28/2/10

O paso de Xynthia visto pola estación meteorolóxica.

Dende que se puxo en funcionamento a estación meteorolóxica (01/04/2009) é a primeira vez que un fenómeno destas características visita a Mariña e, aínda que afortunadamente resultou menos virulento do previsto, foi o suficientemente intenso para non pasar desapercibido na evolución das variables que constantemente rexistra a estación.


A primeira manifestación da proximidade de Xynthia foi a choiva que empezou a caer sobre as 7:00 h e que non cesaría ata as 17:20 h. De todos os xeitos a cantidade acumulada nesas horas, 19 litros por metro cadrado, non era alarmante, entrando dentro do normal para calquera fronte dos moitos que ao longo do ano barren Galicia. Tan só había un dato que chamaba a atención, o barómetro parecía estar en caída libre, ás 18:00 h marcada 970,8 hpa, e seguía baixando!. Por outro lado, o vento reducíase a unha lixeira brisa, non chegaba a 10 km/h, onde estaba o Xynthia?. (Facer "clic" sobre as gráficas para amplialas).





A sorpresa chegou a partir das 18:40 h, en poucos minutos as variables rebentaron: a temperatura subiu 4,4º en 10 minutos, e algo mais de 7 en media hora, chegando a alcanzar os 18,8º ás 19:20 h; ao mesmo tempo, o vento, gran ausente ata ese momento, cobrou protagonismo con refachos que pasaron dos 8 km/h ás 18:40 h, ós 38,6 ás 18:50 h, chegando ao máximo refacho de 61,2 km/h ás 19:30 h, velocidade nada desprezable tendo en conta que o anemómetro está situado só a tres metros de altura e preto de obstáculos como árbores e edificios.


Como se pode ver na gráfica, o período de máximos refachos durou pouco máis dunha hora, o que indica que a borrasca movíase moi rapidamente, quizais por iso non causou danos moi graves. En todo caso, as predicións non erraron, Xynthia acudiu á cita e a nosa estación estaba ai para rexistrar todo o que estaba pasando deixándonos un montón de interesantes datos.
Para saber máis sobre este fenómeno pódese consultar o blog de Meteogalicia.

12/2/10

Excursión a Santiago: Observatorio Astronómico, Cidade da Cultura, Pórtico da Gloria, ...


O martes 9 de febreiro o alumnado de 2º de Bacharelato desprazouse ata Santiago para visitar o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a Cidade da Cultura, o Pórtico da Gloria e o Campus Sur.
A xornada comezou coa visita guiada ás instalacións do Observatorio Astronómico, onde puideron ver o instrumental con que conta, coñecer de cerca os proxectos nos que traballa e asomarse á inmensa labor desenvolvida polo seu fundador Ramón María Aller Ulloa, continuada polo actual director José Ángel Docobo Durantez.












De seguido trasladáronse á Cidade da Cultura onde percorreron, acompañados dunha guía, as instalacións dos dous edificios xa rematados: o arquivo e a biblioteca; suficientes para percatarse das descomunais dimensións do proxecto.
Despois de comer dividíronse en dous grupos: mentres que os de Humanidades asistían a unha visita explicada á actual restauración do Pórtico da Gloria, os de Ciencias percorrían o Campus Sur, parándose en facultades como Matemáticas e Física.
Foi unha xornada completa e ben aproveitada.

Orientación universitaria


O pasado venres, 5 de febreiro, estivo no centro Ignacio Ramos, profesor do departamento de Bioquímica da Facultade de Veterinaria de Lugo, acompañado de María Vieites, antiga alumna do Instituto que actualmente cursa 1º de Físicas na Universidade de Santiago.
Entre os dous impartiron unha charla informativa sobre a Universidade ao alumnado de Bacharelato.
As numerosas preguntas formuladas polos asistentes deixaron claro que se espertou o seu interese, por outro lado lóxico, xa que tratáronse problemáticas nas que se verán inmersos dentro de poucos meses.

8/2/10

Visita ás instalacións de INDITEX en Arteixo e a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”




O xoves, día 4 de febreiro, os alumnos/as dos Ciclos Medio e Superior de Administración visitaron as instalacións que o grupo téxtil INDITEX posúe na nesa localidade. Púidose observar como se traballaba no deseño e no patronaxe das prendas, na preparación dos escaparates das distintas marcas do grupo (Zara, Berskha,...), na recepción de pedidos, no corte de teas, no preparación e embalado das prendas e, finalmente, como se realizaba toda a preparación loxística para distribuír os pedidos pola rede de tendas do grupo espallada por todo o mundo. Impresiona a capacidade de innovación desta empresa galega.



De seguido viuse a exposición de fotografía “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano” nas salas de exposicións da sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Na mesma, recóllense os traballos desta autora norteamericana que recorreu o noso país nos anos 1924-1926, realizando un valiosísimo documental sobre a maneira de vida dos galegos/as da época con todas as súas necesidades. Sen dúbida, un acertado contrapunto para recordar de onde vimos.

3/2/10

Día mundial dos humedais






Como xa é habitual no noso centro, o pasado 2 de febreiro celabramos o día mundial dos humedais. Para iso, un grupo de alumnos de 4º eso aproveitaron parte da mañá para facer unha saída á Ría, acompañados pola profesora de bioloxía Mª Jesús Besteiro Cabanas.







Ademais de gozar dunha mañá de sol espléndido que xa votábamos de menos, nas distintas paradas que fixemos piudemos observar un bó número de aves invernantes: garzas, garcetas, correlimos, zarapitos, cormoráns así como pato asubión ou alavanco real.








Tamén nos fixamos nas grandes masas de vexetación características do esteiro: pradeiras submariñas de zostera que cobren gran parte da enseada da Liñeira, extensos xuncais que empezan a aparecer á altura da enseada do Tarrón en Vilavedelle e tamén masas de canaveirais que xa aparecen a partir de Porto onde a ría adopta un trazado meandrifrome debido ó predominio da acción fluvial.


En fin, unha mañá de clase un pouco distinta e cun obxectivo claro: coñecer o noso entorno para así aprender a valoralo e respetalo porque a súa conservación é cousa de todos nós.

1/2/10

Lectura da paisaxe


Parte do noso alumnado realizou o pasado xoves 28 de xaneiro unha actividade enmarcada dentro da Axenda 21 Escolar. Baixo o título “Lectura da paisaxe”, os nosos alumnos asistiron pola mañá a unha charla impartida polo xeógrafo Paco Castillo, actual xefe de servicio de Paisaxe, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia. Pola tarde, algúns deles subiron a Santa Cruz para poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos pola mañá, tratando de encontrar as claves da interpretación da paisaxe e sensibilizando sobre a importancia de conservalo. Non cabe dúbida que foi unha xornada interesante e enriquecedora que todos agradecemos, porque está claro que primeiro hai que coñecer e valorar o entorno para que despois xurda o desexo de conservalo.

English theatre


Last Tuesday we went to IES Gamallo Fierros to see a play in English. We went with teenagers from other high schools.
The play was about a teenager called Peter who talked about his family, the girl who he loves, his bully and his experiences on holidays. The main topic was the girl who he loves. His bully told him that he was her boyfriend, but the girl wasn’t his girlfriend and she loved Peter. At the end, after they did a show and told experiences, the girl kissed Peter.
It was really fun and the audience participated a lot.


Lidia Fernández Belmar, Sarai Pousada Linares – 4º ESO