13/6/11

Segunda parte do intercambio co IES Aquis Celenis de Caldas de Reis

O pasado 31 de maio, os alumnos/as do IES Aquis Celenis visitaron Ribadeo, correspondendo á nosa visita previa a de Caldas de Reis. Ambas inscribíronse dentro do actividade de intercambio con outro centro educativo galego, programada polo Equipo de dinamización da Lingua Galega, que ten entre os seus obxectivos coñecer outras zonas do noso país e promover o uso do noso idioma.

Foi unha xornada amena e interesante, na que todos/as, de Caldas ou de Ribadeo, aprendemos algo máis sobre a nosa localidade, a nosa historia, o noso presente, as nosas particularidades lingüísticas, ... sin faltar ás referencias ao noso caracter e a sección de curiosidades.



A xornada comezou ás 12:00 h. cunha breve recepción a cargo do noso director e dos alumnos participantes. A continuación fomos a pé polo paseo marítimo, usamos o ascensor da Atalaia, continuamos ata o Cargadoiro, entramos no Castelo San Damián e rematamos subindo ao faro de Illa Pancha.

Posteriormente, xantamos en Santa Cruz, onde tamén nos divertimos ao grande con actividades como o tiro de corda ou o xogo do pano.

Á tarde, organizados en grupos, realizamos unha rota urbana comentada, na que todos, incluso nós, descubrimos aspectos nos que, de non ser así, non repararíamos.

Para rematar a xornada, dirixímonos a Rinlo, onde nos despedimos, quedando con novos amigos e amigas, cos que seguiremos en contacto. (Álbum).

O alumnado é o protagonista

O pasado 21 de xuño, os alumn@s de 4º ESO que cursan bioloxía, viaxaron a Pontevedra para participar, por segundo ano, nunha das actividades da Axenda 21: o encontro “O alumnado é o protagonista”. Expuxeron un traballo feito durante este curso e que leva por título “Un ecosistema: A Ría de Ribadeo” que xa puido verse na nosa Feira da Ciencia e que tamén levamos ó día da Ciencia na rúa celebrado na Coruña. Trátase dun estudio integral da nosa ría abordando distintos aspectos: orixe, xeomorfoloxía, avifauna invernante, grandes comunidades vexetais, zonación sedimentaria, cultivos, censos e sostibilidade da ría.
Realmente penso que mereceu a pena, non só porque o noso traballo gustou moito e os nosos alumn@s recibiron moitas felicitacións senón tamén porque poidemos observar moitas outras formas de traballar para conseguir un entorno sostible dende áreas tan distintas como lingua, plástica ou matemáticas e con actividades moi variadas pero que todas persiguen o mesmo: a sensibilización ambiental. Está claro que tal e como dixo Mayor Zaragoza “ O noso futuro non dependerá de que mundo deixemos ós nosos fillos senón de que fillos deixemos ó noso mundo”. (Álbum)

Águia pescadora

Recentemente, os alumnos de 2º ESO A desprazáronse ata Sta Cruz para visitar unha exposición organizada por FAPAS (Fondo para a protección de animais salvaxes) sobre o proxecto de recuperación da águia pescadora na Ría de Ribadeo e na Costa Cantábrica.
A águia pescadora é un ave rapaz, de tamaño medio, con ás fortes e angulosas, visitante habitual da costa asturiana como invernante e que este ano tamén elexiu a nosa ría para pasar o outono e inverno. Houbo un exemplar que os de FAPAS bautizaron como Panchita, anilláronna (para poder seguirlle a pista en anos sucesivos) e colocáronlle na ría algún pousadeiro (estaca de madeira situada en zonas tranquilas, abertas e con boa visibilidade) para que poidera descansar e pescar comodamente. Trátase en definitiva de adoptar medidas de conservación, iguais ás practicadas noutros lugares e destinadas a aumentar o número de exemplares invernantes para revalorizar dende o punto de vista ambiental , toda a Costa Cantábrica. A ver se o próximo outono Panchita e compañía volven á nosa ría!!!

Presentación do libro "25 Años de Futbol Sala"







Manuel Cadramón, que estudou e foi profesor neste instituto, actual profesor no IES de Becerreá e delegado do Azkar-Lugo, estivo novamente con nós para presentar o seu libro de recente publicación “25 Años de Futbol Sala”.