24/5/12

O IES Porta da Auga no Correlingua 2012


O 16 de maio alumnos e alumnas do noso instituto desprazáronse a Viveiro para participar nas actividades do Correlingua, a carreira anual en defensa da nosa lingua. Foi o remate dunha serie de traballos preparatorios no centro,  como a do Galeoke, a redacción do manifesto...
A carreira do Correlingua saiu de diante do CEIP Lois Tobío, en Covas, para cruzar a ría pola ponte da Misericordia. Logo fíxose un percorrido polo casco histórico, para rematar na Praza Maior, onde se puxo o ramo cun festival de música.
 Presentou o acto a actriz Iria Sobrado, e actuou o gañador do concurso Cantalingua, Xenderal, un cantante de rap en galego que fixo que moitos dos presentes subisen ao palco a bailar, tal era o ritmo que tiña. Deuse lectura ao manifesto deste ano, e un grupo de alumnas e alumnos de Viveiro cantaron. Estes últimos foron tan animados que o palco non foi suficiente para todos os que querían subir.
Como Viveiro é unha vila con moito atractivo aproveitamos para coñecela mellor: xantamos na praia de Area, onde, de paso, nos demos o primeiro baño da tempada (Que fría estaba a auga!); subimos ao Monte San Roque, que ten unhas vistas impresionantes de Viveiro e da ría; descubrimos o casco histórico e os seus principais monumentos a través dun xogo de localización, e rematamos coa lectura pública doutro manifesto en defensa da lingua galega, de novo na Praza Maior.
A volta en autobús fíxose curta: cantamos cancións populares.

No hay comentarios: