14/1/08

Charla de Farruco Graña


O día 11 de xaneiro Farruco Graña, profesor de filosofía no I.E.S. Marqués de Casariego (Tapia), presentou a súa novela O BOSQUE DE NADGOR aos alumnos de 2º de Bacharelato humanidades e tecnolóxico.
A pretensión do autor é que cada alumno/a (ou lector/a) saque as súas conclusións sobre a desfeita urbanística que se está a dor hoxe en día na maioría dos concellos. Na exposición insistiu sobre todo no antes e no agora da paisaxe galega. É certo que Galicia está á procura do progreso, de mellorar as condicións de vida... é xustiza social, pero para iso debemos destruír o que temos ou o que tivemos?.
Despois de proxectar imaxes de varios lugares, púidose observar o que eran antes e o que son hoxe eses lugares, invadidos na súa maioría polo asfalto.
Explicou Farruco que a preocupación estética pola paisaxe xa ten traxectoria ao longo da nosa literatura, dende Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Risco ou mesmo Castelao que afondan na paisaxe como elemento diferenciador,incluso este último opón o ruralismo á cidade.
O BOSQUE DE NADGOR está ambientada no concello de Carballo (vila natal do autor), pero pode servir para facer unha denuncia da desfeita urbanística de calquera outro concello. Esta desfeita váinola descubrindo o protagonista, Nolo, despois de atopar un álbum de fotos do seu avó e unhas anotacións da historia da súa vila. A través delas dáse conta de que no concello só hai ambición por construír edificios, encher de formigón, asfalto... e que pouco queda xa daquelas imaxes antigas nas que había xardíns, paseos, arquitectura...
O autor afirma que moitas vilas compiten nunha carreira polo asfalto e nunca volverán a ser o que eran, pero ás persoas que lles preocupa a situación teñen que evitar, polo menos na memoria, esa imposición do cemento, polo tanto trátase de recuperar unha viaxe cara o pasado.
A novela tenta transmitir que a xente se conciencie da necesidade de conservar espazos e non dedicarse á especulación, e eses espazos hai que buscalos en beneficio de todos.
Insiste Farruco en que o problema de Carballo hoxe en día é moi xeral, non temos máis que observar o veciño concelllo de Barreiros, ou o noso propio Ribadeo, que con tanta adificación apenas quedan zonas verdes, e en moitos lugares xa non chega a luz do sol, ocultada polos edificios.

No hay comentarios: