31/12/10

Actividade no Centro Pedro Murias



O luns 20 de decembro de 2010 os alumnos de bioloxía e xeoloxía de 1º de Bacharelato fixemos unha visita ao centro de formación agroforestal Pedro Murias, para facer un queixo tipo Arzúa Ulloa, que precisa unha dobre fermentación.

En primeiro lugar disfrazámonos poñendo batas, gorros, guantes e catiuscas brancas. A continuación entramos na queixería e vertemos 100 litros de leite da granxa ecolóxica do propio centro, nun pasteurizador de fluxo continuo que somete o leite a unha temperatura de 75ºC durante 15 segundos para despois arrefrialo repentinamente. Posteriormente, xa co leite na cuba, engadímoslle uns cultivos de organismos mesófilos (Streptococos lactis e Streptococos cremoris) que transforman a lactosa do leite en ácido láctico. Deixámolos actuar durante 45 min e mentres agasaiáronnos cun aperitivo.

Volvemos facer os controis de Ph, temperatura e engadir o “cuajo” para provocar a coagulación do leite durante 35 min. Neste tempo recibimos unha clase teórica sobre o proceso de elaboración do queixo e a continuación fomos realizando todos os pasos: corte, axitación, delactosado, lavado da pasta, salado, desorado, preprensado, moldeado e prensado final.

Foi unha actividade moi interesante, pasámolo ben e descubrimos que ser un bo mestre queixeiro non é tan doado como poidera parecer. Como este tipo de queixo necesita un tempo de maduración mínimo de 6 días, á volta do Nadal, terémolo como regalo de Reis e ó mellor hasta compartimos....

Decoración de encerados no Nadal de 2010


Un ano máis, no último día de clase antes das vacacións de Nadal, cada grupo decorou o encerados da súa aula.

O nivel aumenta ano tras ano e o xurado teno cada vez máis difícil. Nesta ocasión foi o grupo de 1º ESO A o que se levou a cesta de produtos de Nadal do 1º premio, pero o xurado fixo mención a outros traballos: ó de 4º ESO pola idea divertida, 4º ESO PDC pola boa técnica e ó de 1º BAC pola representación que o grupo fixo dun divertido Belén vivente.

As decoracións dos encerados destes últimos tres cursos poden verse en:

Curso 2008-09

Curso 2009-10

Curso 2010-11

22/12/10

Felicitación, Nadal 2010


Non cómpren adornos para unha fermosa árbore.
Nin a mellor mesa para ter compaña.
Nin agasallos para mostrar cariño.
Só cómpre vivir o verdadeiro Espírito do Nadal.


Cos mellores desexos de toda a comunidade educativa do IES Porta da Auga

20/12/10

Viaje a Santiago.

Experimentamos lo que se siente al vivir un día político en el epicentro de las instituciones democráticas (el Parlamento), en el cual hemos visto vídeos sobre la organización parlamentaria y comportamiento político; conocimos las instalaciones en las que nuestros representantes desempeñan sus funciones, pasándonos por ellos durante unas horas.

A continuación hemos ido paseando por las calles de Santiago de camino al Museo do Pobo Galego, en el cual nos han dejado ir, libre e individualmente, descubriendo las raíces de nuestra cultura antepasada.

Para finalizar nos reunimos ante la Catedral para dirigirnos al autobús y regresar a Ribadeo.

19/12/10

Visita a INDITEX en Arteixo e á cidade de A Coruña


O xoves, día 12 de decembro, os alumnos/as de Ciclos Medio de Xestión Administrativa e 1º curso do Ciclo Superior de Administración e Finanzas visitaron as instalacións que o grupo téxtil INDITEX posúe na na localidade de Arteixo. Nesta interesante visita puideron observar como se traballaba no deseño e no patronaxe das prendas, na elaboración dos escaparates das distintas marcas do grupo (Zara, Berskha,...), na recepción de pedidos, no corte de teas, na preparación e embalado das mesmas, finalmente, como se realizaba toda a labor loxística inicial para distribuír os pedidos pola rede de tendas do grupo espallada por todo o mundo. Impresiona a capacidade de innovación desta empresa galega.

A continuación realizouse unha visita panorámica polo borde litoral de A Coruña (os Cantóns, Castelo de San Antón, Torre de Hércules, Orzán e Riazor).

Finalmente, e non sen antes dar algún paseo pola zona céntrica e repoñer forzas co xantar, iniciamos a primeira hora da tarde a viaxe de volta a Ribadeo, quedando todas/os con ánimo agardando a próxima visita das programadas polo Departamento de Administración

9/12/10

Axenda 21 Escolar de Galicia, 2010-11


O IES desenvolve unha campaña de promoción do uso da bicicleta entre o alumnado dentro do proxecto que presentou para a participación na rede de centros que integran a Axenda 21 Escolar de Galicia (A21EG).

“enBICIate”, “Vive a bici”, son parte do reclamo que pretende chamar a atención dos alumnos e alumnas sobre a bicicleta, ese “xoguete” que pode converterse nunha seria alternativa para a mobilidade por Ribadeo. Ademais haberá excursións en bici, ampliación do aparcadoiro para bicis no IES, propostas ao Concello, premios e todas as demais cousas que se non vaian ocorrendo.

O programa presentado para a A21EG/2010-11 contempla outras dúas interesantes actividades: “Un ecosistema: a Ría de Ribadeo” e “Reciclar para crear”. No primeiro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO farán un estudo da ría como ecosistema, (biótopo, biocenose e relacións), iniciándose no coñecemento da avifauna migratoria e nos grandes grupos de vexetación que converten á ría nun humedal de importancia internacional; no segundo, despregarán toda a súa capacidade artística e creativa utilizando materiais de refugallo que previamente se recollerán nas praias e caídos da costa.

En definitiva, é un programa pensado para concienciar sobre a sostibilidade no entorno máis próximo ó alumnado. Os primeiros resultados esperamos presentalos na feira da ciencia deste curso.

4/11/10

Unha mirada matemática



O departamento de matemáticas do IES Porta da Auga pon a disposición de todos os centros educativos a exposición de fotografía matemática "Unha mirada matemática", da que é autora Mª Nieves Díaz Fernández, profesora de matemáticas.

Esta exposición formou parte da XVI Feira da Ciencia e Tecnoloxía, celebrada no curso 2009-10. Trala clausura tomouse a decisión de convertela en exposición itinerante.
Consta de 63 láminas impresas en PVC de 42x32 cm (unha de presentación, dúas de descricións e 60 fotografías). Os interesados poden solicitala por un máximo de 15 días facéndose cargo dos custos de envío e devolución ao IES Porta da Auga.

Non se titularon as fotografías, entendendo que o alumnado pode encontrar referencias ás matemáticas que sirvan para poñerlles título. Para facilitar esta actividade inclúese unha folla que, de forma individual, pode cubrir cada alumno que visite a exposición, servindo así de actividade complementaria ás clases de matemáticas.


Departamento de matemáticas do IES Porta da Auga
Avd. de Luarca s.n. 27700 Ribadeo. Tlf: 982 12 88 94
ies.porta.auga@edu.xunta.es

22/10/10

José Mª Martínez Fernández, profesor do IES, publica un libro de contabilidade.

O profesor do I.E.S. JOSÉ MARÍA MARTINEZ FERNÁNDEZ ven de publicar nas editoriais TOXOSOUTOS e UNIPRO o libro:

O PLANO XERAL CONTABLE DE PEMES (UNHA VISIÓN PRÁCTICA CON EXEMPLOS) é un traballo no que, como o seu título indica, o autor pretende dar unha visión práctica do P.X.C. de PEMES a través de exemplos explicativos que axudan a entende-lo referido texto legal.

O traballo consiste en intercalar no texto do Plano X.C. de PEMES (Real Decreto 1515/2007 de 16 de novembro) as pertinentes explicacións teóricas ó carón da norma e, de seguido destas breves explicacións un, ou varios, exemplos aclaratorios. Fíxose así, percorrendo todas e cada unha das cinco partes das que se compón o referido Plano X.C. de PEMES.

Concretamente, cando se chega á parte 5ª, definicións e relacións contables, vaise percorrendo conta a conta todo o cadro de contas, comentando o seu significado e poñendo diferentes exemplos nos que queda reflectido o seu funcionamento. Moitos temas trátanse, como é lóxico, desde dúas perspectivas, unha desde o punto de vista da conta debedora e outra desde o punto de vista da conta acredora.

Á hora de poñe-los exemplos ós que se alude no punto anterior, en algúns casos (activos financeiros, inmobilizado material, ...) tamén se fai referencia á 2ª parte do P.X.C., normas de valoración, coa idea de ve-los temas desde diferentes ópticas.

O obxectivo deste traballo non é o de facer unha exposición teórica do contido do texto legal, pois para iso xa hai outras moitas obras publicadas nos últimos dous anos; o que se pretende e ter unha colección de exemplos, redactados dunha forma sinxela, que axuden a comprender mellor o funcionamento dunha conta ou como hai que interpretar unha determinada norma de valoración. Trátase de ver este traballo como un conxunto de exercicios resoltos sobre o contido do P.X.C. de PEMES.

Os pedidos poderán facerse a:

Telefono 986 40 50 51
Av. Estación 25
36812 Redondela

17/10/10

Número 19 da revista XERFA


Co número 19 da revista XERFA cúmprense 20 anos ininterrompidos desta publicación.

Por iso este número, ademais de facer o habitual repaso a actividades, premios e traballos desenvolvidos no instituto durante o curso 2009-10, pretende ser unha homenaxe a todos os que durante estes vinte anos fixeron posible esta publicación.

Xa na portada poden verde, a modo de mosaico, as portadas dos 19 números anteriores (dende o cero ó dezanove). Tamén polo mesmo motivo contamos coa colaboración dalgún dos ex alumnos e alumnas que foron entusiastas redactores nas páxinas desta publicación cando eran estudantes no IFP de Ribadeo, IES de Ribadeo ou xa no actual IES Porta da Auga. As súas lembranzas, felicitacións e bos desexos únense ás de profesores como Álvaro Doural e Antonio Gregorio, uns dos primeiros impulsores da revista.

Ao igual que o número anterior a edición dixital visible en ISSUU (http://www.issuu.com/portadaauga/docs/xerfa_19, é en cor, aínda que a impresa segue sendo en branco e negro, por evidentes razóns de custo.

30/6/10

Vive a Bici



Eis o que define a experiencia do que foi a derradeira semana do curso. A cousa comezou practicando o que é o uso da bici como método de transporte ao cole, xuntándonos todas as mañás na Praza de Abastos para facer o camiño xuntos, e aínda que nun principio non eramos moitos, temos que confesar que de día en día foi medrando o número de participantes... o cal nos anima a comezar o curso que vén repetindo a experiencia.

A segunda parte consistiu nun paseo en bici, tomando como referencia a costa e chegando até Rinlo. Participamos sobre unhas trinta persoas, e temos que confesar que foi moi agradábel ao que contribuíu o bon día que tivemos.


A primeira parada foi na Illa Pancha onde o encargado do faro nos explicou o seu funcionamento e nos permitiu subir á torre, desde onde a vista é impresionante. Logo continuamos viaxe e paramos no castro das Grobas, pero temos que confesar que a maleza non nos deixou velo en todo o seu esplendor.

A última parada foi en Rinlo onde paseamos polo seu precioso casco urbano e paramos na ponte un bon bocado, onde aproveitamos para beber e petiscar os bocatas que cada un traía. Como a cousa foi con calma, non puidemos facer a última parte na que tiñamos previsto visitar o muíño da Madanela... pero non nos dá pena porque para o curso que vén imos repetir a experiencia.

A conclusión é que a bici dá moitas satisfacións, vale para facer exercicio, e en Ribadeo é un medio de transporte rápido, barato, e eficaz. Animamos a todos os alumnos e alumnas a que proben e xa veredes o útil que é.

14/6/10

Pan con letras 2010


A ilustración da postal con textos de Uxio Novoneyra que se entregou coa compra de pan en tódalas panaderías de Ribadeo o pasado día das letras galegas, na coñecida campaña “pan con letras” promovida polo Concello de Ribadeo, é obra de dúas alumnas de 4º de ESO deste centro: Carla Méndez García e Noelia Gómez Pérez.
O pasado mércores día 9 a concelleira de cultura, Mariluz Álvarez, entregoulles o premio: 150 € a repartir entre as dúas. Un diñeiro que seguro se quedará en Roma, cidade á que na semana próxima viaxarán na excursión de fin de estudos.

27/5/10

O Alumnado é o Protagonista

Alumnado de 4º ESO de Bioloxía e Xeoloxía participaron o pasado 20 de maio no Encontro Intercentros da Axenda 21 Escolar Galega, celebrada en Pontevedra no Pazo da Cultura. Como o día prometía ser intenso fómonos o mércores e durmimos ( bueno, é un dicir) en Poio, moi cerquiña do mosteiro no que fixemos unha foto.
Trátase dunha actividade na que o alumnado de distintos centros presentou os traballos realizados ó longo do curso no marco da A21EG: dende obras de teatro, cancións e poemas que fomentan a sostibilidade, ata xogos con auga, carteiras reciclables, estudios do consumo enerxético nos centros, exposición de aves da ría do Burgo ou o noso: “Puntos de interese xeomorfolóxico de Ribadeo”. Foi unha xornada amena aínda que con moita calor: pola mañá asistimos repartidos a varios seminarios nos que se presentaban proxectos e tamén tres dos nosos alumnos presentaron o noso durante 45 minutos. Despois dunha comida da que alguén dixo (isto na miña casa chámase aperitivo) participamos nun recinto feiral aberto no que estaban expostos algúns traballos, por suposto que o noso tamén. Por alí foi pasando case todo o mundo e a verdade é que gustou moito. A partir dentón fomos ó auditorio para ver unhas obras de teatro e algunha actuación doutros centros (que algúns aproveitaron para votar unha pequena sesta porque a noite fora un pouco escasa) e despois rematamos a xornada e emprendemos a viaxe de volta. Sen dúbida, mereceu a pena o esforzo.

21/5/10

Baile da luva rosa




Acompañados de profesorado do CEIP Gregorio Sanz, alumnado e profesorado do IES bailamos o "Baile da luva rosa", un acto de solidariedade coa Asociación para a loita contra o cáncer de Ribadeo, iniciativa de Annegret Keiter na que colabora a Asociación Cultural El Farero gravando un vídeoclip que se presentará proximamente ao público en Ribadeo e se poderá ver en Yootube.

19/5/10

Viñeron @s de Portas

Si, o pasado martes, 11 de maio, os alumn@s de 2º e 3º de ESO fixemos de anfitrións dos compañeir@s do CPI Domingo Fontán de Portas (Pontevedra). Foi un día xenial e estamos agardando ir aló devolverlles a visita a semana que vén.

