22/10/10

José Mª Martínez Fernández, profesor do IES, publica un libro de contabilidade.

O profesor do I.E.S. JOSÉ MARÍA MARTINEZ FERNÁNDEZ ven de publicar nas editoriais TOXOSOUTOS e UNIPRO o libro:

O PLANO XERAL CONTABLE DE PEMES (UNHA VISIÓN PRÁCTICA CON EXEMPLOS) é un traballo no que, como o seu título indica, o autor pretende dar unha visión práctica do P.X.C. de PEMES a través de exemplos explicativos que axudan a entende-lo referido texto legal.

O traballo consiste en intercalar no texto do Plano X.C. de PEMES (Real Decreto 1515/2007 de 16 de novembro) as pertinentes explicacións teóricas ó carón da norma e, de seguido destas breves explicacións un, ou varios, exemplos aclaratorios. Fíxose así, percorrendo todas e cada unha das cinco partes das que se compón o referido Plano X.C. de PEMES.

Concretamente, cando se chega á parte 5ª, definicións e relacións contables, vaise percorrendo conta a conta todo o cadro de contas, comentando o seu significado e poñendo diferentes exemplos nos que queda reflectido o seu funcionamento. Moitos temas trátanse, como é lóxico, desde dúas perspectivas, unha desde o punto de vista da conta debedora e outra desde o punto de vista da conta acredora.

Á hora de poñe-los exemplos ós que se alude no punto anterior, en algúns casos (activos financeiros, inmobilizado material, ...) tamén se fai referencia á 2ª parte do P.X.C., normas de valoración, coa idea de ve-los temas desde diferentes ópticas.

O obxectivo deste traballo non é o de facer unha exposición teórica do contido do texto legal, pois para iso xa hai outras moitas obras publicadas nos últimos dous anos; o que se pretende e ter unha colección de exemplos, redactados dunha forma sinxela, que axuden a comprender mellor o funcionamento dunha conta ou como hai que interpretar unha determinada norma de valoración. Trátase de ver este traballo como un conxunto de exercicios resoltos sobre o contido do P.X.C. de PEMES.

Os pedidos poderán facerse a:

Telefono 986 40 50 51
Av. Estación 25
36812 Redondela

17/10/10

Número 19 da revista XERFA


Co número 19 da revista XERFA cúmprense 20 anos ininterrompidos desta publicación.

Por iso este número, ademais de facer o habitual repaso a actividades, premios e traballos desenvolvidos no instituto durante o curso 2009-10, pretende ser unha homenaxe a todos os que durante estes vinte anos fixeron posible esta publicación.

Xa na portada poden verde, a modo de mosaico, as portadas dos 19 números anteriores (dende o cero ó dezanove). Tamén polo mesmo motivo contamos coa colaboración dalgún dos ex alumnos e alumnas que foron entusiastas redactores nas páxinas desta publicación cando eran estudantes no IFP de Ribadeo, IES de Ribadeo ou xa no actual IES Porta da Auga. As súas lembranzas, felicitacións e bos desexos únense ás de profesores como Álvaro Doural e Antonio Gregorio, uns dos primeiros impulsores da revista.

Ao igual que o número anterior a edición dixital visible en ISSUU (http://www.issuu.com/portadaauga/docs/xerfa_19, é en cor, aínda que a impresa segue sendo en branco e negro, por evidentes razóns de custo.