30/3/09

Medimos o radio da Terra


Unha das actividades programadas dentro do Ano Internacional da Astronomía consistía en medir o radio da Terra utilizando o mesmo método que Eratóstenes, alo polo ano 200 a.de C. As distintas medidadas da sombra do gnomon nesta ocasión proporcionaríanas os centros escolares que se inscribiran na actividade. O día proposto foi o do 27 de marzo e ... aí estivemos nós!.
No patio interior do instituto montouse unha mesa sobre a que situamos o gnomon cuxa sombra nos permitiu calcular a altura do Sol ao paso polo meridiano. Estes datos, xunto aos dos colexios restantes, mais de 500 en todo España e algún do estranxeiro, permitiron establecer o radio terrestre en 5982 km. Tendo en conta que o radio verdadeiro é de 6371 km, o erro cometido ven sendo do orde do 6%, bastante aceptable se temos en conta que as medicións fixéronas escolares en condicións non moi precisas.
Esta actividade debe servir para reflexionar sobre os logros científicos que se acadaron na civilización grega: fai 2200 anos que Eratóstenes, con medios rudimentarios, conseguiu estimar o radio da Terra cun erro similar ou incluso menor.
Hai quen opina que se non se interrompera o impulso que os gregos deron á Astronomía e á ciencia en xeral, hoxe teríamos colonias en Marte e estaríamos viaxando ás estrelas máis próximas.

No hay comentarios: