12/5/09

Estación meteorolóxica do IES Porta da Auga


A finais do curso pasado Meteogalicia puxo en marcha as Meteoescolas, rede de estacións meteorolóxicas en institutos e colexios que ten como finalidade a mellora o coñecemento do clima entre os escolares, a sensibilización dos máis novos sobre a problemática do cambio climático e a promoción da investigación na escola.
Dende ese momento o IES Porta da Auga integrouse nesa rede e empezouse a traballar no acondicionamento da caseta meteorolóxica que albergaría o termómetro de máximas e mínimas e o pluviómetro, instrumentos básicos cos que se dotou a tódolos membros das Meteoescolas. Todo estivo listo a primeiros deste ano e o 8 de febreiro comezouse a toma diaria de datos e a inclusión destes na páxina web de Meteogalicia.
Pero había un problema insalvable: os días festivos, vacacións,... non se podían recoller datos polo que sempre serían incompletos. Por este motivo decidiuse instalar unha estación automática como complemento á manual. O modelo elixido foi a Davis Vantge Pro2, cuxa instalación e posta en funcionamento acaba de rematar.
Con esta estación podemos ter información actualizada en todo momento e os datos acumulados de tódolos días, estea ou non aberto o centro, así como contrastar cos recollidos na manual. Ademais toda a información recollida pola estación envíase directamente á web do centro cada cinco minutos (http://www.portadaauga.es/).
As posibilidades didácticas que xorden combinando o uso de ambas estacións son enormes, tanto para a ESO como para o Bacharelato. De seguro que nos próximos cursos habemos de ver froitos.

No hay comentarios: