en castelán. Isto pasa mesmo con alumnos de orixe evidentemente inmigrante. Que pasaría en Galicia de suceder o mesmo?
Un valor engadido: a celebración da Exporecerca nos terreos do antigo 'Museu de Ciència', Hoxe 'Cosmocaixa', permite ós participantes un '2x1', recollendo ideas e aproveitando de ambos lugares.

E un algo que se fai difícil entender para quen isto escrebe: a mostra Exporecerca está a ser visitada por moi poucos visitantes externos. Aínda que non hai contabilidade dos visitantes, que eu saiba, diría que hai menos visitantes que a suma de organizadores, expositores e xuíces. Unha mágoa para unha actividade que paga a pena ou unha sorte que permite aproveitala mellor aos que participan nela?
Antonio Gregorio
O Relato dun dos viaxantes:
O mércores día 1 de abril despediámonos de Ribadeo para marchar catro días e tres noites a Barcelona, onde presentaríamos o noso proxecto sobre o desfase das mareas nas rías na Exporecerca Jove (2, 3 e 4 de abril) .
Trátase dunha expo que se vén organizando dende hai xa uns anos na capital catalana e que alberga participantes de entre 12 e 30 anos e de variopintas nacionalidades. Durante as tres xornadas na carpa, no complexo de CosmoCaixa, recibimos de bo grado a visitantes e curiosos que se achegaban a ver os nosos traballos. O certo é que nos chamou a atención o escaso número de visitas organizadas que houbo, polo menos en comparación coa nosa Feira da Ciencia de Ribadeo, e esperábamos que fora moita máis xente.
Respecto ós traballos expostos, observamos unha gran variedade en canto a temas, elaboración e calidade.
En canto á estancia , a residencia Ágora ofreceunos almorzo e cama, e a comida correu a cargo da organización Magma (a mesma que organiza a Exporecerca). As ceas pola nosa conta en McDonals e similares non estiveron nada mal... rico, barato... e divertido!.
Polo demáis... no tempo libre: recorrer de cabo a rabo o Museo da Ciencia, unha observación astronómica onde puidemos observar con claridade os aros de Saturno, turismo polo centro da cidade, e moitas, moitas partidas de futbolín.
En canto ós premios, non nos tocou nada que traer para a casa. Seguiremos traballando e tratando de mellorar o que temos feito e, se cadra, probar sorte en algunha outra expo ou similar. Polo momento... deixamos a investigación ata dentro duns días... a Feira da Ciencia en Ribadeo!.
Laura Piñeiro Rouco (1º Bacharelato)

3/4/09

Viaxe a Melgaço.



O día 31 de Marzo, os alumnos de 4º ESO e 1º de Bach. Humanidades participamos nun dos “intercambios territoriais” organizados polo PROXECTO TERRA. O noso destino foi Melgaço. Comezamos a nosa visita por Porta de Lamas de Mouro, unha das sete portas ao Parque Nacional de Peneda-Gerês. Alí uns monitores moi simpáticos ensináronos a ordenación territorial daquela Serra. Pola tarde fumos a Castro Laboeiro donde iniciamos unha rota a pe de 3 Km, ainda que os kilómetros portugueses deben medir menos que os nosos pois aquelo non baixou dos 5 Km.


Instaláronnos nun albergue moi chulo e moi moderno, donde, casualmente, os profes e o conductor pudieron durmir sen sobresaltos………………….
Ó día seguinte recorrimos Melgaço. Comezamos pola torre medieval, seguimos polo museo do cine e rematamos no matadeiro municipal, convertido nun edificio moderno donde instalaron un museo adicado ó contrabando que existiu na fronteira Portugal-España; e á emigración portuguesa cara a Brasil e a Europa.
Resultou todo moi ben. Os monitores foron moi atentos e os nosos profes ¡ENCANTADORES!.
Pola nosa parte fumos moi bos, comimos todo o que nos puxeron, non mercamos chuches, fixemos a camiñata sen protestar nada de nada, non fumos consumistas, visitamos tódalas igrexas que había, esquecímonos dos móbiles, no albergue non fixemos nada de ruido e deixamos todo recollido ( esto último é raro pero é verdade).

30/3/09

Medimos o radio da Terra


Unha das actividades programadas dentro do Ano Internacional da Astronomía consistía en medir o radio da Terra utilizando o mesmo método que Eratóstenes, alo polo ano 200 a.de C. As distintas medidadas da sombra do gnomon nesta ocasión proporcionaríanas os centros escolares que se inscribiran na actividade. O día proposto foi o do 27 de marzo e ... aí estivemos nós!.
No patio interior do instituto montouse unha mesa sobre a que situamos o gnomon cuxa sombra nos permitiu calcular a altura do Sol ao paso polo meridiano. Estes datos, xunto aos dos colexios restantes, mais de 500 en todo España e algún do estranxeiro, permitiron establecer o radio terrestre en 5982 km. Tendo en conta que o radio verdadeiro é de 6371 km, o erro cometido ven sendo do orde do 6%, bastante aceptable se temos en conta que as medicións fixéronas escolares en condicións non moi precisas.
Esta actividade debe servir para reflexionar sobre os logros científicos que se acadaron na civilización grega: fai 2200 anos que Eratóstenes, con medios rudimentarios, conseguiu estimar o radio da Terra cun erro similar ou incluso menor.
Hai quen opina que se non se interrompera o impulso que os gregos deron á Astronomía e á ciencia en xeral, hoxe teríamos colonias en Marte e estaríamos viaxando ás estrelas máis próximas.

27/3/09

Le Petit Nicolas. 50 Anniversaire




  • Je suis d'Allemagne et je m'appelle Doris. J'adore ce livre. Je l'ai lu plusieurs fois et il me fait toujours rire. Achète-le!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!!

  • Bonjour. Je m'appelle Alexandre, j'ai 12 ans et j'adore le Petit Nicolas. J'ai lu tous les livres et j'ai acheté ce livre le lundi 9 Juin. A lire pour lecteurs confirmés. Salut!

  • Je m'appelle Elise et j'ai 23 ans! J'ai lu et relu tous les Petit Nicolas depuis mes 8 ans, c'est tout simplement génial! L'illustration est hilarante, ce qui ne gâche rien!! Bonne lecture et bon fou rire!

  • Je suis mexicain. J'habite au Tijuana et je suis allé jusqu'à Paris pour acheter la série de livres du Petit Nicolas. J'aime bien ce livre, parce qu'il n'est pas comme tous les livres. C'est très différent et amusant. Il me fait rire beaucoup et il m'aide à étudier mon français. Je suis un vrai admirateur de Nicolas! Merci à Sempé et Goscinny pour faire ces livres. Carlos C. - P.S. Excusez-moi si j'ai fait des erreurs d'orthographe ou de grammaire. Ce n'est pas très bien, mon français.

Voici quelques commentaires de lecteurs du PETIT NICOLAS.

Le Petit célèbre son 50 anniversaire. La mairie de Paris a présenté une exposition commémorative dont nous avons choisi quelques textes et photos.

C’est notre livre de lecture pour cette année scolaire, la classe est d’ accord avec les commentaires des lecteurs, nous aimons aussi bien les textes que les images : rires garantis !
Ah ! si vous ne faites pas du français…lisez-le en espagnol ou en anglais, ça vaut la peine.



Cristina A., Cristina G., Sandra, Sara 4 ESO

17/3/09

Charla sobre a Universidade


O pasado venres 13 tivo lugar unha charla de orientación universitaria á que asistiron os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacharelato.
Interviñeron, da Universidade de Santiago, Carlos Baliñas Pérez da Facultade de Humanidades, Emilio Corral Vilariño da Escola Politécnica Superior e Lorenzo Fernández Prieto, Vicerreitor de Relacións Institucionais.
Ademais de dar un repaso ás distintas titulacións e saídas profesionais, abordouse o tema de mais actualidade no momento: o plan Bolonia e a adaptación do sistema universitario ao espazo europeo de educación superior.

FESTIVAL DE TEATRO CLÁSICO GRECOLATINO LUGO 2009

O mércores día 11 un grupo de 16 alumnos/-as do IES “Porta da Auga”estudiantes de Latín e Grego en 1º de Bacharelato e Cultura Clásica en 4º ESO e 4º ESO Diversificación, visitaron a cidade de Lugo co fin de presencia-la representación da comedia plautina titulada “Miles gloriosus” que se puxo en escena dentro da 9ª edición do Festival de Teatro Clásico Grecolatino:



O grupo de alumnos/-as realizou tamén tres visitas de carácter histórico:

I. O Centro arqueolóxico San Roque, de recente apertura, no que se atopan musealizados in situ os restos dunha necrópolis que se empregou como tal entre os séculos I e V d.C.,dous enterramentos de incineración e de inhumación, restos dun forno adicado á producción de cerámica, e unha piscina ou estanque ritual, relacionado con cultos orientais.

II. A Casa de Interpretación da Muralla, que cun equipamento de última xeración abre unha nova porta que desvela os segredos da vella muralla ás xentes do século XXI. Os alumnos percorreron as tres plantas e en cada unha delas viron un vídeo explicativo ademais de poder acceder a calquera dato a través de paneis dixitais: na primeira planta asistiron á construción da obra magna de enxeñería que é a muralla; na segunda coñeceron os cambios que experimentou ó longo de máis de 2000 anos de historia e na terceira achegáronse a unha perspectiva máis social e lúdica sobre a mesma.



III. A Casa dos Mosaicos, unha casa grande e importante que, segundo os restos achados, foi construída entre os séculos I e II, e estivo ocupada ata mediados do século V. Nela os alumnos asistiron a unha montaxe audiovisual proxectada nunha pantalla de catro metros, de 12 minutos de duración, completando así a percepción da realidade daquela vida desta gran casa patricia. Mosaicos, pinturas murais, bases de columnas, os restos do hypocaustum que aseguraba a calefacción desta soberbia mansión constituiron un museo de extraordinario interese para a súa comprensión da vida cotiá das elites locais nos tempos do Baixo Imperio Romano.

4/3/09

As mulleres tamén emigran


Dende onte e ata o próximo día 13 as escaleiras e corredores do IES acollen a exposición “As mulleres tamén emigran”. Con isto queremos conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora, próximo 8 deste mes.
A exposición, cedida pola Fundación 10 de Marzo, consta de 18 paneis que resumen as penurias ás que se enfrontaron as mulleres que tiveron que saír do seu país á procura dunha vida mellor. Ser muller e emigrante supuña, e aínda supón en moitos casos, aumentar aínda máis os niveis de indefensión, desigualdade e submisión.
Primeiro foi América, despois Europa e agora é aquí onde se procuran facer realidade os soños dunha vida digna, duns dereitos que, por elementais que parezan, aínda hai que seguir reivindicando en moitos lugares deste planeta.

26/2/09

Inconvenientes sociais e para a saúde do ocio incontrolado


D. José Ignacio Carro Otero, presidente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia, impartiu unha charla dirixida a alumnos do IES e CIFP sobre as consecuencias que para saúde poden ter os hábitos de ocio que se están implantando entre os xoves.
Esta conferencia enmárcase na campaña que dende o ano 2004 a Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía de Galicia, co patrocinio das Deputacións Provinciais, ven desenvolvendo nos institutos de educación secundaria co obxecto de mellorar a educación sanitaria do alumnado. Actualmente xa se contabilizan máis de 200 actuacións nos IES de todo Galicia.

Teatro en inglés


Last Friday some students from IES Porta da Auga and IES Gamallo Fierros (and also from Tapia) went to see an English play. Three comedian actors played the part of three teenagers, showing the lifestyle of adolescents nowadays – dancing at the disco, meeting new friends, chatting up, arguing with parents…
All students roared with laughter. Most of them said the show was really good and fun. And of course it was, because at the end of the show some students danced in front of all the audience. Never had we imagined learning English could be so nice!

Laura Piñeiro – 1º Bacharelato

12/2/09

A Capela das Virtudes, Arante


Con motivo da celebración dos 200 anos da vitoria dos veciños de sete parroquias (4 de Ribadeo e 3 de Trabada) ás tropas francesas de Napoleón na Ponte de Arante, o Concello de Ribadeo, en colaboración coa Fundación Comarcal da Mariña Oriental, organizou visitas ao lugar para os centros escolares.
O martes, día 10, os alumnos de 2º de ESO tiveron ocasión de revivir a singular batalla, explicada polos profesores, e contemplar os retablos da Capela das Virtudes (Arante).

29/1/09

Unha ruta no museo


Por fin chegou o esperado día de visitar o Museo Provincial de Lugo.

Chegamos a el cara as 10:30 da mañá aproximadamente. Unha vez alí dividíronnos en grupos, entregáronnos un folleto a cada un de nós e dixéronnos que tratásemos de dar resposta ás vinte preguntas que figuraban nel.

