25/3/10

Premio de Meteogalicia

A labor constante de observación, rexistro e divulgación da meteoroloxía en Ribadeo, desenvolvida polo IES dende que forma parte da rede de MeteoEscolas, foi recoñecida cun premio outorgado por Meteogalicia.



O premio entregouno o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, no acto de celebración do X aniversario da creación de Meteogalicia, o día 23 de febreiro, Día Mundial da Meteoroloxía. O Conselleiro afirmou que as MeteoEscolas complementan á rede de estacións meteorolóxicas da Xunta de Galicia xestionada por MeteoGalicia, e grazas e elas acadouse unha base de datos meteorolóxicos importante para que os estudantes e o profesorado puideran empregar como recurso educativo, á vez que estes datos -obtidos e facilitados polos centros- se colgaban na web.







Dende 2007 un total de 97 Institutos de Educación Secundaria (IES) e Centros Públicos Integrados (CPI) están adheridos a esta rede. Recoñeceuse e agradeceuse a labor e participación de todos os centros, moi especialmente, aqueles máis involucrados con este proxecto. Ademais do IES Porta da Auga, foron premiados os IES Perdouro, Couto e Ribeiro, e o CPI Camiño de Santiago, os centros máis activos entre as MeteoEscolas. Non debe pasar desapercibido que dos cinco premiados dous son da Mariña.

17/3/10

Visita a Ciberalia-Caixa Galicia

No día de hoxe, 16 de marzo de 2.010, dous profesores deste instituto acompañando a un grupo de alumnos de 1º de Administración e Finanzas e de 1º de Bacharelato, fixeron unha visita ó aula CIBERALIA-CAIXA GALICIA en Lugo, para participar nunha actividade que se desenvolveu en dúas partes claramente diferenciadas.


Na primeira parte, que se desenvolveu desde as 10:20 ata as 11, os alumnos recibiron unha charla sobre as operacións de banca electrónica que se poden facer desde a web de Caixa Galicia. O ponente explicou cales operacións precisan clave para poder facelas, e tamén explicou o funcionamento duns simuladores que hai dentro da referida páxina para ver algúns dos productos que ofrece Caixa Galicia, como poden ser as contas de prazo, os fondos de investimento, os planos de pensións, os préstamos, as hipotecas, etc..




Na segunda parte, desde as 11 ata as 13:30, o ponente fixo primeiro unha breve exposición sobre o deseño de páxinas web, e despois pasamos a outra aula onde, xa cos ordenadores, se fixeron varias prácticas do que previamente se vira no plano teórico. Practicamos sobre como crear unha web, como colocar nela texto e imaxes, como configurar colores títulos, etc., como facer un enlace (tanto interno coma externo), como crear un sitio ...
Ás 13:40 saímos de regreso a Ribadeo.

3/3/10

A REALIDADE LABORAL MAÍS CERCA: VISITA AOS XULGADOS DO SOCIAL

Este martes, día 2 de febreiro, o alumnado dos ciclos de Administración asistiu á celebración de varios xuízos nos xulgados nº 2 e nº 3 de Lugo. A actividade fora previamente planificada e estudada, sendo coñecedores os participantes dos casos a tratar nas vistas (reclamacións de cantidades, abusos da contratación temporal, prestamismo laboral, ...). Poñendo en uso os coñecementos explicados en clase, todos realizamos as nosas predicións sobre o sentido das sentenzas e agardamos con expectación a súa publicación.

E pola tarde visita dosificada ao Museo Provincial de Lugo: maquetas de pallozas, cociña tradicional, obras senlleiras do escultor Asorey, sección de ourivería –carneiro alado de Ribadeo, torques de Burela, ...-, A escola de Doloriñas e os mosaicos romanos foron algunhas das obras vistas. Quedou tamén moito por ver, coma sempre que se visita un museo, pero iso é o bon: quedar con gañas de volver a entrar.

En fin, bo ambiente e visita produtiva. Profesorado e alumnado quedamos emprazados para a próxima.