31/1/08

Día Mundial dos Humedais


Os alumnos de 4º ESO que cursan a materia de bioloxía e xeoloxía, fixeron hoxe unha saída á Ría de Ribadeo para conmemorar o Día Mundial dos Humedais que se celebra a nivel internacional o vindeiro sábado 2 de febreiro.
Trátase dunha actividade que se realiza tódolos anos e que pretende achegar ós alumnos ó seu entorno, para inicialos no recoñecemento de aves invernantes así como das principais comunidades vexetais que se asentan na Ría. Realmente, tivemos sorte co día porque aínda que facía frío, houbo sol toda a mañá e puidemos contemplar un montón de aves que veñen do norte de Europa a pasar connosco o outono-inverno: garzas, garcetas, cormoráns, correlimos, mazaricos, pato asubión, alavanco real, pato careto e mesmo unha especie accidental que non está tódolos anos: a espátula.
Parécenois interesante facer este tipo de actividades porque non cabe dúbida que ter un patrimonio natural así ó pé da casa é un privilexio, pero coñecelo é o primeiro paso para aprender a valoralo e polo tanto loitar pola súa conservación.

Prevención de doenzas na columna vertebral




Dona Paloma Rodríguez Oviedo, enfermeira do Hospital Da Costa, está a facer un estudo de investigación sobre o efecto nocivo que as posturas viciadas e o exceso de carga nas mochilas exercen sobre a nosa columna. Coa finalidade de previr problemas tan comúns como a escoliose, imparte charlas informativas dirixidas ao alumnado do 1º ciclo da ESO e leva a cabo un sistema informático de recolleita de datos de peso e altura dos rapaces de secundaria dos distintos centros da Comarca da Mariña.
Así, o martes 22 e 29 de xaneiro estivo no Porta da Auga informando e suxerindo aos nosos aprendices a adopción dun conxunto de medidas sinxelas tales como a práctica dun deporte, a realización dunha táboa de exercicios de estiramento e relaxación, ou a correcta colocación dos tirantes da mochila sobre os dous ombros, destinadas á prevención de doenzas na columna.

29/1/08

Día da Paz


Con motivo do aniversario do asasinato de Gandhi (Mohandas Karamchand Gandhi), o apóstolo da non violencia, o día de 30 de xaneiro de cada ano celébrase o Día Escolar da Non-violencia e da Paz.
Terrorismo, guerras “preventivas” e “santas”, ameaza nuclear, Guerra das Galaxias,... son termos cos que estamos acostumados a convivir. A Humanidade, con tantos séculos de historia, aínda non foi quen de conseguir un entendemento entre os pobos, culturas e relixións. A paz segue sendo un desexo.
Neste 60 aniversario da morte de Gandhi, o Seminario Galego de Educación para a Paz, baixo o lema “A obsesión armamentista”, invítanos a reflexionar sobre a carreira armamentista e o comercio de armas. Para elo presentou unha unidade didáctica coordinada polo profesor Calo Iglesias como proposta concreta de traballo, así como outro tipo de materiais que podemos atopar na súa web: http://www.sgep.org/.

24/1/08

Visita ao Parlamento de Galicia


Os alumnos dos ciclos de Administrativo viaxaron o pasado 23 de xaneiro para visitar o Parlamento Galego, como parte das súas actividades de aprendizaje.
Acompañados dos profesores Amadeo Arango e Miguel López, e tras cruzar media Galicia, chegaron á cidade do Apostol a media mañá e dirixíronse inmediatamente á sede do parlamento, onde -tras pasar polo detector de metais, no que lles foi aprehendido todo tipo de armamento- foron recibidos pola guía, Sara.
No seu percorrido, os desarmados alumnos visitaron as diferentes estancias do Parlamento: salas de reunións dos grupos parlamentarios, biblioteca e o remozado hemiciclo, no que luce unha recente e fermosa vidreira.
Terminada a visita, e tras recuperar o seu arsenal armamentístico, dispuxeron de tempo libre para visitar a zona monumental de Santiago, almorzar e facer prácticas de tiro cos transeúntes.
Pola tarde, e tras visitar o Museo do Pobo Galego, voltaron ó I.E.S.
Os alumnos e os profesores –especialmente, os que quedaron no IES- valoraron moi positivamente a actividade.

14/1/08

Charla de Farruco Graña


O día 11 de xaneiro Farruco Graña, profesor de filosofía no I.E.S. Marqués de Casariego (Tapia), presentou a súa novela O BOSQUE DE NADGOR aos alumnos de 2º de Bacharelato humanidades e tecnolóxico.
A pretensión do autor é que cada alumno/a (ou lector/a) saque as súas conclusións sobre a desfeita urbanística que se está a dor hoxe en día na maioría dos concellos. Na exposición insistiu sobre todo no antes e no agora da paisaxe galega. É certo que Galicia está á procura do progreso, de mellorar as condicións de vida... é xustiza social, pero para iso debemos destruír o que temos ou o que tivemos?.
Despois de proxectar imaxes de varios lugares, púidose observar o que eran antes e o que son hoxe eses lugares, invadidos na súa maioría polo asfalto.
Explicou Farruco que a preocupación estética pola paisaxe xa ten traxectoria ao longo da nosa literatura, dende Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Risco ou mesmo Castelao que afondan na paisaxe como elemento diferenciador,incluso este último opón o ruralismo á cidade.
O BOSQUE DE NADGOR está ambientada no concello de Carballo (vila natal do autor), pero pode servir para facer unha denuncia da desfeita urbanística de calquera outro concello. Esta desfeita váinola descubrindo o protagonista, Nolo, despois de atopar un álbum de fotos do seu avó e unhas anotacións da historia da súa vila. A través delas dáse conta de que no concello só hai ambición por construír edificios, encher de formigón, asfalto... e que pouco queda xa daquelas imaxes antigas nas que había xardíns, paseos, arquitectura...
O autor afirma que moitas vilas compiten nunha carreira polo asfalto e nunca volverán a ser o que eran, pero ás persoas que lles preocupa a situación teñen que evitar, polo menos na memoria, esa imposición do cemento, polo tanto trátase de recuperar unha viaxe cara o pasado.
A novela tenta transmitir que a xente se conciencie da necesidade de conservar espazos e non dedicarse á especulación, e eses espazos hai que buscalos en beneficio de todos.
Insiste Farruco en que o problema de Carballo hoxe en día é moi xeral, non temos máis que observar o veciño concelllo de Barreiros, ou o noso propio Ribadeo, que con tanta adificación apenas quedan zonas verdes, e en moitos lugares xa non chega a luz do sol, ocultada polos edificios.