1/2/08

Rutas literarias polo museo de Lugo


O 31 de xaneiro os nosos intrépidos aventureiros de 1º da ESO realizaron unha visita inusual ao Museo Provincial de Lugo.
Iniciaron esta experiencia lendo o libro Contos do Museo, composto por relatos escritos por catro magos lucenses das letras: Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín e Xosé Miranda. Os rapaces adentráronse en engaiolantes historias ambientadas no museo polas que buligan almas en pena, pezas arqueolóxicas enmeigadas, paxaros excepcionais ou travesos trasnos, aderezadas con temas como o amor, o misterio e o humor. Os textos ademais veñen acompañados de ilustracións realizadas por debuxantes tamén lucenses.
A segunda parte da andanza consistiu na visita ao Museo, alí tiveron que indagar polas diferentes salas, divididos en grupos e co libro lido na man, buscando as respostas dunha vintena de preguntas relacionadas cos relatos ou co propio Museo. A verdade é que a ardua pescuda deu os seus bos resultados e tamén tivo os seus premios.
Foi toda unha aventura que, segundo a opinión dos propios protagonistas, estarían dispostos a repetir.

No hay comentarios: