29/11/07

Concurso de postais de Nadal



Está convocado un concurso para elexir a postal de Nadal que se utilizará para felicitar as xa próximas festas de Nadal. As bases son as seguintes:

  1. Poderán participar tódolos alumnos e alumnas matriculados no centro dende 1º de ESO ata 2º de Bacharelato e Ciclos Formativos.
  2. O formato da postal será Din-A5 (medio folio) cun grosor mínimo de 125 g/m2.
  3. A técnica a empregar será libre (en color ou en branco e negro).
  4. A tarxeta gañadora recibirá un premio de 50 € en vales de compra e empregarase como imaxe para a postal navideña do IES Porta da Auga.
  5. O xurado estará composto polo profesorado do departamento de plástica e membros do equipo directivo.
  6. A data límite para entregar postais é o 4 de decembro.

21/11/07

Unha feira de ciencia en outono

No IES estamos afeitos a celebrar unha feira da ciencia e tecnoloxía cada ano, arredor do mes de abril, a “feira de abril”. Este curso no ano da ciencia 2007, por primeira volta, celebrouse asemade unha segunda feira, a feira de outono, dentro das actividades da Semana da Ciencia en Galicia, patrocinada mediante Diverciencia pola Dir. Xeral de I + D + i da Xunta de Galicia.
Entre as cousas que houbo que facer como complemento á feira debido ó patrocinio estivo unha enquisa que, entre outros resultados, deu unha apreciación media de 8,4 sobre 10 á hora de valorar se gustou ós visitantes ou non. En xeral, as valoracións foron positivas, como por exemplo no caso da organización, resaltando o aspecto de atención ós visitantes.
Pero non só de enquisas vive a feira. Quen estivo alí puido disfrutar e sobre todo comprender máis algúns fenómenos explicables pola ciencia. E aumentar o seu interese pola explicación das cousas, vendo que calquera cousiña pode ser explicable: só hai que procurarlle a explicación (cousa que moitas veces non é tan sinxela).
O montaxe da exposición e o desmontaxe foi rápido. Máis lento foi a realización de cada unha das experiencias e construcións que alí se puideron ver. Aínda que nalgún caso pode parecer moi sinxelo (poñamos, a demostración da influencia da tensión superficial na auga soportable por unha moeda), leva traballo detrás de preparación, procura de información, e realización. O saber din que non ocupa lugar, pero alomenos necesita tempo.

14/11/07

Cinensino

O pasado martes 13 o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu á proxección da primeira das películas previstas na programación do programa de prevención de drogodependencias “CINENSINO” para este curso.
Este programa utiliza como soporte base o cinema para profundizar e traballar en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas.
Neste primeiro pase proxectouse o filme “Alex Rider: Operación Stormbreaker” (93 min) (Geoffrey Sax, Reino Unido, estreada en España en 2007) na que un adolescente, Alex Rider, normal e corrente vive co seu tío, ata que este morre en circunstancias misteriosas. Alex descobre que o seu tío era en realidade un espía e que foi asasinado. Pouco a pouco, este colexial dáse conta de que o seu tío, ao fomentar os seus hobbys, preparoulle a conciencia para unha carreira na espionaxe. Lingüista, mergullador, escalador, experto en artes marciais e excelente tirador, Alex ten tódalas cualidades necesarias para ser o perfecto espía adolescente. Empuxado polas circunstancias, Alex enléase na súa primeira misión.
O obxectivo xeral que se persegue nesta primeira unidade didáctica, na que o alumnado traballará nas horas de titoría, é chegar a comprender que o consumo de substancias na adolescencia pode ser expresión de anticonvencionalismos e actitudes rupturistas que entrañan certos riscos.

9/11/07

Concurso "As mates molan"


Hoxe arranca o concurso de resolución de problemas de matemáticas recreativas a través desta web convocado polo departamento de matemáticas baixo o título “As mates molan” dirixido a tódolos alumnos e alumnas de ESO da Mariña.
A primeira fase do concurso consistirá na resolución de boletíns de exercicios que se irán publicando na web do departamento, http://www.demates.es/, onde se pode atopar toda a información sobre o mesmo. A esta primeira fase, que rematará o día 27 de marzo coa publicación das puntuacións totais na mesma, seguiralle a fase presencial á que accederán os concursantes que acaden unha maior puntuación. Desenvolverase no IES e consistirá nunha única proba de resolución de exercicios similares aos dos boletíns publicados na web, terá lugar no mes de abril e poñerá fin ao concurso.
Os/as dous/dúas concursantes que acaden maior puntuación na proba presencial recibirán un diploma acreditativo, 100 € en vales de compra para o primeiro e un MP4 para o segundo.
Animádevos a participar!. AS MATES MOLAN!.

8/11/07

Presentación da feira de ciencia, edición outono.

O día 8 de novembro tivo lugar a presentación da segunda parte da Feira da Ciencia deste ano. Participaron nela Alfonso Piñeiro, Mº Jesús Besteiro e Antonio Gregorio, ilustrando en conxunto o marco no que se inscribe, a semana europea da ciencia neste ano que tamén é o ano da ciencia, a colaboración entre a Asociación Cultural Xerfa e o IES, a subvención por parte da Dir. Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, etc. Incidiuse tamén en aspectos concretos da feira, dende a exposición de cogomelos, adiantada unha semana respecto ó resto de presentacións por motivos de axenda do IES, á nominación doutras experiencias que terán lugar no IES o 14 e 15 de novembro, en horario de tarde (16 a 18h).
Fíxose fincapé na autoría dos alumnos do IES e en que son os principais aproveitados no obxectivo declarado desta actividade, estender a comprensión e o interese pola ciencia. Son eles tamén os que xa amosaron en diversas ocasións experiencias e montaxes da feira no día da ciencia na rúa de A Coruña e o farán a finais de mes en Galiciencia (da que haberá información máis puntual)

Emilio Calatayud Pérez

Xuíz de menores de Malaga que saltou aos medios de comunicación por ditar sentencias exemplares, inxeniosas e innovadoras como condenas a aprender a ler e escribir, sacar o graduado escolar, etc...
Nos seguintes enlaces pódense ver dous vídeos que corresponden a unha das súas intervencións en coloquios sobre educación.
As súas opinións sobre tódalas problemáticas en cuestión de menores, a claridade expositiva e a visión práctica non deixan a ninguén indiferente. Non ten pelos na lingua e non deixa torre en pé.
Merece a pena velos e reflexionar.

Saída ás setas





O martes 6 de outubro, alumnos de 4º ESO acompañados polos profesores José Carlos, Montse e Susi participaron nunha excursión xa tradicional no centro: unha saída ás setas. O lugar elexido foi o mesmo ca estes últimos anos: o Campo do Oso, en Mondoñedo, e a finalidade da saída era recoller exemplares dos cogumelos máis representativos da zona para despois poder amosalos a tódolos interesados nunha exposición.
Realmente, aínda que este outono está sendo especialmente seco e polo tanto bastante pobre en setas, nas tres horas de paseo polo monte recollemos unha variedade considerable de exemplares. De volta ao instituto, fomos xantar e despois quedamos para proceder á clasificación e montaxe da exposición que poderá ser visitada ata o venres ás 12. Nela encontraredes máis de 40 especies distintas entre as que figuran as máis comúns da mariña tanto de zonas altas coma de prados. Todas teñen a súa tarxeta co nome científico, vulgar así como o seu interesse culinario ou toxicidade se é o caso. Así, podemos encontrar dende comestibles como Lactarius deliciosus, Boletus edulis, Lepiota procera, Coprinus comatus, Cantharellus lutescens, Agrocibe aegerita, Hydnum repandum... ata tóxicas como Amanita pantherina, Cortinarius sanguineus, Hypholoma fasciculare... pasando por outras sen interese culinario como Russulas ou Boletus bovinus. Dende algunhas tan típicas como a seta dos ananitos (Amanita muscaria) ou o peido de lobo (Lycoperdon molle) ata outras que moita xente non asocia como fungos como Pisolithus tinctorius (empregada antiguamnete para facer tintes), Sparassis crispa (vulgarmente coñecida como coliflor), unha boa representación de leñosas ( Polyporus, Coriolus versicolor, Fomes fomentarius, Ganoderma aplanatum...) e mesmo algunha que ningún ano tivemos coma por exemplo Chorosplenium aeruginosum.
Polo tanto, animamos a tódolos interesados a dar unha volta pola exposición. Consideramos que o obxectivo da actividade que é achegar o alumnado ao mundo da micoloxía está conseguido, e esperamos poder seguir realizandoa nos anos vindeiros.