27/4/09

Do bicentenario de Darwin ós catrocentos anos de Galileo: Evolución da Feira da Ciencia de Ribadeo

2009. Bicentenario Darwin, 400 anos da mirada polo telescopio de Galileo ... XV edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía de Ribadeo. Esta última, preto xa de cumprir a maioría de idade, como dixo un reporteiro nunha das gravacións de tv que se fixeron este ano.
A feira ten xa ás súas costas unha evolución. Evolución orgánica, como un ser vivo: nacemento, no 1995. Crecemento, no que se pasou de ocupar a antiga biblioteca, corredor e salón de actos ó pavillón, no que se pasou de aglomerar a tres departamentos a todos os do centro, para desligarse logo os de formación profesional, quedando de novo tres departamentos este ano. E poderiamos dicir madurez, ou aínda senectude, pero esas, se non hai experiencias previas, son cousas que se identifican despois de pasadas, e polo momento pódese admitir unha madurez, pero vital, dentro da idea de que non se sabe cántas edicións máis vai durar, pero xa sabemos que non está no comezo da adolescencia; como moito, pode que estea nunha adolescencia continua, de 'adolescere' co significado de lapa viva, resplandecente, queimando, máis que co de algo xa medrado e definitivo, e en ambos casos, co significado de consolidado.
E tamén, mirado doutro xeito, evolución como especie. Diso tratamos logo.
O cartel de Óscar manifesta Unha mirada á astronomía, 400 anos despois de que Galileo dirixira o seu telescopio ó planeta Xúpiter e se atopara cos seus satélites. É certo que na feira propiamente dita só houbo un ítem relacionado coa astronomía, un modelo do Sistema Solar no apartado de CCNN, pero tamén houbo unha charla previa á Feira sobre a historia da Astronomía, impartida por José Ángel Docobo Durántez o venres anterior, e varias sesións de planetario realizadas co programa Stellarium para os visitantes, a parte da participación do centro na medida do raio terrestre efectuada a nivel iberoamericano un mes antes, e da que non se colocou o taboleiro de resultados na feira porque ... a feira xa estaba chea abondo...
Así, temos a feira relacionada cos dous eventos científicos que se conmemoran ó longo do ano, e que permite, baixo o seu paraugas, mirar un pouco máis de preto o que aquí se fai. Que é moito.
Dicía antes que houbo unha reincorporación á feira este ano cun apartado de Matemáticas, o que marca un ir e vir da feira, do mesmo modo que se pode ver que, dende a perspectiva actual, algúns aspectos evolutivos compréndense como un paso atrás ou como unha volta ás orixes desandando camiño evolutivo. Pero, o mesmo que nos seres vivos, o que marca a evolución é a adaptación ás circunstancias do momento, non ás que foron ou ás que virán. Non se comprende? Unha imaxe mental vale máis que mil palabras: A nosa normalidade como seres vivos vén da contaminación na antiga atmosfera producida polos primeiros seres que habitaron a Terra, e despois, polas plantas. É dicir, considerando antigos patróns, nós vivimos nunha atmosfera irrespirable ... e vainos moi ben así, porque non poderiamos vivir noutra. As feiras hai que miralas cunha perspectiva parella. É posible que algún dos pasos dados teña que ser retrocedido no futuro, como xa ten pasado: aí está o caso de incorporar á inauguración unha charla, como na XIIV edición, que debido ó seu resultado no seginte ano non se fixo. Ou posiblemente, no futuro, retornar a unhas dimensións máis manexables despois de medrar para ocupar todo o pavillón, aínda sen moitos departamentos e familias profesionais, o que redundaría na calidade media pero tamén na visión da feira dentro do centro. Ou ben, lembrar aínda que este ano suprimiuse a serie de explosións dunha experiencia ("Explosión de auga forte") debido á perigosidade de querela facer máis impresionante do que xa é ... e con elo, máis ameazante para quen estaba arredor; marcará tamén un antes e un despois na seguridade, primando por riba doutros aspectos.
Criticar pode ser doado, pero facelo con perspectiva e datos observados, no relacionado coa ciencia, parece unha necesidade. A feira este ano albergou dúas exposicións, ambas excelentes, sobre a historia do cálculo e o cambio climático, ambas non dispoñibles en internet e .... ambas desaproveitadas por visitantes e expositores, pois a súa extensión e 'planicidade' facilitaban a súa 'vista ó paso', pero non chamaban a unha revisión en profundidade do que alí se explicaba. Que as malas lenguas (e boas vistas) atoparan mesmo antes da inauguración defectos nelas (por exemplo, o célebre CO2 multirepetido nunha delas) non deixou de ser un alicerce máis, aínda insuficiente, para facer un repaso dos paneis, nin foi motivo para excluír as súas moitas bondades. E que o apartado de Climántica, para facilitar o cal veu unha monitora varios días ó centro, tivera cousas xa repetidas e non significara unha 'produción totalmente propia’ , non é mais que unha anécdota dentro do conxunto da feira. anécdota que puidera repetirse.
En canto á estrutura da feira, este ano tamén houbo novidades. Hóuboas nos aspectos materiais, sendo o primeiro ano no que non se usan paneis de aglomerado, cubrindo, en base a unha nova inversión, todas as separacións e traseiras con estruturas metálicas soporte de lona. Notouse abondo na montaxe/desmontaxe non só das estruturas, senón tamén dereitamente dos murais, que pasaron de estar pegados dalgún xeito a suxeitos con pinzas metálicas, asemade con maior facilidade tanto para a montaxe como para a súa conservación. Unha pequena novidade na uniformidade: as camisetas por primeiro ano non foron en fondo branco. Tamén se notou en aspectos non materiais, de estrutura organizativa, funcionando un ano máis as listas de xente que debera e non debera estar na feira en cada momento, con adaptacións á realidade deste curso. Que non funcionou á perfección? Quen sexa perfecto, que tire a primeira pedra ... e que se poña mans á obra para a próxima edición, a XVI que espérase que vexa a luz seguindo co espírito co que comezou a primeira, facer algo vivo e continuado ó longo do tempo para poder aproveitar mellor os resultados.
Polo demais, presentar 80 items diferentes nun evento deste tipo sitúa á nosa feira a nivel internacional polo tamaño, despois de telos sido hai xa unhas cantas edicións pola orixe dos participantes. Por número de visitantes, puidemos comprobar que non estamos nin moito menos entre os eventos menos visitados deste tipo. Polo entusiasmo no momento, tampouco quedamos desfasados. Pola calidade? a parte de pola organización, na que xa hai unha notable experiencia e amósase edición tras edición, iso vai proxecto a proxecto, e se ben é certo que algúns necesitaban moito máis traballo ou unha mellor presentación, tamén os houbo competitivos en ambas cousas.Outros comentarios poden deberse á orientación da feira. Quizais debérase dicir que é unha feira da ciencia multiorientada, en polo menos dous sentidos. Un, os temas tratados, nos que coincide con outras moitas, e outro, na orientación dos proxectos en relación a que sexan reprodución ou mostra de algo xa feito ou investigación, e en ambos casos, nun amplo rango de posibilidades e dificultades.Por último a avaliación. Coido que un ano máis, produciu froitos palpables, aínda que mellorables. ero segue a ser algo que non está medido, cuantificado, e polo tanto, con boa parte subxectiva ... máxime cando (aínda) non se pasou unha enquisa para tentar avaliala. E é que, ademais, a feira, como unha idea en continua evolución, tamén está en continua avaliación.
Antonio Gregorio Montes

20/4/09

Conferencia de José Angel Docobo Durantez

O venres pasado tivemos a sorte de poder escoitar a José Angel Docobo Durántez, director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller, da Universidade de Santiago, nunha charla dirixida ao alumnado de Bacharelato dos dous institutos de Ribadeo. O tema versou sobre a historia da Astronomía, un percorrido polos acontecementos máis salientables e que foron determinantes na evolución do coñecemento nesta materia.
José Angel Docobo Durantez é unha das máximas autoridades mundiais na investigación no campo de sistemas estelares dobres e múltiples. Actualmente é o vicepresidente da comisión 26 da Unión Astronómica Internacional, o máximo órgano internacional que decide en cuestións de nomenclaturas e estándares en Astronomía. Na comisión 26 trátanse tódolos temas relativos a sistemas estelares dobres e múltiples.
A súa charla abre os actos da XV Feira da Ciencia, que desta maneira quere sumarse á celebración do ano internacional da Astronomía, conmemoración do cuarto centenario dende que Galileo Galilei empezou a utilizar o telescopio como instrumento de observación.


Na charla, Docobo, trazou un itinerario que, dende os exipcios ata a actualidade, nos foi levando polas grandes personaxes, fitos e descubrimentos que foron marcando a historia da Astronomía: Ptolomeo, Copernico, Galileo Galilei, Tycho Brahe, Kepler, Newton, Halley, ... Tamén amosou a forma de traballar no Observatorio de Santiago para o cálculo de órbitas de estrelas dobres e múltiples e os últimos descubrimentos, en concreto, un planeta extrasolar.
Rematouse a charla co visionado dun documental sobre a figura e obra do gran astrónomo lalinense, fundador do Observatorio de Santiago, D. Ramón María Aller Ulloa.

Intercambio co IES de Melide


O mércores 16, os alumnos/as de 3º e 4º de ESO visitamos Melide.

Foi esta a primeira das recíprocas visitas co IES desa vila coruñesa, formando parte das actividades de intercambio programadas polo Equipo de Dinamización e Normalización Lingüística do noso instituto.

Puidemos coñecer un anaco doutra comarca do noso país, ver como vive, como fala e, un pouco, como pensa a xente da nosa idade, e, ademais, pasámolo moi ben. Estamos agardando a súa visita a Ribadeo, a mediados do mes que vén, para tratalos igual de ben que eles o fixeron con nós.

Ao chegar recibíronnos cun grupo de gaitas ... escocesas?, non, galegas, como debe ser, e tocadas por alumnos/as do centro. A continuación, fixéronnos o recibimento formal na biblioteca, onde varios alumnos/as nos explicaron aspectos da súa vila, do seu instituto, de como se divirten, etc. Leváronnos, despois, facer unha visita rápida polas instalacións do seu centro e fixéronnos, tamén, unha entrevista na radio do seu centro.

Despois dese rápido paso instituto, comenzamos coas visitas esteriores: Visita á igrexa de Sta. María de Melide, do s. XII e con interesantes pinturas murais, e ao conxunto etnográfico de Furelos. É este unha aldea restaurada, no Camiño de Santiago e á beira dun rio, que merece unha visita con calma.

Nós non puidemos comer na área recreativa de Furelos, como estaba previsto, e fumos para o Pavillón Polivalente do instituto debido a que facía mal tempo.

Á tarde visitamos o Museo da Terra de Melide, un museo etnográfico que se nota está feito con moito cariño e que dispón dunha máis que interesante colección de obxectos.

Despois deixaron que nosoutros coñecésemos a vila, cos seus monumentos e lugares máis interesantes, participando nun xogo de pistas. Dividíronnos en catro grupos e estaba moi ben organizado. Ao final déronlle unha camiseta a cada un dos membros do equipo que gañou. A verdade, o xogo estivo moi ben e pasámolo estupendamente.

Pero todo o bon acaba e ás 18:00 iniciamos a viaxe de volta á casa. Perdón, perdon, ... isto non acabou!! Queda recibilos a eles e xa o estamos preparando!!

15/4/09

Exporecerca Jove 2009



A X Exporecerca estase a desenvolver plácidamente. O equipo organizador funciona perfectamente e faino posible. A experiencia que representa é un alicerce para aprender un mesmo (profesor, alumno ou 'persoa externa ó ensino') e poñer en práctica o que se aprendeu se se cre que está en disposición de facelo de xeito inmediato.
Contrastan 96 traballos de investigación de diferentes autores, campos e niveis de investigación, así como correspondentes a diferentes idades. Contrastan asemade pola cantidade de traballo dedicado, a orientación que se lles da, o sistema de presentación ou o método usado para aproximarse a un coñecemento máis profundo do problema. Nunha charla púxose de manifesto que o ano pasado, 2008, máis do 40% dos traballos presentados ó concurso nacional de xoves investigadores foran orixinarios de Cataluña. Sabendo que a exporecerca é de carácter internacional (este ano participan traballos de Brasil, Bélxica, Francia, Eslovaquia ou Paraguai) e que nela, a pesares de todo, os traballos de orixe catalán son 2/3 competindo en igualdade de condicións (como mínimo) cos demais participantes vidos dos catro confíns do mundo, non é de estrañar o éxito dos traballos cataláns a nivel nacional. Éxito que por outra banda, ven certificado e apoiado a nivel público polo curriculum didáctico, que hai xa moitos anos acolleu un 'treball de recerca' como obrigatorio para todos os alumnos; algo que foi aproveitado por profesores como Manuel Belmonte para potenciar tanto o actual desenvolvemento da investigación catalana a nivel do ensino como a interiorización da investigación polas persoas que pasan polo sistema educativo.

