19/12/08

Felicitación


Carla (3º ESO)


Os mellores desexos para toda a Comunidade Educativa nestas festas de Nadal e ano novo 2009.

Conferencia sobre a doazón e transplante de órganos.


O mércores día 17 de decembro do 2008, estudiantes de bacharelato e ciclos formativos dos IES Porta da Auga e Gamallo Fierros asistimos a unha conferencia acerca da doazón de órganos no salón de actos deste último.
O presidente da Asociación Galega de Transplantes “Airiños” e máis dous representantes do equipo de doazóns e transplantes do hospital de Ferrol foron os encargados de levar a charla. Con eles estaba Miguel Pérez, membro tamén da asociación.
O presidente da mesma, Tito, quen nos comentou que el mesmo é un transplantado de fígado dende hai uns anos, salientou como obxectivos principais da asociación o apoio a aquelas persoas que están en lista de espera agardando un órgano, así como ás súas respectivas familias e, por suposto, o fomento da doazón.
A Dra. Isabel Álvarez e o ATS Juan Campo explicáronos as distintas fases no proceso de doazón. Así mesmo, trataron de deixar clara a diferencia entre morte por parada cardiorrespiratoria e morte cerebral, sendo esta última a válida para a extracción dos órganos. Expuxeron, ademais, os criterios de selección de receptores: paciente máis compatible, urxencia, autonomías, etc. Citaron o tempo no que se mantén cada órgano en bo estado antes de ser transplantado, sendo o fígado o máis duradeiro (24-48 h) e corazón e pulmón os menos (máx. 6 h)
Fixéronnos saber datos como que España é un dos países con máis auxe de transplantes. En Galicia 4000 persoas foron transplantadas e unha décima parte dos pacientes en lista de espera falece agardando un órgano.
Por último, incidiron sobre os rapaces no feito de facerse doadores mediante unha curtametraxe relacionada co tema.
Tan só engadir que é moi fácil facerse doador e conseguir a tarxeta. Só temos que solicitala, por exemplo, no centro de saúde do noso concello, e axiña recibiremos o carné. Sería conveniente que lle comentásemos a nosa elección aos nosos achegados. Para posibles dúbidas pode chamarse á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, 981542863.
O obxectivo de todos é o de conseguir o maior número de doantes posible e así reducir a porcentaxe de pacientes que morren agardando na lista de espera.

18/12/08

Recital poético Calella sen saída




O pasado luns 15 de decembro os alumnos de 2º de Bacharelato coa colaboración de rapaces de 2º de ESO realizamos un recital poético que serviu como actividade de peches desta primeira avaliación.
O tema principal do mesmo foi inmigración a e pobreza do Terceiro Mundo. Ademais de recitar os distintos poemas, contamos coa colaboración do escritor afro-galego Victor Omgbá, autor do libro Calella sen saída, que aborda esta temática e que nos serviu para darlle título ao evento.
Mantivemos unha amena charla con el e puidemos coñecer a súa visión como inmigrante e tamén algúns aspectos da cultura do Camerún.
Como broche final do acto unhas rapazas de 2º de ESO interpretaron o tema Clandestino de Manu Chao.

12/12/08

Exposición de Metroloxía.

Durante estes días e ata o 19 de decembro o IES conta coa exposición Medindo o Universo, a historia das medidas.
Consta de 17 paneis nos que se fai un percorrido a través da historia das medidas, dende os exipcios ata a actualidade.
Cales foron os primeiros problemas derivados da necesidade de medir?. Como se amañou Eratóstenes no século II a. de C. para medir o diámetro terrestre?. Cales son os antecesores das actuais sinalizacións quilométricas das nosas estradas?. Cantos antepasados ten o sistema métrico decimal?. Como se fixo o primeiro mapa de Galicia?. A resposta e todas estas preguntas pode lerse nos paneis da exposición, e coñecer, por exemplo, os obstáculos que se foron superando para controlar a medida do tempo, algo que hoxe en día nos parece tan doado.
Pero non está todo feito, a medida afronta actualmente novos retos nos que se traballa intensivamente nos centros de metroloxía de todo o mundo, como o Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia, organismo que ten a súa sede no Parque Tecnolóxico de Galicia en San Cibrao das Viñas, Ourense, e que nos cedeu a exposición.
Se queres ver a exposición, ademais de visitala no IES Porta da Auga, podes atopar información no enlace http://www.medindo.org/descargas.html.