21/11/07

Unha feira de ciencia en outono

No IES estamos afeitos a celebrar unha feira da ciencia e tecnoloxía cada ano, arredor do mes de abril, a “feira de abril”. Este curso no ano da ciencia 2007, por primeira volta, celebrouse asemade unha segunda feira, a feira de outono, dentro das actividades da Semana da Ciencia en Galicia, patrocinada mediante Diverciencia pola Dir. Xeral de I + D + i da Xunta de Galicia.
Entre as cousas que houbo que facer como complemento á feira debido ó patrocinio estivo unha enquisa que, entre outros resultados, deu unha apreciación media de 8,4 sobre 10 á hora de valorar se gustou ós visitantes ou non. En xeral, as valoracións foron positivas, como por exemplo no caso da organización, resaltando o aspecto de atención ós visitantes.
Pero non só de enquisas vive a feira. Quen estivo alí puido disfrutar e sobre todo comprender máis algúns fenómenos explicables pola ciencia. E aumentar o seu interese pola explicación das cousas, vendo que calquera cousiña pode ser explicable: só hai que procurarlle a explicación (cousa que moitas veces non é tan sinxela).
O montaxe da exposición e o desmontaxe foi rápido. Máis lento foi a realización de cada unha das experiencias e construcións que alí se puideron ver. Aínda que nalgún caso pode parecer moi sinxelo (poñamos, a demostración da influencia da tensión superficial na auga soportable por unha moeda), leva traballo detrás de preparación, procura de información, e realización. O saber din que non ocupa lugar, pero alomenos necesita tempo.

No hay comentarios: