21/7/07

Recoñecemento aos mellores estudantes de Galicia




O acto de recoñecemento aos estudantes de Ensino Medio de Galicia que acadaron unha puntuación de nove ou superior na cualificación definitiva das Probas de Acceso á Universidade tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Estivo presidido polo Reitor da Universidade de Santiago e asistiu, entre outras autoridades, o Alcalde de Santiago de Compostela.
Alí, entre os mellores estudantes de todo Galicia, estivo Joaquín Río Barrera.
As fotos do acto pódense ver na páxina do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade de Santiago de Compostela”.

12/7/07

Un traballo ben feito.


No salón de plenos do Concello de Ribadeo tivo lugar o acto que pon remate ao proxecto de dinamización da hostalería local, que baixo o lema “Ribadeo, con moito gusto na túa lingua” desenvolveuse coa colaboración do IES Porta da Auga, do Concello de Ribadeo, da Dirección Xeral de Turismo e dos hostaleiros que se adheriron á campaña, un total de 34 establecementos.
Falaron o alcalde de Ribadeo, o director do IES Porta da Auga e o coordinador do proxecto. Os tres destacaron o interese do mesmo e dos resultados acadados, para rematar co merecido recoñecemento e agradecemento por un traballo ben feito a alumnado, profesorado e demais persoas participantes.
Ao final entregáronse as cartas, salvamanteis e demais materiais traducidos a catro linguas (galego, español, inglés e francés) aos hostaleiros asistentes.
O día 14 de decembro de 2006 publicábase neste blog o comezo deste proxecto, premiado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secreataría Xeral de Política Lingüística, e augurábase un longo traballo para a súa realización. Efectivamente foi así, houbo que traballar duro e con coordinación para que hoxe fose posible dispor de todos os materiais traducidos e impresos cun deseño e soporte de calidade. Os nosos alumnos, alumnas, profesores e profesoras participantes teñen gran parte deste mérito.