20/12/07

Un novo proxecto de normalización lingüística


Co proxecto IMPULSO Á NORMALIZACIÓN DO GALEGO NO SECTOR DE SERVIZOS XURÍDICOS (NOTARÍAS, AVOGACÍAS, XESTIÓN DE PREDIOS,...) E NO ASOCIACIONISMO EN XERAL DO CONCELLO DE RIBADEO, o IES Porta da Auga acadou un novo premio para proxectos de innovación lingüística en lingua galega, na convocatoria conxunta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A iniciativa ten como obxectivo facilitarlles aos profesionais do sector todo un conxunto de documentos en galego de uso frecuente, como diversos tipos de contratos (arrendamento, compravenda, constitución de sociedades, ...) e outros documentos, listos para o seu uso. O que se pretende é favorecer o aumento da presenza do galego, nun ámbito no que está practicamente ausente.

Outro dos destinatarios serían as numerosas e variadas asociacións existentes no concello de Ribadeo: de veciños, culturais, deportivas, comunidades de montes, etc. Ofreceránselles diversos modelos de documentación e formularios (actas, solicitudes, reclamacións, recursos, bases de datos de socios, etc.), ademais de asesoramento lingüístico.

En calquera caso, preténdese que os servizos que se ofrezan se axusten o mellor posíbel ás necesidades e peticións dos interesados, xa que o que se persegue é ofrecer algo útil e que se utilice na práctica.

O proxecto está coordinado polo profesor Anxo Martínez, e nel traballarán seis docentes máis e arredor de sesenta alumnos, inscritos de xeito voluntario.
Na iniciativa tamén intervirá o Concello de Ribadeo a través do Servizo de Normalización Lingüística, asesorando e colaborando na posta en contacto do centro cos colectivos aos que se enfoca o proxecto.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Parabéns para esta iniciativa que sentimos mui próxima. Nós oferecemos a nossa plataforma para carregar na web os documentos que quigerdes.
galempresa
galempresa.com