27/5/10

O Alumnado é o Protagonista

Alumnado de 4º ESO de Bioloxía e Xeoloxía participaron o pasado 20 de maio no Encontro Intercentros da Axenda 21 Escolar Galega, celebrada en Pontevedra no Pazo da Cultura. Como o día prometía ser intenso fómonos o mércores e durmimos ( bueno, é un dicir) en Poio, moi cerquiña do mosteiro no que fixemos unha foto.
Trátase dunha actividade na que o alumnado de distintos centros presentou os traballos realizados ó longo do curso no marco da A21EG: dende obras de teatro, cancións e poemas que fomentan a sostibilidade, ata xogos con auga, carteiras reciclables, estudios do consumo enerxético nos centros, exposición de aves da ría do Burgo ou o noso: “Puntos de interese xeomorfolóxico de Ribadeo”. Foi unha xornada amena aínda que con moita calor: pola mañá asistimos repartidos a varios seminarios nos que se presentaban proxectos e tamén tres dos nosos alumnos presentaron o noso durante 45 minutos. Despois dunha comida da que alguén dixo (isto na miña casa chámase aperitivo) participamos nun recinto feiral aberto no que estaban expostos algúns traballos, por suposto que o noso tamén. Por alí foi pasando case todo o mundo e a verdade é que gustou moito. A partir dentón fomos ó auditorio para ver unhas obras de teatro e algunha actuación doutros centros (que algúns aproveitaron para votar unha pequena sesta porque a noite fora un pouco escasa) e despois rematamos a xornada e emprendemos a viaxe de volta. Sen dúbida, mereceu a pena o esforzo.

No hay comentarios: