21/5/09

...E viñeron os/as de Melide

O pasado martes, día 19 de maio, os alumn@s do IES de Melide devolvéronos a visita, no que foi un moi agradábel día de convivencia, no que o tempo estivo da nosa parte.
Recepción no salón de actos do IES -con canto incluído-, recorrido polo paseo marítimo, Cargadeiro, Forte San Damián –onde nos enteiramos de anécdotas coma a de aquel alcalde que, ante a ameaza da frota inimiga, ordena retirar os canóns ( non fora ser que, ademais da suma a acordar para que non se excedesen coas tropelías, levasen tamén aquelas pezas que non servían para lle facer fronte)-, e remate da camiñata no faro de Illa Pancha. Para todo iso deu a mañá.


O xantar campestre tivo en Santa Cruz a mellor das localizacións posíbeis. E ata tiramos da corda, gañando ... ben, mellor non dicir nada.

Á tarde, mesturados en varios grupos, os de Ribadeo actuamos de guías nun recorrido lúdico-histórico-artístico pola nosa vila. Uns máis e outros menos, todos aprendemos algo ou vimos algo novo paseando, contando e escoitando cousas e historias, a medida que recorríamos San Roque, coas súas casas de indianos, aprendíamos o porqué dunha rúa Vilafranca do Bierzo en Ribadeo, explicábamos os problemas da Torre dos Moreno, algo da historia de Raimundo Ibáñez pasando por diante da que foi súa casa, camiñábamos polo casco vello, a Atalaia ...
Houbo tamén tempo libre. E para rematar, que mellor sitio ca Rinlo para despedirse, non sen comentarlles que o mar non sempre está tan calmo, onde polo inverno se dicía aquilo de “roncan as ribeiras” cando bruaba o mar.


Viñeron, fóronse, pero algo queda: a nós deles e delas, e a elas e eles seguro que algo de nós. Melide e Ribadeo, dous anacos da nosa terra, que merece ser mellor coñecida en galego, máis visitada e gozada. Estarémolo facendo por nós.


Grupo de Normalización e Dinamización Lingüística

No hay comentarios: