29/1/09

Unha ruta no museo


Por fin chegou o esperado día de visitar o Museo Provincial de Lugo.

Chegamos a el cara as 10:30 da mañá aproximadamente. Unha vez alí dividíronnos en grupos, entregáronnos un folleto a cada un de nós e dixéronnos que tratásemos de dar resposta ás vinte preguntas que figuraban nel.

Fomos facendo un percorrido polo museo buscando as respostas ás preguntas. Ao memso tempo visitamos o Claustro, que é moi fermoso, onde vimos varios reloxos de Sol. No centro atópase un pozo de pedra. Tamén vimos pinturas, de artistas lucenses e ourensáns.

Cando rematamos de contestar as preguntas fomos á sala dezasete, onde nos agardaba un monitor xunto coas nosas profesoras e foinos facendoa as preguntas ás que respondía cada un dos portavoces dos catro equipos que formáramos. Houbo un premio para cada un dos compoñentes do grupo gañador. O meu equipo quedou segundo.

Penso que volverei ao Museo, houbo moitas cousas que non vin e que me gustaria facelo.



Daniel Pedrosa (1º B)

Pradolongo




O pasado xoves, día 22 de xaneiro do 2009, estudantes da ESO e Bacharelato dos institutos IES Porta da Auga e IES Gamallo Fierros, ámbolos dous de Ribadeo, atopáronse nas salas de cine do pobo con motivo da proxección do filme galego “Pradolongo”.
“Pradolongo” desenvólvese arredor de dúas temáticas principais: o amor e a natureza. Unha canteira situada na zona ameaza coa posesión de todas as leiras, prados e terras dos habitantes da aldea e a consecuente destrución de tan bonita paisaxe natural, o que beneficiará a uns e a outros non tanto. Paralela a esta historia, e non independente, está a de Martiño, Raquel e Armando, que descubrirán como co paso da tempo deixaron de ser simples adolescentes a ter responsabilidades da vida adulta... algo que non todos tomarán do mesmo xeito.
“Padrolongo” amósanos as insólitas paisaxes ás veces esquecidas da nosa terra: os costumes, as verbenas do pobo, etc. É por isto polo que moitos espectadores, grandes ou cativos, se ven reflectidos dalgunha maneira na trama da película.
Ao rematar a película, Rubén Riós (Martiño na ficción) tivo un pequeno coloquio cos rapaces e profesores. No mesmo, contoulles aos estudantes divertidas anécdotas que tiveron lugar durante a rodaxe da película, así como lles deu consellos a seguir nas súas carreiras e estudos. Rubén falou tamén acerca do audiovisual galego, que non evoluciona demasiado debido, precisamente, á escasa rodaxe de filmes.
Trátase da primeira película rodada integramente en galego dende o 2002. Foi premiada no Festival de Cine de San Sebastián, e recibiu varios premios en Galicia. Entre os seus proxectos próximos destaca a estrea da película en París en marzo deste mesmo ano.

22/1/09

Concurso As Mates Molan


Por segundo ano consecutivo o departamento de matemáticas fai un chamamento aos alumnos e alumnas de ESO da Mariña a que se animen a resolver problemas, conscientes que esta actividade, ademais de ser unha das principias finalidades das matemáticas, reporta a quen a practica a satisfacción necesaria para a motivación, o aprendizaxe e a adquisición da competencia matemática.
Utilizando a web como medio de difusión e participación, este concurso consiste en resolver cinco boletíns de catro problemas cada un, nunha primeira fase que se desenvolverá dende o 30 de xaneiro ata o 17 de abril. Gradualmente, a intervalos duns 15 días, iranse publicando os boletín na web do departamento de matemáticas, establecéndose un prazo para a entrega das solucións, que tamén se poden enviar por correo electrónico.
Finalmente, os/as concursantes que acaden unha maior puntuación realizarán a última fase do concurso consistente nunha proba presencial no IES Porta da Auga o día 5 de maio. Os/As gañadores/as en cada unha das categorías establecidas, 1º e 2º de ESO por un lado e 3º e 4º polo outro, recibirán 100 € en vales de compra.
Para participar non se necesita ningún tipo de inscrición, tan só hai que enviar as solucións aos boletíns seguindo as instrucións que aparecen na paxina web do departamento. Ademais, tampouco é necesario presentar as solucións a todos os boletíns nin a todos os problemas.

Esperamos que moitos alumnos e alumnas se animen a participar, non teñen nada que perder, seguro que aprenden moito e ao mellor aínda gañan algo.


http://www.demates.es/ (web do departamento de matemáticas)