11/2/11

ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo


O pasado luns, día 7, o alumnado de 1º de ESO participou na actividade ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo.

Previamente a ese día, as alumnas/os prepararan esta visita lendo o libro CONTOS DE MEDO NO MUSEO. No propio museo, a actividade consistiu en contestar a unha batería de preguntas, parte das cales tiñan resposta nas historias lidas, e, o resto, con solución na observación con pistas das salas de exposición.

As dúas clases de 1º alternáronse nesta visita ao museo e no paseo completo polo adarve da Muralla de Lugo, Ben Patrimonio da Humanidade, que é a única do orixe romana que se conserva ao longo de todo o seu perímetro orixinario.

A participación do no noso centro nesta actividade, sen dúbida ben deseñada por parte do museo, foi organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

8/2/11

Observación astronómica.


A noite de venres, o pasado fin de semana, un numeroso grupo de alumnos do IES Porta da Auga, coa materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, subiu á Casa da ría de Ribadeo, en Santa Cruz, para realizar unha exploración do ceo nocturno.
Acompañados polo profesor Antonio Gregorio, informáronse das características principais dos telescopios na cúpula e aprenderon os rudimentos de orientación no ceo nocturno.
Despois de ver a constelación de Leo sobre Castropol, cara o Norte aprenderon a distinguir a Osa Maior, e dela, saltar á estrela Polar e atopar Cassiopea. A partir desta constelación, e pola Vía Láctea, atoparon o grupo principal de estrelas do noso sur celeste invernal, o hexágono de inverno, centrado en Betelgeuse, na constelación de Orión. Como punto de referencia, Sirio, a estrela máis brilante da noite, e aliñada coas Tres Marías, foron quen de atopar Aldebarán en Tauro e o grupo das Pléiades, empregado como calibrador de agudeza visual.
Despois repasaron outras estrelas da zona: Capella no Cocheiro, Castor e Polux en Xéminis, Proción no Can Menor e Rigel en Orión, así como a nebulosa desta última constelación. Igualmente, descubriron a mitoloxía que involucra ás constelacións de Orión, Tauro e os Cans Maior e Menor.
A visita rematou pasada a medianoite.

7/2/11

2 de febreiro, día dos humidais.



O 2 de febreiro celebrouse o ¨Día Mundial dos Humedais¨ e os alumnos de 4º ESO de bioloxía saímos á ría para observar este ecosistema. A visita foi didáctica e permitiunos achegarnos á fauna e vexetación que nos rodea.


O máis curiuso, sen dúbida algunha, foi a observación de avesmigratorias que só se deixan ver nas estacións de outono e inverno e que proceden do norte de Europa. Aprendemos a diferenciar garzas, garcetas, cormoráns, mazaricos, ostreiros, correlimos e algúns patos. Como facía moi bó día e a marea estaba empezando a subir, estaban todos en plena actividade buscando o seu alimento e tamén disfrutando do sol.




Pasamolo moi ben e algúns de nós descubrimos unha ría bastante distinta á do verán, con moito bullicio de aves dun lado para outro.




Tamén nos fixamos na flora, tendo en conta que o factor determinante para a súa distribución é a salinidade. Poidemos observar e fotografar as pradeiras de plantas halófilas (zostera) que forman os fondos da ría, pero tamén os extensos xuncais que aparecen a partir de Vilavedelle e os carrizais subhalófilos, que hai a partir de Porto.




Ademais fomos facendo fotos e tomando notas para un traballo que presentaremos na Feira da Ciencia e que se enmarca nos proxectos da Axenda 21 deste curso. Xa veredes o resultado!





4º ESO