27/4/10

2º DE ESO B GOZOU DO SEU PREMIO VISITANDO FERROL E AS FRAGAS DO EUME

Os pasados martes 20 e mércores 21, os alumnos/as de 2º de ESO B, gañadores do concurso do manifesto do Correlingua 2010, visitaron Ferrol e as Fragas do Eume e gozaron deste programa de actividades elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia dentro do Proxecto Terra.

A primeira xornada comezou coa visita á aula de Ecoloxía Urbana e ao Parque de Aquaciencia, ambos dentro de parque Raíña Sofía. Posteriormente, realizaron un paseo en barca pola ría ata a ponte das Pías, con atraque no porto de Mugardos.

Á tarde, saída en barca desde Mugardos para achegarse ao porto exterior e volta para atracar no Castelo de San Felipe, con visita guiada a este interesante exemplo de construción militar do s. XVIII.

Posteriormente paseo polo barrio da Magdalena, paradigma de trazado urbano racionalista con destacados exemplos de arquitectura modernista.

Como remate da xornada, acomodo para pasar a noite no albergue de Alvarella.

Na segunda xornada, traslado ás Fragas do Eume, con camiñada saíndo desde a Capela, realizando a ruta das tres pontes, para rematar no punto de entrada no parque.

As 17:00 h., inicio do retorno cara Ribadeo.

En resumo: moi completas, interesantes e entretidas xornadas para este grupo que, con este premio, viu plenamente recoñecida a súa colaboración.

20/4/10

ALUMNOS DO IES PORTA DA AUGA RECIBEN O PREMIO DO CORRELINGUA

Os alumnos/as de 2º de ESO B, do IES Porta da Auga, obtiveron o premio do Manifesto do Correlingua 2010 coa composición que comeza “somos un grande equipo, o equipo do correlingua...”



O manifesto gañador é un poema onde a primeira letra de cada verso forma o verso de Uxío Novoneyra A FORZA DO NOSO AMOR, e alude a obras doutros autores galegos e manifesta tamén a preocupación que se vive nos centros polo novo decreto do galego no ensino.

Eva Méndez Lombardía foi a profesora que animou e axudou a estes alumnos para a elaboración deste manifesto, que obtivo este recoñecemento.

Estes rapaces/as foron invitados á presentación do Correlingua 2010, o pasado día 15 de abril, no Museo do Pobo Galego de Santiago. Tamén, como premio, disfrutarán dunha viaxe de dous días ás fragas do Eume e a Ferrol, guiados por especialistas do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e realizando diferentes actividades.





No concursos do Correlingua participan todos os anos centros de infantil, primaria e secundaria de toda Galiza, polo que estes alumnos senten un orgullo especial ao quedar en primeiro lugar e polo feito de que o manifesto que eles elaboraron sexa lido ante miles de estudantes en todas os Correlinguas que se van celebrar no próximo mes de maio.


Manifesto:

Somos un grande equipo, o Equipo do Correlingua.
Os que desde A Coruña, Baixo Miño, Ferrol, Vigo, A Mariña, Pontevedra, Lugo, O Salnés, Ourense e Santiago xuntamos as nosas voces para berrar alto e forte:

“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio:
“A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio”
Libraremos a batalla se libres quixermos ser
facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.

Feixoo co seu “Decretazo”
pretende facernos memos
vendéndonos trilingüismo
para evitar o galego

O xogo non será fácil, os adversarios son traidores,
pero temos xuventude,
somos moitos, somos fortes;
xogamos no noso campo e temos por adestradores
a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes.

Rompamos as barrreiras,
xa estamos fartos:
Falar queremos galego
como os nosos antepasados.

Zoa no ar un tempo de represión.
Mais Galiza, non teñas medo, que te imos defender
“Nunca máis” permitiremos que eses verdugos crueis
amordacen a túa lingua, nos repriman por ser fieis.
Formamos un bo equipo disposto a te protexer.

A vitoria está cantada, o xogo témolo nós.
Xa toca a “Alba de Gloria” do noso querido Daniel
oxalá que co seu “Ollo de vidro” el nos estea a ver
e poidamos redimilo do seu destino tan cruel.

Dabondo nos maltrataron
nos anos da Ditadura
á que pretenden regresarnos
vendéndonos inter-cultura.

O inglés, ninguén dubida,
lingua moi útil é,
que sen minguar a nosa propia,
ninguén rexeita aprender.

Nunca aprenderás a hablar”.
“Hable bien, sea patriota”
“Eso no es un can, que es un perro,
la laverca es una alondra”.
Con esas armas proclamaron a vitoria.
Minguando a nosa estima,
ensumindo a nosa gloria.

O nó que sen atar nos una
é o nó que nós queremos,
o que nos trouxo hoxe aquí:
A defensa do galego.

Somos unha xeración
de galegos preparados,
a gramática coñecemos,
da nosa historia sabemos.
Por usar a nosa lingua
quen se atreve a insultarnos?
Se nos deixamos gañar,
non seríamos desleixados?.

