24/5/12

O IES Porta da Auga no Correlingua 2012


O 16 de maio alumnos e alumnas do noso instituto desprazáronse a Viveiro para participar nas actividades do Correlingua, a carreira anual en defensa da nosa lingua. Foi o remate dunha serie de traballos preparatorios no centro,  como a do Galeoke, a redacción do manifesto...
A carreira do Correlingua saiu de diante do CEIP Lois Tobío, en Covas, para cruzar a ría pola ponte da Misericordia. Logo fíxose un percorrido polo casco histórico, para rematar na Praza Maior, onde se puxo o ramo cun festival de música.
 Presentou o acto a actriz Iria Sobrado, e actuou o gañador do concurso Cantalingua, Xenderal, un cantante de rap en galego que fixo que moitos dos presentes subisen ao palco a bailar, tal era o ritmo que tiña. Deuse lectura ao manifesto deste ano, e un grupo de alumnas e alumnos de Viveiro cantaron. Estes últimos foron tan animados que o palco non foi suficiente para todos os que querían subir.
Como Viveiro é unha vila con moito atractivo aproveitamos para coñecela mellor: xantamos na praia de Area, onde, de paso, nos demos o primeiro baño da tempada (Que fría estaba a auga!); subimos ao Monte San Roque, que ten unhas vistas impresionantes de Viveiro e da ría; descubrimos o casco histórico e os seus principais monumentos a través dun xogo de localización, e rematamos coa lectura pública doutro manifesto en defensa da lingua galega, de novo na Praza Maior.
A volta en autobús fíxose curta: cantamos cancións populares.

Unha viaxe ao mundo da lusofonía



O pasado martes 15 de maio, o alumnado de 4º de ESO e de 1º de Bacharelato asistíu á actuación musical de Fran Pérez, “Narf”, un artista que interpreta poemas cantados, dende o noso Castelao,  ou o Mozambicano José Craveirinha, pasando polo portugués Luís de  Camoes, ata outros autores contemporáneos como Xelís de Toro (Galiza), Sonia Sountuane (Mozambique),  ou Paulo Macamo (Mozambique), ademais doutras cancións escritas polo propio Narf.
 No concerto, de formato intimista, escoitamos cantar en Galego, en Portugués, en linguas de orixe bantú como Shangana ou Machopi, e tamén en Inglés escrito por galegos, dando a entender a gran capacidade do noso idioma  e da nosa identidade para conectar a persoas de moi diferente orixe cultural, pero que teñen o vínculo da fala, que funciona como una ponte única para o encontro.
Ademais, o cantante fala das súas experiencias vitais de varios anos de viaxes e intercambios con artistas de Brasil, Mozambique, Portugal, Cabo Verde ou Guiné Bissau, en diálogo cos alumnos. 
O concerto permitiu mostrar a potencialidade do galego como idioma válido para a comunicación en todo o ámbito dos países da lusofonía, entre linguas que comparten a mesma orixe, así como compartir enriquecedoras experiencias co autor, que sintonizou moi ben co seu público.
A actividade organizarase en comandita entres os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos dous IES de Ribadeo, o IES Gamallo Fierros e o noso, o IES Porta da Auga.

Excursión a Santiago

O alumnado dos ciclos de Administración viaxou a Santiago para visitar o Parlamento de Galicia e o Museo do Pobo Galego.