30/5/08

Intercambio Rianxo-Ribadeo


O pasado mércores 28 concluíuse o intercambio realizado entre os institutos Félix Muriel de Rianxo e o Porta da Auga, que tiña como principal obxectivo a convivencia e coñecemento dos dous pobos, fomentando o galego.

O proxecto comezou coa nosa viaxe a Rianxo no mes de abril, onde a pesar do mal tempo, puidemos coñecer o pobo e ter un maior vínculo cos rianxeiros/as.

Este mes foi o seu turno, e polo tanto o traballo recaeu sobre nós para darlle unha boa benvida. Despois dunha breve presentación e actuación por parte dos alumnos comezou a visita polo noso pobo. O tempo, unha vez máis, xogounos unha mala pasada e os plans previstos víronse bastante truncados, pero aínda así puideron coñecer bastantes recunchos da nosa vila, a pesar de que moito do recorrido fora en autobús.

Levámolos a Santa Cruz, onde camiñamos e posteriormente baixamos ao pavillón a realizar xogos populares. Visitamos lugares emblemáticos da vila (o concello, o parque, o faro, diferentes rúas,...), tivemos algo de tempo libre, e despois continuamos a nosa visita pola zona costeira ata a vila mariñeira de Rinlo, onde finalizou a nosa experiencia.

Agardamos que o noso pobo lles gustase e que quedaran contentos coa visita!.


Andrea Martínez

Antía Blanco

29/5/08

Viñeron os(as) de Rianxo...


Este mércores 28 os alumn@s e profesores do IES Felix Muriel de Rianxo viñeron, dentro das actividades de intercambio promovidas polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, devolvernos a visita. Nin a auga caída foi quen de augarnos a festa!
Nada máis chegar, a iso das 12, recibímolos como se debe: no Salón de Actos, con saúda do noso Dire e unha breve e interesante explicación de como é este curruncho da nosa Terra que é Ribadeo, do traballo que fixemos e estamos facendo do equipo, proxección visual, lectura de algún poemiña e ata interpretación artística cantada; todo isto, claro está, a cargo noso, dos alumnos/as.
Santa Cruz foi o que veu a continuación. Vista panorámica, xogos ... que quedaron reducidos ao tiro de corda porque ... coa que caía! Iso si, puidemos dar boa conta dos bocatas que levábamos.
E como chovía, un pouco de pavillón, con xogo de billarda, pano e convivencia-convivencia, no que algúns tiveron máis éxito que outr@s.
Mirasol-Figueirúa, percorrido polo paseo marítimo Alfonso Rodríguez Castelao (mira que é bonita a Ría con Castropol e As Figueiras do outro lado!), visita a Cargadeiro e Forte San Damián (con explicación documentada pola nosa parte) e, para rematar, chegada ata o faro de Illa Pancha.
Volta a Ribadeo, breve paseo por San Roque, as Catro “Calles”, parque (Torre dos Moreno e Pazo de Ibañez) e tempo libre.
E para rematar un moi agradável paseo pola zona do porto de Rinlo, aproveitando o mellor sol do día. Entrega de obsequios e, con certa pena, despedida. A vida segue e quizás algúns e algunhas nos volvamos ver ...

19/5/08

3ª Sesión de cinensino


O pasado mércores, día 14 de maio, o alumnado do 1º ciclo de ESO asistíu á proxección do filme "Un puente hacia Terabithia" na que foi a terceira e última sesión, neste curso, do programa cinensino.
No filme Jess (Josh Hutcherson) e Leslie (AnnaSophia Robb) son dous nenos de doce años cunha imaxinación desbordante. Desde o primeiro día que se coñecen na escola, o seu desexo de escapar dunha realidade mediocre que non lles agrada levaraos a crear na metade do bosque un mundo imaxinario e marabilloso: Terabithia. Este mundo fantástico, do que eles son amos e señores, acabará sendo un reflexo da súa realidade cotiá e axudaralles a enfrontarse a certos medos e inseguridades e a establecer entre eles un vínculo tan forte que non poderá ser roto por nada nin ninguén.

14/5/08

XIII día da Ciencia na Rúa de A Coruña


O que é a vida: a Feira da Ciencia do IES porta da Auga vai unha edición por diante desta macro feira de A Coruña. Macro polo número de participantes e centros, así como polo número de proxectos e difución comparada coa nosa. Pero precisamente por eso van un pasiño por detrás nalgunhas cousas. Tamén eles están a plantexarse unha pequena reducción de tamaño, a pesares de que teñen sitio e o tamaño facilítalles o ter un orzamento grandiño. E é que o máis grande non ten por que ser mellor.
Voltando ó tema principal, o pasado 10 de maio 23 alumnos e alumnas, unha profesora e un profesor achegámonos á Coruña, o Parque de Sta. Margarida, para participar na primeira edición deste evento con participación do galego. E é que ata o momento toda a cartelería se facía só en castelán. O por que do cambio? Política municipal.
Non damos entrado en materia. Repetición: 23 alumnos e alumnas, que trouxeron como agasallo unha camiseta, a bolsa da comida, un pin... e outras cousas como unha volta gratis pola Coruña ou unha lesión nunha perna no Corte Inglés (que xa é categoría ser atendido no botiquín de dito comercio)
Pero, non era un día de ciencia? Certo. Por turnos, na carpa asignada ('jaima', na denominación aborixe coruñesa), foron expostos os traballos Circuíto humano, Mesa de billar trucada, Cubiño de xeo en aceite, Visión vacuna, Esqueleto de raposo, O Ferro dos cereais, Imáns que levitan, Vasos pegañentos e Tamiz hermético, todos vistos na nosa feira de abril deste ano.
O ambiente, a pesares da choiva, foi moi bó. Ata houbo intercambio de números de móbiles e correos electrónicos con xente foránea, chamada moitas veces de intención para visitar a nosa carpa. A atención á xente de fóra, exquisita. Anécdotas, moitas, pero coido que deben ser contadas pola xente que as viviu. Aprendizaxe? Abondo; sempre se ve algunha novidade e afeitos á nosa feira, sempre se procura con maior eficiencia que os que van de visita a unha exposición coma este.
Unha precisión: a gratuidade ven de que os 'Amigos da Casa das Ciencias' nos pagan a viaxe precisamente para que levemos experiencias amosadas aquí, na nosa feira.
En resumo, hai xente que xa está esperando a próxima edición para participar e 'aprender' cousas, alí e dándose un garbeo pola Coruña, por exemplo, polo Acuario, que ese día está aberto e ten transporte e entrada gratuítos para os participantes como nós.