9/12/10

Axenda 21 Escolar de Galicia, 2010-11


O IES desenvolve unha campaña de promoción do uso da bicicleta entre o alumnado dentro do proxecto que presentou para a participación na rede de centros que integran a Axenda 21 Escolar de Galicia (A21EG).

“enBICIate”, “Vive a bici”, son parte do reclamo que pretende chamar a atención dos alumnos e alumnas sobre a bicicleta, ese “xoguete” que pode converterse nunha seria alternativa para a mobilidade por Ribadeo. Ademais haberá excursións en bici, ampliación do aparcadoiro para bicis no IES, propostas ao Concello, premios e todas as demais cousas que se non vaian ocorrendo.

O programa presentado para a A21EG/2010-11 contempla outras dúas interesantes actividades: “Un ecosistema: a Ría de Ribadeo” e “Reciclar para crear”. No primeiro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO farán un estudo da ría como ecosistema, (biótopo, biocenose e relacións), iniciándose no coñecemento da avifauna migratoria e nos grandes grupos de vexetación que converten á ría nun humedal de importancia internacional; no segundo, despregarán toda a súa capacidade artística e creativa utilizando materiais de refugallo que previamente se recollerán nas praias e caídos da costa.

En definitiva, é un programa pensado para concienciar sobre a sostibilidade no entorno máis próximo ó alumnado. Os primeiros resultados esperamos presentalos na feira da ciencia deste curso.

No hay comentarios: