18/5/11

Correlingua 2011

O venres 6, baixo o lema EN GALEGO SEMPRE SOMOS, os alumnos/as de 2º e 3º de ESO participaron no Correlingua da Mariña.
Nesta edición, esta carreira anual en defensa do idioma galego tivo lugar en Burela, reunindo a máis de 1.200 escolares da comarca.
Despois de realizar un percorrido urbano pola vila, a xornada rematou coa leitura do manifesto do Correlingua e as actuacion do mago Martín Camiña e do grupo Som do Galpón, que puxeron o broche final na Praza do Concello.

Matarratos Darwin

O pasado martes, día 10, os alumnos/as de 3º e 4º de ESO e os de 1º de Bacharelato asistiron a un espectáculo novidoso. Non foi unha conferencia ao uso, pero tampouco unha obra de teatro, senón algo a medio camiño entre as dúas cousas, ao que os pais da criatura, Vicente de Souza, actor e director, e Xurxo Mariño, científico e divulgador, quixeron chamar discurshow .
Darwin é o protagonista do espectáculo. Nel detállase as anécdotas que normalmente non se cotan da viaxe do naturalista británico nos seus tempos de mozo a bordo do barco Beagle. Durante a mesma pasou enfermidades, terremotos, temporais, medo, frío, pero tamén tivo os seus momentos de felicidade.
Esta obra é un bo exemplo de como se pode achegar a ciencia ao público dun xeito ameno, e de que o divertimento non está reñido cos temas máis sisudos. Ademais, a nosa lingua semella darlle máis carta de natureza a esas intencións, xa que, como dicía o lema dunha exposición realizada no noso IES fai pouco, o galego non deixa de ser o noso medio natural.
Non queremos finalizar esta referencia sen indicar que o acto, que tivo lugar no Auditorio Hernán Naval, foi organizado conxuntamente polos dous institutos de ensino da localidade, o IES Gamallo Fierros e o IES Porta da Auga, e que no noso centro foi impulsado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e polo Departamento de Ciencias.

6/5/11

Intercambio con Caldas de Reis

O pasado xoves 28 de abril, os alumn@as de 2º e 3º de ESO do noso IES visitaron a vila de Caldas de Reis, dentro das actividades de intercambio co alumnado do IES Aquis Celenis organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

A visita comezou ás 11:00 h. Recibíronnos os alumn@s participantes, acompañados dos seus profesores e do Director do centro. A continuación fixemos unha visita guiada pola vila, seguida dun paseo a pé pola beira do Umia ata a moi bonita fervenza de Segade.

A continuación subimos, para xantar, ao mirador do Monte Lobeira, desde onde gozamos dunha espectacular vista de toda a Ría de Arousa.

Á tarde, visitamos Cambados, onde, mesturados os alumn@s dos dous centros, participamos nunha actividade de grupos que nos serviu para coñecer esa vila.

Finalmente dirixímonos á Illa da Toxa, lugar no que moit@s de nós aproveitamos para darnos o primeiro baño da tempada, nunhas augas aínda un pouco fresquiñas.

Todo o bo remata, polo que ás 18:30 h. houbo que emprender o camiño de volta para Ribadeo. Agardamos con impaciencia a devolución da visita, prevista para o día 31 de maio. Intentaremos non desmerecer en nada a súa calorosa acollida.

Foi unha interesante e amena xornada, (Ver álbum de fotos)