30/6/09

Teatro: Un xoguete para Goldoni


O 23 de xuño, último día de curso, o noso alumnado asistiu no cine teatro de Ribadeo á representación da comedia "Un xoguete para Goldoni", que puxo en escena o grupo de teatro do IES Vilar Ponte de Viveiro.
A maioría dos compoñentes deste grupo son alumnos e alumnas de segundo de bacharelato, polo que no próximo curso xa non estarán no instituto, sendo esta a súa última representación.
O guión de “Un xoguete para Goldoni” está baseado no “Anel máxico”, de C. Goldoni, adaptación de Cándido Pazó.
Nesta especie de homenaxe ás orixes, aos cómicos que sempre convertían en teatro calquera praza ou camiño, unha compañía de cómicos irrompe no escenario disposta a montar o seu espectáculo, a súa COMEDIA. O tema ( o enrolo amoroso) é o de menos, o que importa é o xogo teatral, a comicidade das situacións, os sucesivos equívocos, a diversión do espectáculo... en fin... a interpretación e o movemento dos actores, unida á música feita por eles mesmos.

Teatro: Pelexa no souto


Con gran asistencia de público tivo lugar o día 19 de xuño a representación da obra que ao longo do curso foi ensaiando o grupo de 1º da ESO do noso colexio. Os nervos estiveron presentes nos minutos previos á representación, pero unha vez comezado todo transcurríu según o previsto e podemos falar tranquilamente de que a cousa saíu bastante ben, sobre todo tendo en conta que sobre o escenario se moveron sobre un total de 25 alumnos/as, cousa que non era doada.
Temos que dicir que unha das nosas maiores preocupacións como era o tema das voces á hora de deixarmos oirnos, non chegou a ser tal pois todos os actores se esforzaron por deixarse oir.Tamén temos que comentar que todos os alumnos estiveron moi metidos no seu papel e agás algunha improvisación e omisión todo saíu moi satisfactoriamente.
En resume todos pasamos un bon momento e todos poideron comprobar como cun pequeno esforzo podemos transformarnos en pequenos actores, e porque non algún pode chegar a ser un auténtico profesional.
En canto a obra, dicir que o argumento xira arredor da introducción do eucalipto e a competencia co castiñeiro, tendo cada un, os seus amigos e os seus detractores, establecéndose un xuizo popular no que o eucalipto sae condeado.