Cando chegaron, recibímolos no salón de actos: o Director deulles a benvida, explicámoslles algo de como é Ribadeo e das actividades que realizamos no Grupo de Normalización e Dinamización Lingüística e, como remate, os compañeir@s de 2º, que recibiron este ano o Premio do Manifesto do Correlingua escenificaron/amos a lectura do mesmo.

A continuación fomos ensinarlles o faro de Illa Pancha, ao que case todos nós entramos dentro por primeira vez. Si, estamos falando de entrar dentro do faro, non só de entrar na illa, e de subir polo seu interior ata a plataforma superior. A vista da costa é moi bonita.















A continuación fomos ao Forte San Damián no que tamén entramos e se lles contaron algunhas anécdotas curiosas que viu acontecer esta construción defensiva.

Para acabar coa xornada matutina non desperdiciamos a oportunidade de pisar o Cargadeiro e explicarlles algo da función para a que fora construído este elemento agora restaurado.












E a cando a fame empezaba a facerse sentir, xantar con eles en Santa Cruz. Repostas as forzas, divertímonos un pouco tirando da corda, e canto custaba movelos ... ata que descubrimos que a tiñan atada a unha árbore!!

Á tarde, divididos en cinco grupos mixtos Portas-Ribadeo, dirixímolos nun percorrido explicativo mostrándolles os lugares e monumentos máis significativos da nosa vila, no que nós mesmos aprendemos cousas que non sabíamos.

E como despedida, que mellor maneira ca facela visitando o porto de Rinlo? Alí quedamos en volver a vernos o próximo xoves día 20.

Parabéns ao Grupo de Normalización e a Isabel, Eva, Dores e Anxo, os profesores que nos acompañaron nesta xornada, na que aprendemos e o pasamos ben. Grazas, como alumn@s pola felicitación que nos deron. E @s de Portas, que queredes que vos digamos, que nos caedes de marabilla!!

12/5/10

Gandarío, un día de ponencias de investigación ó que foron alumnos de 4º ESO


Un xoves pola tarde de viaxe ilusionado a Gandarío, onde os centros de Balaguer, El Cairat de Esparraguera, Alborada de Vigo, a compañía de María de Ferrol, xuntáronse con nós (e viceversa) en dúas noites inesquecibles cun día por medio de traballo e relax. Amizades e vista de novas perspectivas, entre outras cousas. Mar e charlas. Investigación en/de moitos sentidos. E desexo de volver o próximo ano a algo semellante. Mentras, traballo para logralo.
En canto a obxectivos, logrados (se ben máis os de relación que os didácticos). En canto a desenvolvemento, segundo o previsto, con baño incluído. En canto ó futuro... os correos electrónicos posteriores son abondo ilustrativos, pero polo momento deben permanecer sen publicar.
Á beira, o díptico.

11/5/10

Les élèves de Français ont présenté un Festival le 14 Avril


Tous les groupes ont réalisé une activité différente:
les élèves de 1º ESO ont lu de petits poèmes, ceux de 2º ESO ont chanté la chanson du film”Les enfants du choeur “.
3º ESO a cherché des versions actuelles des chansons d’ Edith Piaff ( La vie en rose, Milord…qu’ on peut connaître par plusieurs publicités à la télé…).
4º ESO a chanté et dansé avec “Le médecin malgré lui”, si Molière savait¡…
Et , pour finir, les élèves de 1º Bachillerato ont représenté la farce “La télé farceuse”.

On a bien rigolé et nous espérons que la prochaine année ce sera encore plus varié.
Merci à tous et félicitations.

27/4/10

2º DE ESO B GOZOU DO SEU PREMIO VISITANDO FERROL E AS FRAGAS DO EUME

Os pasados martes 20 e mércores 21, os alumnos/as de 2º de ESO B, gañadores do concurso do manifesto do Correlingua 2010, visitaron Ferrol e as Fragas do Eume e gozaron deste programa de actividades elaborado polo Colexio de Arquitectos de Galicia dentro do Proxecto Terra.

A primeira xornada comezou coa visita á aula de Ecoloxía Urbana e ao Parque de Aquaciencia, ambos dentro de parque Raíña Sofía. Posteriormente, realizaron un paseo en barca pola ría ata a ponte das Pías, con atraque no porto de Mugardos.

Á tarde, saída en barca desde Mugardos para achegarse ao porto exterior e volta para atracar no Castelo de San Felipe, con visita guiada a este interesante exemplo de construción militar do s. XVIII.

Posteriormente paseo polo barrio da Magdalena, paradigma de trazado urbano racionalista con destacados exemplos de arquitectura modernista.

Como remate da xornada, acomodo para pasar a noite no albergue de Alvarella.

Na segunda xornada, traslado ás Fragas do Eume, con camiñada saíndo desde a Capela, realizando a ruta das tres pontes, para rematar no punto de entrada no parque.

As 17:00 h., inicio do retorno cara Ribadeo.

En resumo: moi completas, interesantes e entretidas xornadas para este grupo que, con este premio, viu plenamente recoñecida a súa colaboración.

20/4/10

ALUMNOS DO IES PORTA DA AUGA RECIBEN O PREMIO DO CORRELINGUA

Os alumnos/as de 2º de ESO B, do IES Porta da Auga, obtiveron o premio do Manifesto do Correlingua 2010 coa composición que comeza “somos un grande equipo, o equipo do correlingua...”



O manifesto gañador é un poema onde a primeira letra de cada verso forma o verso de Uxío Novoneyra A FORZA DO NOSO AMOR, e alude a obras doutros autores galegos e manifesta tamén a preocupación que se vive nos centros polo novo decreto do galego no ensino.

Eva Méndez Lombardía foi a profesora que animou e axudou a estes alumnos para a elaboración deste manifesto, que obtivo este recoñecemento.

Estes rapaces/as foron invitados á presentación do Correlingua 2010, o pasado día 15 de abril, no Museo do Pobo Galego de Santiago. Tamén, como premio, disfrutarán dunha viaxe de dous días ás fragas do Eume e a Ferrol, guiados por especialistas do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e realizando diferentes actividades.





No concursos do Correlingua participan todos os anos centros de infantil, primaria e secundaria de toda Galiza, polo que estes alumnos senten un orgullo especial ao quedar en primeiro lugar e polo feito de que o manifesto que eles elaboraron sexa lido ante miles de estudantes en todas os Correlinguas que se van celebrar no próximo mes de maio.


Manifesto:

Somos un grande equipo, o Equipo do Correlingua.
Os que desde A Coruña, Baixo Miño, Ferrol, Vigo, A Mariña, Pontevedra, Lugo, O Salnés, Ourense e Santiago xuntamos as nosas voces para berrar alto e forte:

“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

A nosa proposta é clara, díxonola Manuel Antonio:
“A nosa fala é nosa, pospola a calquera outra é unha forma de suicidio”
Libraremos a batalla se libres quixermos ser
facéndolle honor ao seu lema, evitando o xenocidio.

Feixoo co seu “Decretazo”
pretende facernos memos
vendéndonos trilingüismo
para evitar o galego

O xogo non será fácil, os adversarios son traidores,
pero temos xuventude,
somos moitos, somos fortes;
xogamos no noso campo e temos por adestradores
a Pondal, a Rosalía, a Daniel e Airas Nunes.

Rompamos as barrreiras,
xa estamos fartos:
Falar queremos galego
como os nosos antepasados.

Zoa no ar un tempo de represión.
Mais Galiza, non teñas medo, que te imos defender
“Nunca máis” permitiremos que eses verdugos crueis
amordacen a túa lingua, nos repriman por ser fieis.
Formamos un bo equipo disposto a te protexer.

A vitoria está cantada, o xogo témolo nós.
Xa toca a “Alba de Gloria” do noso querido Daniel
oxalá que co seu “Ollo de vidro” el nos estea a ver
e poidamos redimilo do seu destino tan cruel.

Dabondo nos maltrataron
nos anos da Ditadura
á que pretenden regresarnos
vendéndonos inter-cultura.

O inglés, ninguén dubida,
lingua moi útil é,
que sen minguar a nosa propia,
ninguén rexeita aprender.

Nunca aprenderás a hablar”.
“Hable bien, sea patriota”
“Eso no es un can, que es un perro,
la laverca es una alondra”.
Con esas armas proclamaron a vitoria.
Minguando a nosa estima,
ensumindo a nosa gloria.

O nó que sen atar nos una
é o nó que nós queremos,
o que nos trouxo hoxe aquí:
A defensa do galego.

Somos unha xeración
de galegos preparados,
a gramática coñecemos,
da nosa historia sabemos.
Por usar a nosa lingua
quen se atreve a insultarnos?
Se nos deixamos gañar,
non seríamos desleixados?.

O correlingua camiña contigo,
Uxío, do Courel a Compostela
polas terras liberadas,
esas que vós liberastes
coa arma das vosas palabras.

A nosa gran Rosalía xogou no Olimpo moi soa
e por iso foi alcumada como “a pobriña da tola”.
Semente foi dunha estirpe de poetas emprendedoras
que coa súa lingua tecen a arma máis poderosa.

Mal de linguas din algúns, os que non queren entender
que a multitude de linguas é en si un grande ben
do que goza a humanidade para chegar a comprender
a complexidade do mundo no que lle tocou nacer.

O dito ben dito queda. Xa é a hora da despedida.
Agardamos terche aclarado algunha das túas dúbidas
para que a partir de hoxe na casa, cos amigos e amigas
fales galego por sempre, que o galego tamén liga.

Rematamos esta historia
Berrando ben alto e forte
Para que todos nos oian:
“Galiza, a forza do noso amor non pode ser inútil”

Queremos galego na escola!

15/4/10

10000 (en base 2)


Chegou a décimosexta edición da feira da ciencia de Ribadeo, a versión 2010. Comezou o martes 13 ás 6 da tarde, coa inauguración. O salón de actos do IES Porta da Auga estaba a rebosar. Ós alumnos e profesores do centro agregáronselle representantes doutras comunidades educativas de Ribadeo, antigos profesores, cadros directivos da Consellería de Educación en Lugo, e representantes políticos, encabezados polo alcalde.
Bo, comezar, comezar, comezou ó rematar a edición anterior, como reza no vídeo feito co motivo da primeira feira. Pero ese foi o traballo calado, e agora chegaba o momento de poñerse de gala e ensinar o xa feito.
E ese foi o espírito das charlas na inauguración. Abriu o alcalde, dicindo que deixaba para o final as súas verbas pois consideraba que os máis tiñan que dicir eran os educadores. Continuou Alfonso, o Director, que glosou coas súas palabras o traballo dos alumnos ... e tamén dos profesores. É difícil facer un resume, entre didáctica, agradecementos ou visión xeral, pero quedaríame coa referencia usada para cristalizar o traballo no propio centro e polo alumnado: só 5 apartados dos máis de 70 non teñen que ver directamente con esa labor calada de educación e formación no IES. Despois xa foi máis doado: as verbas da Inspectora Xefe colleron o fío deixado e continuárono, e algo parello pasou coas do alcalde, cada un deles na súa versión, técnica ou política, e tendo en conta que antes de ocupar os seus actuais cargos, ambos tiveron relación co centro: a traveso da inspección a primeira, e como alumno e visitante asiduo en anteriores anos, o segundo.
Despois foi a primeira visita a feira, que durou máis do usual noutras edicións, pois as autoridades fixeron o recorrido completo. E aquí non se pode seguir sen facer referencia ó díptico completo, no que como é tamén tradicional, aparecían case todas as cousas a ver, pero non todas, como as figuras de Lissajous ou a Teoría de Cordas, e algunha de máis que se caeu do panel no último momento, como o Acender unha lámpada co corpo (como interruptor). Despois chegaron os pinchos.
E, como a feira comezou, pero aínda non rematou, cabe seguir cun 'continuará'.
... Por certo 10000 en base 2 é o 16 en base 10, ó igual que o binario 10001 corresponde ó 17 decimal ... outro número de feira seguinte.

Conferencia sobre sostibilidade



O pasado venres 9 de abril, María Pérez Sánchez, supervisora de medio ambiente da planta de ALCOA de San Ciprián, estivo no centro para pronunciar ao alumnado de 1º e 2º de Bacharelato unha conferencia sobre sostibilidade.
Na mesma explicou brevemente as actividades que ALCOA desenvolve en todo o mundo, o proceso de produción de alúmina e aluminio en San Ciprian e os crecentes esforzos e inversións que realiza para facer que a súa labor sexa cada vez máis sostible. En palabras de María “agora xa non se trata tan só de producir e producir, ademais hai que comprometerse no beneficio directo á comunidade na que se asentan as fábricas buscando a sostibilidade desa produción”.
Esta conferencia, posterior á presentación da XVI edición da Feira da Ciencia, serviu para iniciar ao alumnado na formación sobre sostibilidade, un termo do que sen dúbidas van oír falar moito no futuro.

14/4/10

VISITA AO PARLAMENTO GALEGO DO ALUMNADO DE ADMINISTRACIÓN



O pasado xoves, día 5 de abril, o alumnado dos Ciclos de Administración realizamos unha visita ao Parlamento Galego. Na mesma déronnos explicacións do funcionamento e funcións desta institución e puidemos entrar nas súas máis importantes dependencias. E polo que observamos parece que en algún/ha espertaba a súa vocación pola carreira política !!!

E pola tarde, visita ao Museo do Pobo Galego, na que se nos mostraron varias salas, parando con máis detemento na do mar e na de hábitat e arquitectura. Non nos fomos sen ver o exemplo de prodixio arquitectónico do sistema das tres escaleiras helicoidais, rara e elegante realización ónde as haxa.

En fin, instructiva e amena actividade nun día agradábel de primavera, no que tamén puidemos gozar de agradábeis paseos pola capital de Galiza.

25/3/10

Premio de Meteogalicia

A labor constante de observación, rexistro e divulgación da meteoroloxía en Ribadeo, desenvolvida polo IES dende que forma parte da rede de MeteoEscolas, foi recoñecida cun premio outorgado por Meteogalicia.



O premio entregouno o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, no acto de celebración do X aniversario da creación de Meteogalicia, o día 23 de febreiro, Día Mundial da Meteoroloxía. O Conselleiro afirmou que as MeteoEscolas complementan á rede de estacións meteorolóxicas da Xunta de Galicia xestionada por MeteoGalicia, e grazas e elas acadouse unha base de datos meteorolóxicos importante para que os estudantes e o profesorado puideran empregar como recurso educativo, á vez que estes datos -obtidos e facilitados polos centros- se colgaban na web.







Dende 2007 un total de 97 Institutos de Educación Secundaria (IES) e Centros Públicos Integrados (CPI) están adheridos a esta rede. Recoñeceuse e agradeceuse a labor e participación de todos os centros, moi especialmente, aqueles máis involucrados con este proxecto. Ademais do IES Porta da Auga, foron premiados os IES Perdouro, Couto e Ribeiro, e o CPI Camiño de Santiago, os centros máis activos entre as MeteoEscolas. Non debe pasar desapercibido que dos cinco premiados dous son da Mariña.

17/3/10

Visita a Ciberalia-Caixa Galicia

No día de hoxe, 16 de marzo de 2.010, dous profesores deste instituto acompañando a un grupo de alumnos de 1º de Administración e Finanzas e de 1º de Bacharelato, fixeron unha visita ó aula CIBERALIA-CAIXA GALICIA en Lugo, para participar nunha actividade que se desenvolveu en dúas partes claramente diferenciadas.


Na primeira parte, que se desenvolveu desde as 10:20 ata as 11, os alumnos recibiron unha charla sobre as operacións de banca electrónica que se poden facer desde a web de Caixa Galicia. O ponente explicou cales operacións precisan clave para poder facelas, e tamén explicou o funcionamento duns simuladores que hai dentro da referida páxina para ver algúns dos productos que ofrece Caixa Galicia, como poden ser as contas de prazo, os fondos de investimento, os planos de pensións, os préstamos, as hipotecas, etc..




Na segunda parte, desde as 11 ata as 13:30, o ponente fixo primeiro unha breve exposición sobre o deseño de páxinas web, e despois pasamos a outra aula onde, xa cos ordenadores, se fixeron varias prácticas do que previamente se vira no plano teórico. Practicamos sobre como crear unha web, como colocar nela texto e imaxes, como configurar colores títulos, etc., como facer un enlace (tanto interno coma externo), como crear un sitio ...
Ás 13:40 saímos de regreso a Ribadeo.

3/3/10

A REALIDADE LABORAL MAÍS CERCA: VISITA AOS XULGADOS DO SOCIAL

Este martes, día 2 de febreiro, o alumnado dos ciclos de Administración asistiu á celebración de varios xuízos nos xulgados nº 2 e nº 3 de Lugo. A actividade fora previamente planificada e estudada, sendo coñecedores os participantes dos casos a tratar nas vistas (reclamacións de cantidades, abusos da contratación temporal, prestamismo laboral, ...). Poñendo en uso os coñecementos explicados en clase, todos realizamos as nosas predicións sobre o sentido das sentenzas e agardamos con expectación a súa publicación.

E pola tarde visita dosificada ao Museo Provincial de Lugo: maquetas de pallozas, cociña tradicional, obras senlleiras do escultor Asorey, sección de ourivería –carneiro alado de Ribadeo, torques de Burela, ...-, A escola de Doloriñas e os mosaicos romanos foron algunhas das obras vistas. Quedou tamén moito por ver, coma sempre que se visita un museo, pero iso é o bon: quedar con gañas de volver a entrar.

En fin, bo ambiente e visita produtiva. Profesorado e alumnado quedamos emprazados para a próxima.

28/2/10

O paso de Xynthia visto pola estación meteorolóxica.

Dende que se puxo en funcionamento a estación meteorolóxica (01/04/2009) é a primeira vez que un fenómeno destas características visita a Mariña e, aínda que afortunadamente resultou menos virulento do previsto, foi o suficientemente intenso para non pasar desapercibido na evolución das variables que constantemente rexistra a estación.


A primeira manifestación da proximidade de Xynthia foi a choiva que empezou a caer sobre as 7:00 h e que non cesaría ata as 17:20 h. De todos os xeitos a cantidade acumulada nesas horas, 19 litros por metro cadrado, non era alarmante, entrando dentro do normal para calquera fronte dos moitos que ao longo do ano barren Galicia. Tan só había un dato que chamaba a atención, o barómetro parecía estar en caída libre, ás 18:00 h marcada 970,8 hpa, e seguía baixando!. Por outro lado, o vento reducíase a unha lixeira brisa, non chegaba a 10 km/h, onde estaba o Xynthia?. (Facer "clic" sobre as gráficas para amplialas).





A sorpresa chegou a partir das 18:40 h, en poucos minutos as variables rebentaron: a temperatura subiu 4,4º en 10 minutos, e algo mais de 7 en media hora, chegando a alcanzar os 18,8º ás 19:20 h; ao mesmo tempo, o vento, gran ausente ata ese momento, cobrou protagonismo con refachos que pasaron dos 8 km/h ás 18:40 h, ós 38,6 ás 18:50 h, chegando ao máximo refacho de 61,2 km/h ás 19:30 h, velocidade nada desprezable tendo en conta que o anemómetro está situado só a tres metros de altura e preto de obstáculos como árbores e edificios.


Como se pode ver na gráfica, o período de máximos refachos durou pouco máis dunha hora, o que indica que a borrasca movíase moi rapidamente, quizais por iso non causou danos moi graves. En todo caso, as predicións non erraron, Xynthia acudiu á cita e a nosa estación estaba ai para rexistrar todo o que estaba pasando deixándonos un montón de interesantes datos.
Para saber máis sobre este fenómeno pódese consultar o blog de Meteogalicia.

12/2/10

Excursión a Santiago: Observatorio Astronómico, Cidade da Cultura, Pórtico da Gloria, ...


O martes 9 de febreiro o alumnado de 2º de Bacharelato desprazouse ata Santiago para visitar o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a Cidade da Cultura, o Pórtico da Gloria e o Campus Sur.
A xornada comezou coa visita guiada ás instalacións do Observatorio Astronómico, onde puideron ver o instrumental con que conta, coñecer de cerca os proxectos nos que traballa e asomarse á inmensa labor desenvolvida polo seu fundador Ramón María Aller Ulloa, continuada polo actual director José Ángel Docobo Durantez.












De seguido trasladáronse á Cidade da Cultura onde percorreron, acompañados dunha guía, as instalacións dos dous edificios xa rematados: o arquivo e a biblioteca; suficientes para percatarse das descomunais dimensións do proxecto.
Despois de comer dividíronse en dous grupos: mentres que os de Humanidades asistían a unha visita explicada á actual restauración do Pórtico da Gloria, os de Ciencias percorrían o Campus Sur, parándose en facultades como Matemáticas e Física.
Foi unha xornada completa e ben aproveitada.

Orientación universitaria


O pasado venres, 5 de febreiro, estivo no centro Ignacio Ramos, profesor do departamento de Bioquímica da Facultade de Veterinaria de Lugo, acompañado de María Vieites, antiga alumna do Instituto que actualmente cursa 1º de Físicas na Universidade de Santiago.
Entre os dous impartiron unha charla informativa sobre a Universidade ao alumnado de Bacharelato.
As numerosas preguntas formuladas polos asistentes deixaron claro que se espertou o seu interese, por outro lado lóxico, xa que tratáronse problemáticas nas que se verán inmersos dentro de poucos meses.

8/2/10

Visita ás instalacións de INDITEX en Arteixo e a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”




O xoves, día 4 de febreiro, os alumnos/as dos Ciclos Medio e Superior de Administración visitaron as instalacións que o grupo téxtil INDITEX posúe na nesa localidade. Púidose observar como se traballaba no deseño e no patronaxe das prendas, na preparación dos escaparates das distintas marcas do grupo (Zara, Berskha,...), na recepción de pedidos, no corte de teas, no preparación e embalado das prendas e, finalmente, como se realizaba toda a preparación loxística para distribuír os pedidos pola rede de tendas do grupo espallada por todo o mundo. Impresiona a capacidade de innovación desta empresa galega.



De seguido viuse a exposición de fotografía “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano” nas salas de exposicións da sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Na mesma, recóllense os traballos desta autora norteamericana que recorreu o noso país nos anos 1924-1926, realizando un valiosísimo documental sobre a maneira de vida dos galegos/as da época con todas as súas necesidades. Sen dúbida, un acertado contrapunto para recordar de onde vimos.

3/2/10

Día mundial dos humedais






Como xa é habitual no noso centro, o pasado 2 de febreiro celabramos o día mundial dos humedais. Para iso, un grupo de alumnos de 4º eso aproveitaron parte da mañá para facer unha saída á Ría, acompañados pola profesora de bioloxía Mª Jesús Besteiro Cabanas.







Ademais de gozar dunha mañá de sol espléndido que xa votábamos de menos, nas distintas paradas que fixemos piudemos observar un bó número de aves invernantes: garzas, garcetas, correlimos, zarapitos, cormoráns así como pato asubión ou alavanco real.








Tamén nos fixamos nas grandes masas de vexetación características do esteiro: pradeiras submariñas de zostera que cobren gran parte da enseada da Liñeira, extensos xuncais que empezan a aparecer á altura da enseada do Tarrón en Vilavedelle e tamén masas de canaveirais que xa aparecen a partir de Porto onde a ría adopta un trazado meandrifrome debido ó predominio da acción fluvial.


En fin, unha mañá de clase un pouco distinta e cun obxectivo claro: coñecer o noso entorno para así aprender a valoralo e respetalo porque a súa conservación é cousa de todos nós.

1/2/10

Lectura da paisaxe


Parte do noso alumnado realizou o pasado xoves 28 de xaneiro unha actividade enmarcada dentro da Axenda 21 Escolar. Baixo o título “Lectura da paisaxe”, os nosos alumnos asistiron pola mañá a unha charla impartida polo xeógrafo Paco Castillo, actual xefe de servicio de Paisaxe, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia. Pola tarde, algúns deles subiron a Santa Cruz para poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos pola mañá, tratando de encontrar as claves da interpretación da paisaxe e sensibilizando sobre a importancia de conservalo. Non cabe dúbida que foi unha xornada interesante e enriquecedora que todos agradecemos, porque está claro que primeiro hai que coñecer e valorar o entorno para que despois xurda o desexo de conservalo.

English theatre


Last Tuesday we went to IES Gamallo Fierros to see a play in English. We went with teenagers from other high schools.
The play was about a teenager called Peter who talked about his family, the girl who he loves, his bully and his experiences on holidays. The main topic was the girl who he loves. His bully told him that he was her boyfriend, but the girl wasn’t his girlfriend and she loved Peter. At the end, after they did a show and told experiences, the girl kissed Peter.
It was really fun and the audience participated a lot.


Lidia Fernández Belmar, Sarai Pousada Linares – 4º ESO