O pasado xoves, día 31 de marzo, o alumnado de 3º e 4º de ESO organizouse en brigadas de limpeza para recoller lixo que o mar rexeita unha e outra vez despois da nosa torpe insistencia en consideralo un vertedoiro.
Alí topáronse coas nosas vergoñas en forma de infinidade de argalladas plásticas que no seu momento formaron parte desa irresponsable e irrespetuosa maneira que temos de producir, consumir e rexeitar. Cabezas de monecas, botas, zapatos, botellas e botes de mil formas , redes, cordas, aros diversos, nasas …e, sobre todo chanclas, chanclas de todas as cores tamaños e formas. Todo isto constituíu o tesouro que en grandes sacos trouxeron para o IES. (Fotos)
Despois comezou o traballo de darlles a estes obxectos tan diversos unha última utilidade, e así, baixo a batuta de Mª Jesús Colmenero, profesora de plástica, foron xurdindo no patio do centro nubes de chanclas que, despois de flotar na auga, levitan no aire; figuras humanas que nos observan ameazantes dende lugares recónditos, como se estivesen tramando a vinganza pola súa funesta existencia; unha serea envolta en redes que xa non seduce a ningún mariñeiro; serpes do pasado que reptan cara un escuro futuro, e no medio deste macabro escenario, unha foca no alto dun penedo xoga abstraída cunha pelota. (Fotos)
Todo este tétrico elenco desempeña así unha última función conseguindo captar a atención e mover á reflexión sobre o uso que estamos a facer do mar, convertido en reduto final de desperdicios.
Esta actividade enmárcase na nosa participación na Axenda 21 Escolar de Galicia, que persegue, mediante a potenciación da formación en centros, o fomento de valores básicos para a vida e a convivencia na igualdade e sostibilidade.
1 comentario:
Noraboa á comunidade educativa do IES Porta da Auga por estas esculturas que nacen no mar.
Adorei a foquiña, a serea, as medusas e esas nubes que camiñan e avanzan cara un mundo mellor e máis sostible.
Publicar un comentario