21/12/11

1º e 2º de ESO viviron HORA AZUL con Tropa de Trapo


Foi o último día de clase antes das vacacións de Nadal. Marta, coa súa palabra, e Brais, coa música e tamén coa palabra, esta curiosa tropa como eles se califican, conducíronnos por un espectáculo mestura de contos lonxanos e cercanos, de romarías e desertos, de mulleres que non se renden, de nenos que xogan, de homes que emigran… Catro contos de Marrocos, de Alxeria, da Galiza… de calquera parte do mundo e de todas á vez.
Contos de mulleres valentes en tempos difíciles, festas nunha aldea galega, lendas marroquís… Historias ao son da guitarra portuguesa, do laúde árabe, da darbouka, do caixón flamenco e das karkaba. Ideais, valores, cartos, historias de amor entre as areas do Sáhara e o torreiro de Chandebrito, que nos fixeron ... sentir.
E a continuación, no obradoiro, 1º de ESO iniciouse no oficio, de contacontos, claro. Houbo que deixar sair a imaxinación, desinhibirse para ver que tod@s temos habilidades narrativas e escénicas ... ah! e valorar a importancia de escoitar.

A actividade foi organizada polo Equipo de dinamización da lingua galega.

Obradoiro de transformación de produtos lácteos.

O 21 de decembro o alumnado de 1º de Bacharelato que cursa a materia de Bioloxía e xeoloxía asitíu a un obradoiro de transformación de produtoa lácteos celebrado no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal Pedro Murias.

A valorización do medio rural, así como a fixación da poboación no mesmo, aparecen como liñas básicas de actuación de organismos como a UE e a Consellería do Medio Rural. Polo tanto entendemos que a formación debe ir encamiñada á contribución de conseguir estes obxectivos. De tal maneira que a diversificación das producións é o mellor aproveitamento dos recursos
propios, dá lugar á consecución nas mesmas dun maior valor engadido, nos procesos de produción, baixo unha denominación de calidade específica, contribuíndo así en parte á consecución destes obxectivos.

O C.F.E.A. Pedro Murias, inscrito no CRAEGA (Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica) conta cun Obradoiro de Lácteos, sendo polo tanto o lugar axeitado para contribuír en parte a estes fins.

Pretendese entonces adquirir os coñecementos básicos dos procesos de transformación de leite en produtos lácteos derivados de amplo consumo:
  • Coñecer e diferenciar os principais compoñentes do leite, así como a importancia dentro da estabilidade da solución e polo tanto naelaboración de produtos lácteos.
  • Coñecer os diferentes tipos de callo e as peculiaridades da callada.
  • Describir os fundamentos básicos na fabricación de queixos e leites fermentadas.
  • Diferenciar as principais características tecnolóxicas das ultimas denominacións de orixe de queixo que se elaboran en Galicia.
  • Coñecer as diferentes etapas do proceso produtivo na elaboración de produtos lácteos, incidencia nos obxectivos das mesmas, tecnoloxías empregadas, variables, parámetros e
    control da súa incidencia na calidade e produtividade.

Programa realizado:

  • Introdución á queixería.
  • Introdución ás leites fermentadas.
  • Taller práctico de elaboración de queixo da D.O. Arzua Ulloa.

19/12/11

Bo Nadal e próspero ano 2012


13/6/11

Segunda parte do intercambio co IES Aquis Celenis de Caldas de Reis

O pasado 31 de maio, os alumnos/as do IES Aquis Celenis visitaron Ribadeo, correspondendo á nosa visita previa a de Caldas de Reis. Ambas inscribíronse dentro do actividade de intercambio con outro centro educativo galego, programada polo Equipo de dinamización da Lingua Galega, que ten entre os seus obxectivos coñecer outras zonas do noso país e promover o uso do noso idioma.

Foi unha xornada amena e interesante, na que todos/as, de Caldas ou de Ribadeo, aprendemos algo máis sobre a nosa localidade, a nosa historia, o noso presente, as nosas particularidades lingüísticas, ... sin faltar ás referencias ao noso caracter e a sección de curiosidades.



A xornada comezou ás 12:00 h. cunha breve recepción a cargo do noso director e dos alumnos participantes. A continuación fomos a pé polo paseo marítimo, usamos o ascensor da Atalaia, continuamos ata o Cargadoiro, entramos no Castelo San Damián e rematamos subindo ao faro de Illa Pancha.

Posteriormente, xantamos en Santa Cruz, onde tamén nos divertimos ao grande con actividades como o tiro de corda ou o xogo do pano.

Á tarde, organizados en grupos, realizamos unha rota urbana comentada, na que todos, incluso nós, descubrimos aspectos nos que, de non ser así, non repararíamos.

Para rematar a xornada, dirixímonos a Rinlo, onde nos despedimos, quedando con novos amigos e amigas, cos que seguiremos en contacto. (Álbum).

O alumnado é o protagonista

O pasado 21 de xuño, os alumn@s de 4º ESO que cursan bioloxía, viaxaron a Pontevedra para participar, por segundo ano, nunha das actividades da Axenda 21: o encontro “O alumnado é o protagonista”. Expuxeron un traballo feito durante este curso e que leva por título “Un ecosistema: A Ría de Ribadeo” que xa puido verse na nosa Feira da Ciencia e que tamén levamos ó día da Ciencia na rúa celebrado na Coruña. Trátase dun estudio integral da nosa ría abordando distintos aspectos: orixe, xeomorfoloxía, avifauna invernante, grandes comunidades vexetais, zonación sedimentaria, cultivos, censos e sostibilidade da ría.
Realmente penso que mereceu a pena, non só porque o noso traballo gustou moito e os nosos alumn@s recibiron moitas felicitacións senón tamén porque poidemos observar moitas outras formas de traballar para conseguir un entorno sostible dende áreas tan distintas como lingua, plástica ou matemáticas e con actividades moi variadas pero que todas persiguen o mesmo: a sensibilización ambiental. Está claro que tal e como dixo Mayor Zaragoza “ O noso futuro non dependerá de que mundo deixemos ós nosos fillos senón de que fillos deixemos ó noso mundo”. (Álbum)

Águia pescadora

Recentemente, os alumnos de 2º ESO A desprazáronse ata Sta Cruz para visitar unha exposición organizada por FAPAS (Fondo para a protección de animais salvaxes) sobre o proxecto de recuperación da águia pescadora na Ría de Ribadeo e na Costa Cantábrica.
A águia pescadora é un ave rapaz, de tamaño medio, con ás fortes e angulosas, visitante habitual da costa asturiana como invernante e que este ano tamén elexiu a nosa ría para pasar o outono e inverno. Houbo un exemplar que os de FAPAS bautizaron como Panchita, anilláronna (para poder seguirlle a pista en anos sucesivos) e colocáronlle na ría algún pousadeiro (estaca de madeira situada en zonas tranquilas, abertas e con boa visibilidade) para que poidera descansar e pescar comodamente. Trátase en definitiva de adoptar medidas de conservación, iguais ás practicadas noutros lugares e destinadas a aumentar o número de exemplares invernantes para revalorizar dende o punto de vista ambiental , toda a Costa Cantábrica. A ver se o próximo outono Panchita e compañía volven á nosa ría!!!

Presentación do libro "25 Años de Futbol Sala"







Manuel Cadramón, que estudou e foi profesor neste instituto, actual profesor no IES de Becerreá e delegado do Azkar-Lugo, estivo novamente con nós para presentar o seu libro de recente publicación “25 Años de Futbol Sala”.



18/5/11

Correlingua 2011

O venres 6, baixo o lema EN GALEGO SEMPRE SOMOS, os alumnos/as de 2º e 3º de ESO participaron no Correlingua da Mariña.
Nesta edición, esta carreira anual en defensa do idioma galego tivo lugar en Burela, reunindo a máis de 1.200 escolares da comarca.
Despois de realizar un percorrido urbano pola vila, a xornada rematou coa leitura do manifesto do Correlingua e as actuacion do mago Martín Camiña e do grupo Som do Galpón, que puxeron o broche final na Praza do Concello.

Matarratos Darwin

O pasado martes, día 10, os alumnos/as de 3º e 4º de ESO e os de 1º de Bacharelato asistiron a un espectáculo novidoso. Non foi unha conferencia ao uso, pero tampouco unha obra de teatro, senón algo a medio camiño entre as dúas cousas, ao que os pais da criatura, Vicente de Souza, actor e director, e Xurxo Mariño, científico e divulgador, quixeron chamar discurshow .
Darwin é o protagonista do espectáculo. Nel detállase as anécdotas que normalmente non se cotan da viaxe do naturalista británico nos seus tempos de mozo a bordo do barco Beagle. Durante a mesma pasou enfermidades, terremotos, temporais, medo, frío, pero tamén tivo os seus momentos de felicidade.
Esta obra é un bo exemplo de como se pode achegar a ciencia ao público dun xeito ameno, e de que o divertimento non está reñido cos temas máis sisudos. Ademais, a nosa lingua semella darlle máis carta de natureza a esas intencións, xa que, como dicía o lema dunha exposición realizada no noso IES fai pouco, o galego non deixa de ser o noso medio natural.
Non queremos finalizar esta referencia sen indicar que o acto, que tivo lugar no Auditorio Hernán Naval, foi organizado conxuntamente polos dous institutos de ensino da localidade, o IES Gamallo Fierros e o IES Porta da Auga, e que no noso centro foi impulsado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega e polo Departamento de Ciencias.

6/5/11

Intercambio con Caldas de Reis

O pasado xoves 28 de abril, os alumn@as de 2º e 3º de ESO do noso IES visitaron a vila de Caldas de Reis, dentro das actividades de intercambio co alumnado do IES Aquis Celenis organizadas polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

A visita comezou ás 11:00 h. Recibíronnos os alumn@s participantes, acompañados dos seus profesores e do Director do centro. A continuación fixemos unha visita guiada pola vila, seguida dun paseo a pé pola beira do Umia ata a moi bonita fervenza de Segade.

A continuación subimos, para xantar, ao mirador do Monte Lobeira, desde onde gozamos dunha espectacular vista de toda a Ría de Arousa.

Á tarde, visitamos Cambados, onde, mesturados os alumn@s dos dous centros, participamos nunha actividade de grupos que nos serviu para coñecer esa vila.

Finalmente dirixímonos á Illa da Toxa, lugar no que moit@s de nós aproveitamos para darnos o primeiro baño da tempada, nunhas augas aínda un pouco fresquiñas.

Todo o bo remata, polo que ás 18:30 h. houbo que emprender o camiño de volta para Ribadeo. Agardamos con impaciencia a devolución da visita, prevista para o día 31 de maio. Intentaremos non desmerecer en nada a súa calorosa acollida.

Foi unha interesante e amena xornada, (Ver álbum de fotos)

26/4/11

XVII Feira da Ciencia

A XVII edición da Feira da Ciencia rematou o día 15 de abril.
Foron tres días intensos ós que precederon outros moitos de preparación.
Os seguintes enlaces son un compendio do que deu de si esta edición:

Páxína web do centro
Álbum de fotos
El Progreso 09-04-2011
La Voz de Galicia 09-04-2011
El Progreso 13-04-2011
El Progreso 14-04-2011
La Voz de Galicia 14-04-2011

10/4/11

Reciclar para crear




O pasado xoves, día 31 de marzo, o alumnado de 3º e 4º de ESO organizouse en brigadas de limpeza para recoller lixo que o mar rexeita unha e outra vez despois da nosa torpe insistencia en consideralo un vertedoiro.

Alí topáronse coas nosas vergoñas en forma de infinidade de argalladas plásticas que no seu momento formaron parte desa irresponsable e irrespetuosa maneira que temos de producir, consumir e rexeitar. Cabezas de monecas, botas, zapatos, botellas e botes de mil formas , redes, cordas, aros diversos, nasas …e, sobre todo chanclas, chanclas de todas as cores tamaños e formas. Todo isto constituíu o tesouro que en grandes sacos trouxeron para o IES. (Fotos)