Manuel Belmonte? Manuel é o alma máter de Magma, sociedade xuvenil de investigación que é a creadora e encargada de levar a cabo a exporecerca. En base ás edicións xa transcorridas, a partires deste ano 2009 Magma poñerá na rede unha serie de orientacións e documentos sobre a realización de traballos de investigación e algún asemade sobre as feiras de ciencia, documentos que condensarán a historia deste evento, pero sobre todo aínda máis aló, a parte invisible que o fai posible.
Unha última referencia: a lingua. Non estraña, pero induce a pensar, que moitos alumnos cataláns prefiran explicar en catalán a facelo en castelán. Isto pasa mesmo con alumnos de orixe evidentemente inmigrante. Que pasaría en Galicia de suceder o mesmo?
Un valor engadido: a celebración da Exporecerca nos terreos do antigo 'Museu de Ciència', Hoxe 'Cosmocaixa', permite ós participantes un '2x1', recollendo ideas e aproveitando de ambos lugares.

E un algo que se fai difícil entender para quen isto escrebe: a mostra Exporecerca está a ser visitada por moi poucos visitantes externos. Aínda que non hai contabilidade dos visitantes, que eu saiba, diría que hai menos visitantes que a suma de organizadores, expositores e xuíces. Unha mágoa para unha actividade que paga a pena ou unha sorte que permite aproveitala mellor aos que participan nela?
Antonio Gregorio
O Relato dun dos viaxantes:
O mércores día 1 de abril despediámonos de Ribadeo para marchar catro días e tres noites a Barcelona, onde presentaríamos o noso proxecto sobre o desfase das mareas nas rías na Exporecerca Jove (2, 3 e 4 de abril) .
Trátase dunha expo que se vén organizando dende hai xa uns anos na capital catalana e que alberga participantes de entre 12 e 30 anos e de variopintas nacionalidades. Durante as tres xornadas na carpa, no complexo de CosmoCaixa, recibimos de bo grado a visitantes e curiosos que se achegaban a ver os nosos traballos. O certo é que nos chamou a atención o escaso número de visitas organizadas que houbo, polo menos en comparación coa nosa Feira da Ciencia de Ribadeo, e esperábamos que fora moita máis xente.
Respecto ós traballos expostos, observamos unha gran variedade en canto a temas, elaboración e calidade.
En canto á estancia , a residencia Ágora ofreceunos almorzo e cama, e a comida correu a cargo da organización Magma (a mesma que organiza a Exporecerca). As ceas pola nosa conta en McDonals e similares non estiveron nada mal... rico, barato... e divertido!.
Polo demáis... no tempo libre: recorrer de cabo a rabo o Museo da Ciencia, unha observación astronómica onde puidemos observar con claridade os aros de Saturno, turismo polo centro da cidade, e moitas, moitas partidas de futbolín.
En canto ós premios, non nos tocou nada que traer para a casa. Seguiremos traballando e tratando de mellorar o que temos feito e, se cadra, probar sorte en algunha outra expo ou similar. Polo momento... deixamos a investigación ata dentro duns días... a Feira da Ciencia en Ribadeo!.
Laura Piñeiro Rouco (1º Bacharelato)

3/4/09

Viaxe a Melgaço.



O día 31 de Marzo, os alumnos de 4º ESO e 1º de Bach. Humanidades participamos nun dos “intercambios territoriais” organizados polo PROXECTO TERRA. O noso destino foi Melgaço. Comezamos a nosa visita por Porta de Lamas de Mouro, unha das sete portas ao Parque Nacional de Peneda-Gerês. Alí uns monitores moi simpáticos ensináronos a ordenación territorial daquela Serra. Pola tarde fumos a Castro Laboeiro donde iniciamos unha rota a pe de 3 Km, ainda que os kilómetros portugueses deben medir menos que os nosos pois aquelo non baixou dos 5 Km.


Instaláronnos nun albergue moi chulo e moi moderno, donde, casualmente, os profes e o conductor pudieron durmir sen sobresaltos………………….
Ó día seguinte recorrimos Melgaço. Comezamos pola torre medieval, seguimos polo museo do cine e rematamos no matadeiro municipal, convertido nun edificio moderno donde instalaron un museo adicado ó contrabando que existiu na fronteira Portugal-España; e á emigración portuguesa cara a Brasil e a Europa.
Resultou todo moi ben. Os monitores foron moi atentos e os nosos profes ¡ENCANTADORES!.
Pola nosa parte fumos moi bos, comimos todo o que nos puxeron, non mercamos chuches, fixemos a camiñata sen protestar nada de nada, non fumos consumistas, visitamos tódalas igrexas que había, esquecímonos dos móbiles, no albergue non fixemos nada de ruido e deixamos todo recollido ( esto último é raro pero é verdade).