Fomos facendo un percorrido polo museo buscando as respostas ás preguntas. Ao memso tempo visitamos o Claustro, que é moi fermoso, onde vimos varios reloxos de Sol. No centro atópase un pozo de pedra. Tamén vimos pinturas, de artistas lucenses e ourensáns.

Cando rematamos de contestar as preguntas fomos á sala dezasete, onde nos agardaba un monitor xunto coas nosas profesoras e foinos facendoa as preguntas ás que respondía cada un dos portavoces dos catro equipos que formáramos. Houbo un premio para cada un dos compoñentes do grupo gañador. O meu equipo quedou segundo.

Penso que volverei ao Museo, houbo moitas cousas que non vin e que me gustaria facelo.



Daniel Pedrosa (1º B)

Pradolongo




O pasado xoves, día 22 de xaneiro do 2009, estudantes da ESO e Bacharelato dos institutos IES Porta da Auga e IES Gamallo Fierros, ámbolos dous de Ribadeo, atopáronse nas salas de cine do pobo con motivo da proxección do filme galego “Pradolongo”.
“Pradolongo” desenvólvese arredor de dúas temáticas principais: o amor e a natureza. Unha canteira situada na zona ameaza coa posesión de todas as leiras, prados e terras dos habitantes da aldea e a consecuente destrución de tan bonita paisaxe natural, o que beneficiará a uns e a outros non tanto. Paralela a esta historia, e non independente, está a de Martiño, Raquel e Armando, que descubrirán como co paso da tempo deixaron de ser simples adolescentes a ter responsabilidades da vida adulta... algo que non todos tomarán do mesmo xeito.
“Padrolongo” amósanos as insólitas paisaxes ás veces esquecidas da nosa terra: os costumes, as verbenas do pobo, etc. É por isto polo que moitos espectadores, grandes ou cativos, se ven reflectidos dalgunha maneira na trama da película.
Ao rematar a película, Rubén Riós (Martiño na ficción) tivo un pequeno coloquio cos rapaces e profesores. No mesmo, contoulles aos estudantes divertidas anécdotas que tiveron lugar durante a rodaxe da película, así como lles deu consellos a seguir nas súas carreiras e estudos. Rubén falou tamén acerca do audiovisual galego, que non evoluciona demasiado debido, precisamente, á escasa rodaxe de filmes.
Trátase da primeira película rodada integramente en galego dende o 2002. Foi premiada no Festival de Cine de San Sebastián, e recibiu varios premios en Galicia. Entre os seus proxectos próximos destaca a estrea da película en París en marzo deste mesmo ano.

22/1/09

Concurso As Mates Molan


Por segundo ano consecutivo o departamento de matemáticas fai un chamamento aos alumnos e alumnas de ESO da Mariña a que se animen a resolver problemas, conscientes que esta actividade, ademais de ser unha das principias finalidades das matemáticas, reporta a quen a practica a satisfacción necesaria para a motivación, o aprendizaxe e a adquisición da competencia matemática.
Utilizando a web como medio de difusión e participación, este concurso consiste en resolver cinco boletíns de catro problemas cada un, nunha primeira fase que se desenvolverá dende o 30 de xaneiro ata o 17 de abril. Gradualmente, a intervalos duns 15 días, iranse publicando os boletín na web do departamento de matemáticas, establecéndose un prazo para a entrega das solucións, que tamén se poden enviar por correo electrónico.
Finalmente, os/as concursantes que acaden unha maior puntuación realizarán a última fase do concurso consistente nunha proba presencial no IES Porta da Auga o día 5 de maio. Os/As gañadores/as en cada unha das categorías establecidas, 1º e 2º de ESO por un lado e 3º e 4º polo outro, recibirán 100 € en vales de compra.
Para participar non se necesita ningún tipo de inscrición, tan só hai que enviar as solucións aos boletíns seguindo as instrucións que aparecen na paxina web do departamento. Ademais, tampouco é necesario presentar as solucións a todos os boletíns nin a todos os problemas.

Esperamos que moitos alumnos e alumnas se animen a participar, non teñen nada que perder, seguro que aprenden moito e ao mellor aínda gañan algo.


http://www.demates.es/ (web do departamento de matemáticas)