O correlingua camiña contigo,
Uxío, do Courel a Compostela
polas terras liberadas,
esas que vós liberastes
coa arma das vosas palabras.

A nosa gran Rosalía xogou no Olimpo moi soa
e por iso foi alcumada como “a pobriña da tola”.
Semente foi dunha estirpe de poetas emprendedoras
que coa súa lingua tecen a arma máis poderosa.

Mal de linguas din algúns, os que non queren entender
que a multitude de linguas é en si un grande ben
do que goza a humanidade para chegar a comprender
a complexidade do mundo no que lle tocou nacer.

O dito ben dito queda. Xa é a hora da despedida.
Agardamos terche aclarado algunha das túas dúbidas
para que a partir de hoxe na casa, cos amigos e amigas
fales galego por sempre, que o galego tamén liga.

Rematamos esta historia
Berrando ben alto e forte
Para que todos nos oian:
“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

Queremos galego na escola!

15/4/10

10000 (en base 2)


Chegou a décimosexta edición da feira da ciencia de Ribadeo, a versión 2010. Comezou o martes 13 ás 6 da tarde, coa inauguración. O salón de actos do IES Porta da Auga estaba a rebosar. Ós alumnos e profesores do centro agregáronselle representantes doutras comunidades educativas de Ribadeo, antigos profesores, cadros directivos da Consellería de Educación en Lugo, e representantes políticos, encabezados polo alcalde.
Bo, comezar, comezar, comezou ó rematar a edición anterior, como reza no vídeo feito co motivo da primeira feira. Pero ese foi o traballo calado, e agora chegaba o momento de poñerse de gala e ensinar o xa feito.
E ese foi o espírito das charlas na inauguración. Abriu o alcalde, dicindo que deixaba para o final as súas verbas pois consideraba que os máis tiñan que dicir eran os educadores. Continuou Alfonso, o Director, que glosou coas súas palabras o traballo dos alumnos ... e tamén dos profesores. É difícil facer un resume, entre didáctica, agradecementos ou visión xeral, pero quedaríame coa referencia usada para cristalizar o traballo no propio centro e polo alumnado: só 5 apartados dos máis de 70 non teñen que ver directamente con esa labor calada de educación e formación no IES. Despois xa foi máis doado: as verbas da Inspectora Xefe colleron o fío deixado e continuárono, e algo parello pasou coas do alcalde, cada un deles na súa versión, técnica ou política, e tendo en conta que antes de ocupar os seus actuais cargos, ambos tiveron relación co centro: a traveso da inspección a primeira, e como alumno e visitante asiduo en anteriores anos, o segundo.
Despois foi a primeira visita a feira, que durou máis do usual noutras edicións, pois as autoridades fixeron o recorrido completo. E aquí non se pode seguir sen facer referencia ó díptico completo, no que como é tamén tradicional, aparecían case todas as cousas a ver, pero non todas, como as figuras de Lissajous ou a Teoría de Cordas, e algunha de máis que se caeu do panel no último momento, como o Acender unha lámpada co corpo (como interruptor). Despois chegaron os pinchos.
E, como a feira comezou, pero aínda non rematou, cabe seguir cun 'continuará'.
... Por certo 10000 en base 2 é o 16 en base 10, ó igual que o binario 10001 corresponde ó 17 decimal ... outro número de feira seguinte.

Conferencia sobre sostibilidade



O pasado venres 9 de abril, María Pérez Sánchez, supervisora de medio ambiente da planta de ALCOA de San Ciprián, estivo no centro para pronunciar ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato unha conferencia sobre sostibilidade.
Na mesma explicou brevemente as actividades que ALCOA desenvolve en todo o mundo, o proceso de produción de alúmina e aluminio en San Ciprian e os crecentes esforzos e inversións que realiza para facer que a súa labor sexa cada vez máis sostible. En palabras de María “agora xa non se trata tan só de producir e producir, ademais hai que comprometerse no beneficio directo á comunidade na que se asentan as fábricas buscando a sostibilidade desa produción”.
Esta conferencia, posterior á presentación da XVI edición da Feira da Ciencia, serviu para iniciar ao alumnado na formación sobre sostibilidade, un termo do que sen dúbidas van oír falar moito no futuro.

14/4/10

VISITA AO PARLAMENTO GALEGO DO ALUMNADO DE ADMINISTRACIÓN



O pasado xoves, día 5 de abril, o alumnado dos Ciclos de Administración realizamos unha visita ao Parlamento Galego. Na mesma déronnos explicacións do funcionamento e funcións desta institución e puidemos entrar nas súas máis importantes dependencias. E polo que observamos parece que en algún/ha espertaba a súa vocación pola carreira política !!!

E pola tarde, visita ao Museo do Pobo Galego, na que se nos mostraron varias salas, parando con máis detemento na do mar e na de hábitat e arquitectura. Non nos fomos sen ver o exemplo de prodixio arquitectónico do sistema das tres escaleiras helicoidais, rara e elegante realización ónde as haxa.

En fin, instructiva e amena actividade nun día agradábel de primavera, no que tamén puidemos gozar de agradábeis paseos pola capital de Galiza.