23/10/07

Fin de semana no camiño de Santiago





A pasada fin de semana (19-21 de Outubro), alumnos de 1º de Bacharelato, de 4º da ESO , algún de 3º, e un do ciclo medio de Administrativo, todos eles participantes (cando estudaron 3º ESO) no " PROXECTO TERRA", interviron por primeira vez nun dos chamados intercambios territoriais organizados por dito proxecto, en concreto o do "Camiño de Santiago do Cebreiro a Samos".
O obxectivo principal destas actividades é o de contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial.
O primeiro día, o venres, chegamos ao Cebreiro e alí ,en espera dun guía que ía vir dende A Coruña, visitamos a Palloza-Museo, a Igrexa e o conxunto arquitectónico do Cebreiro. Cando chegou Juan, que asi se chamaba o noso guía, comemos e despois volvemos ao autobús, que nos deixou en Fonfría e a partir deste punto comezamos a baixar andando cara a Triacastela (uns 9 Kms). Por certo, Juan que era profesor de Filosofía en Monelos non nos abandonou nos tres días, incluso durmía onde durmíamos nós; leva máis de 20 anos visitando esa zona e coñece a tódolos veciños. Nun aparte levounos a Miguel e a mín e mais a dous alumnos que manifestaron interese, B. López e Diego, a ver uns cochos deses de raza celta (un deles parecía unha vaca de grande que era), unhas casas rurais onde Borja quedou en ir de Lúa de mel e a casa dun tal Vázquez Queipo que foi o inventor da táboa de logaritmos. A tal casa, máis ben caserón, está en ruínas pero acaba de mercala Patrimonio, vaise gastar en restaurala 500 millóns das antigas pesetas, vaina explotar durante 50 anos, e despois devolveralla aos seus actuais donos, o Mosteiro de Samos. En Triacastela pasamos a noite, nun albergue só para nós........¡podédesvos imaxinar a noite!.............
O segundo día, sábado, seguimos en Triascastela toda a mañá, fomos ver un obradoiro artesanal de tecido, onde unha artesá estivo ensinándonos a traballar co tear, e como se facía o urdido. Despois de comer iniciamos o traxecto ata Samos (10 Km). Juan ía saíndonos ao camiño de cando en vez co seu coche para que non nos perdéramos. En Samos durmimos no Mosteiro ¡de película de medo!. Parece que o “Proxecto Terra” ofrécelles aos monxes amañar algo ese cuarto que dispoñen para os grupos de estudantes, adecentándoo coma un albergue, pero eles néganse a cambiar nada e xa vedes na foto como son eses “habitáculos”................. Ao final, todos na cama e comeza de novo a esmorga, despois dunha bronca de Miguel acabamos por durmir ata que sobre as 6 da mañá comezaron a soar os móbiles dos amigos/as de Ribadeo que estaban a rematar a noite do Sábado.
O domingo era o último día, despois de almorzar nun bar, un monxe ensinounos o Mosteiro, os claustros, a biblioteca, a igrexa; todo estaba bastante mellor que onde durmiramos............. Chegamos a Ribadeo á hora de xantar.
Foi unha bonita experiencia, os alumnos portáronse de marabilla, agás polas noites, pero iso é cousa da idade. O problema é que tanto Miguel como a que escribe empezan ir maiores para pasar dúas noites sen durmir como Deus manda, así que solicitamos profesores substitutos para estes menesteres. Sen embargo, antes que envellezamos de todo, abrimos lista para ir o 9-10 de maio a Ferrol-Fragas do Eume, unha visita ao casco urbano de Ferrol (hai que manexarse cada un co seu plano), un paseo en barco pola ría, coñecer o castelo de S. Felipe e por suposto facer sendeirismo polas fragas do Eume ata o Mosteiro de Caaveiro, tamén se durmirá nun albergue, pero desta vez unha soa noite, ANIMÁDEVOS, precisamos mínimo 25 alumnos/as, trátase de coñecer a nosa identidade territorial, como di o anuncio: EXERZAMOS DE GALEGOS.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

O anuncio di: VIVAMOS COMO GALEGOS

Anónimo dijo...

non olvidaremos os ronquidos da noite que pasamos no Mosteiro jajaja