Despois comezou o traballo de darlles a estes obxectos tan diversos unha última utilidade, e así, baixo a batuta de Mª Jesús Colmenero, profesora de plástica, foron xurdindo no patio do centro nubes de chanclas que, despois de flotar na auga, levitan no aire; figuras humanas que nos observan ameazantes dende lugares recónditos, como se estivesen tramando a vinganza pola súa funesta existencia; unha serea envolta en redes que xa non seduce a ningún mariñeiro; serpes do pasado que reptan cara un escuro futuro, e no medio deste macabro escenario, unha foca no alto dun penedo xoga abstraída cunha pelota. (Fotos)

Todo este tétrico elenco desempeña así unha última función conseguindo captar a atención e mover á reflexión sobre o uso que estamos a facer do mar, convertido en reduto final de desperdicios.

Esta actividade enmárcase na nosa participación na Axenda 21 Escolar de Galicia, que persegue, mediante a potenciación da formación en centros, o fomento de valores básicos para a vida e a convivencia na igualdade e sostibilidade.



19/3/11

Visita a Allariz

O pasado día 15 de Marzo os alumnos de 3º eso fumos a Allariz. Visitamos o Museo do xoguete, o Muiño do burato e o Museo do coiro, ademais de dar unha volta pola vila, facendo especial fincape nas actuacións feitas para a recuperación e proteción do casco histórico.

Pola tarde tivemos unha serie de actividades no Centro de Educación Ambiental do Rexo, donde un monitor chamado Carlos - a quen lle estamos moi agradecidos- explicounos a fauna da zona, ensinounos a granxa das ovellas e como fan os queixos, todo elo con grande entusiasmo, como corresponde a un bó amante da natureza. Por certo -e por sorpresa- tamén nos levou visitar una depuradora ,¡ despois de xantar..............!.

Esta visita está organizada polo "Proxecto Terra". Xa levamos feitas varias actividades planeadas por eles e estamos moi satisfeitos cos resultados.

Álbúm da viaxe

18/3/11

Antroido 2011


O venres 4 de marzo no IES afloraron os desexos de troula carnavalesca, máis entre alumnado que profesorado, pero de todo houbo, como ben mostran as imaxes: https://picasaweb.google.com/ies.porta.auga/Antroido_2011

2/3/11

Visita ós Xulgados do Social e Rexistro Mercantil


Un grupo de alumnos/as da familia profesional de Administración do I.E.S. Porta da Auga de Ribadeo, acompañados de dous profesores, acudiron o pasado martes día 22 de febreiro a Lugo para realiza-las seguintes actividades:

1ª. Pola mañá, asistiron nos xulgados do social a varios xuízos nos que se dirimían cuestións como despedimentos improcedentes, reclamación de salarios de tramitación, abuso de contratación eventual por circunstancias da producción, etc., que son conceptos que trataron previamente na clase.

2ª. Pola tarde acudiron ó Rexistro Mercantil, onde catro funcionarios, moi amables por certo, lles explicaron os trámites administrativos a realizar para poder inscribir unha empresa no devandito rexistro, como había que face-la legalización dos libros contables e como había que face-lo depósito das contas anuais das empresas. Cada funcionario fíxolles entrega de copias dos formularios a cumprimentar para cada unha das operacións anteriormente descritas a efectos de que poidan face-las pertinentes prácticas coa cumprimentación dos referidos formularios na clase.

Ás 5 e media da tarde fíxose o regreso a Ribadeo.

11/2/11

ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo


O pasado luns, día 7, o alumnado de 1º de ESO participou na actividade ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo.

Previamente a ese día, as alumnas/os prepararan esta visita lendo o libro CONTOS DE MEDO NO MUSEO. No propio museo, a actividade consistiu en contestar a unha batería de preguntas, parte das cales tiñan resposta nas historias lidas, e, o resto, con solución na observación con pistas das salas de exposición.

As dúas clases de 1º alternáronse nesta visita ao museo e no paseo completo polo adarve da Muralla de Lugo, Ben Patrimonio da Humanidade, que é a única do orixe romana que se conserva ao longo de todo o seu perímetro orixinario.

A participación do no noso centro nesta actividade, sen dúbida ben deseñada por parte do museo, foi organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

8/2/11

Observación astronómica.


A noite de venres, o pasado fin de semana, un numeroso grupo de alumnos do IES Porta da Auga, coa materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, subiu á Casa da ría de Ribadeo, en Santa Cruz, para realizar unha exploración do ceo nocturno.
Acompañados polo profesor Antonio Gregorio, informáronse das características principais dos telescopios na cúpula e aprenderon os rudimentos de orientación no ceo nocturno.
Despois de ver a constelación de Leo sobre Castropol, cara o Norte aprenderon a distinguir a Osa Maior, e dela, saltar á estrela Polar e atopar Cassiopea. A partir desta constelación, e pola Vía Láctea, atoparon o grupo principal de estrelas do noso sur celeste invernal, o hexágono de inverno, centrado en Betelgeuse, na constelación de Orión. Como punto de referencia, Sirio, a estrela máis brilante da noite, e aliñada coas Tres Marías, foron quen de atopar Aldebarán en Tauro e o grupo das Pléiades, empregado como calibrador de agudeza visual.
Despois repasaron outras estrelas da zona: Capella no Cocheiro, Castor e Polux en Xéminis, Proción no Can Menor e Rigel en Orión, así como a nebulosa desta última constelación. Igualmente, descubriron a mitoloxía que involucra ás constelacións de Orión, Tauro e os Cans Maior e Menor.
A visita rematou pasada a medianoite.

7/2/11

2 de febreiro, día dos humidais.



O 2 de febreiro celebrouse o ¨Día Mundial dos Humedais¨ e os alumnos de 4º ESO de bioloxía saímos á ría para observar este ecosistema. A visita foi didáctica e permitiunos achegarnos á fauna e vexetación que nos rodea.


O máis curiuso, sen dúbida algunha, foi a observación de avesmigratorias que só se deixan ver nas estacións de outono e inverno e que proceden do norte de Europa. Aprendemos a diferenciar garzas, garcetas, cormoráns, mazaricos, ostreiros, correlimos e algúns patos. Como facía moi bó día e a marea estaba empezando a subir, estaban todos en plena actividade buscando o seu alimento e tamén disfrutando do sol.




Pasamolo moi ben e algúns de nós descubrimos unha ría bastante distinta á do verán, con moito bullicio de aves dun lado para outro.




Tamén nos fixamos na flora, tendo en conta que o factor determinante para a súa distribución é a salinidade. Poidemos observar e fotografar as pradeiras de plantas halófilas (zostera) que forman os fondos da ría, pero tamén os extensos xuncais que aparecen a partir de Vilavedelle e os carrizais subhalófilos, que hai a partir de Porto.




Ademais fomos facendo fotos e tomando notas para un traballo que presentaremos na Feira da Ciencia e que se enmarca nos proxectos da Axenda 21 deste curso. Xa veredes o resultado!





4º ESO

31/1/11

O GALEGO É O NOSO MEDIO NATURAL






















O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.



Obter Adobe Flash Player





“A lingua e a natureza, dúas realidades que definen Galiza, que identifican a nosa terra, e que nestes momentos precisan do noso alento; eis o obxectivo desta campaña.

Porque, como dixo o poeta do Courel, aínda a Terra é nova, e como aínda é nova a lingua, queremos chamar a atención sobre a necesaria implicación de tod@s na defensa do noso.”

Así comeza a presentación desta campaña a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística na súa páxina http://www.coordinadoraendl.org/, da que se fixo eco o equipo do noso IES.
Para isto utilizamos as láminas que te invitamos a ver e descargar a través do enlace. Estas, unha vez impresas, estiveron expostas na entrada do noso centro durante tres semanas, e serviron para realizar actividades de aula e un concurso, no que animadamente participou, por clases, todo o alumnado de ESO.

Estes materiais están agora, nun exemplo do que con algo de retranca poderíamos cualificar de exemplo de cooperación e bo aproveitamento dos recursos, circulando por outros centros educativos da Mariña para contribuír á realización de actividades similares.

Agardamos que a campaña contribuíse á concienciación na defensa do noso espazo natural e do noso idioma, porque “para os galegos e as galegas o noso medio natural é o galego.”