28/2/10

O paso de Xynthia visto pola estación meteorolóxica.

Dende que se puxo en funcionamento a estación meteorolóxica (01/04/2009) é a primeira vez que un fenómeno destas características visita a Mariña e, aínda que afortunadamente resultou menos virulento do previsto, foi o suficientemente intenso para non pasar desapercibido na evolución das variables que constantemente rexistra a estación.


A primeira manifestación da proximidade de Xynthia foi a choiva que empezou a caer sobre as 7:00 h e que non cesaría ata as 17:20 h. De todos os xeitos a cantidade acumulada nesas horas, 19 litros por metro cadrado, non era alarmante, entrando dentro do normal para calquera fronte dos moitos que ao longo do ano barren Galicia. Tan só había un dato que chamaba a atención, o barómetro parecía estar en caída libre, ás 18:00 h marcada 970,8 hpa, e seguía baixando!. Por outro lado, o vento reducíase a unha lixeira brisa, non chegaba a 10 km/h, onde estaba o Xynthia?. (Facer "clic" sobre as gráficas para amplialas).





A sorpresa chegou a partir das 18:40 h, en poucos minutos as variables rebentaron: a temperatura subiu 4,4º en 10 minutos, e algo mais de 7 en media hora, chegando a alcanzar os 18,8º ás 19:20 h; ao mesmo tempo, o vento, gran ausente ata ese momento, cobrou protagonismo con refachos que pasaron dos 8 km/h ás 18:40 h, ós 38,6 ás 18:50 h, chegando ao máximo refacho de 61,2 km/h ás 19:30 h, velocidade nada desprezable tendo en conta que o anemómetro está situado só a tres metros de altura e preto de obstáculos como árbores e edificios.


Como se pode ver na gráfica, o período de máximos refachos durou pouco máis dunha hora, o que indica que a borrasca movíase moi rapidamente, quizais por iso non causou danos moi graves. En todo caso, as predicións non erraron, Xynthia acudiu á cita e a nosa estación estaba ai para rexistrar todo o que estaba pasando deixándonos un montón de interesantes datos.
Para saber máis sobre este fenómeno pódese consultar o blog de Meteogalicia.

1 comentario:

agremon dijo...

Unha comparación brutal de didáctica.