O pasado sábado 12 de maio os alumnos e alumnas participantes no proxecto GALEGUIZACIÓN DA HOSTELARÍA RIBADENSE disfrutaron do seu merecido premio: unha viaxe lúdica a Vigo, Sta. Tegra e Valença.
A saída tivo lugar ás 8:00 h., chegando a Vigo ás 12:00. As catro horas que estivemos nesa cidade deron para visitar o mirador do Castro -con fermosas vistas da urbe e da súa ría-, dar un paseo pola céntrica rúa peonil do Príncipe, polo bairro da Pedra e pola zona portuaria, á parte, loxicamente, da necesaria reposición de forzas co xantar de mediodía.
A continuación dirixímonos directamente para o monte de Sta. Tegra. Alí contemplamos a fermosísima vista do esteiro da desembocadura do rio pai, o Miño, e visitamos tamén o castro, un dos máis coñecidos.
De seguido saimos cara a vila-fortaleza de Valença do Minho, ao outro lado do río. Puidemos pasear paseo por esta bonita e moi concurrida vila comercial portuguesa e, o que máis e o que menos, aproveitou para realizar algunhas compras.
As 19:30 iniciamos o regreso, estando de volta no IES ás 23:30 segundo o previsto.
Cabe recordar que o proxecto arriba mencionado foi un dos premiados dentro da convocatoria para proxectos de innovación lingüística en centros públicos. O traballo posterior consistíu na tradución ao galego, inglés e francés dos menús da hostelaría local. O Concello de Ribadeo, mediante a Área de Desenvolvemento Local, encargouse do contacto cos establecementos interesados, así como de conseguir a financiación para poder presentar uns materiais atractivos listos para o seu uso e en catro linguas as tres citadas e o español-. Os materiais desta campaña están a punto de ser presentados publicamente baixo o suxerente título RIBADEO CON GUSTO, campaña de dinamización da hostelaría local.
No hay comentarios:
Publicar un comentario