19/12/08

Conferencia sobre a doazón e transplante de órganos.


O mércores día 17 de decembro do 2008, estudiantes de bacharelato e ciclos formativos dos IES Porta da Auga e Gamallo Fierros asistimos a unha conferencia acerca da doazón de órganos no salón de actos deste último.
O presidente da Asociación Galega de Transplantes “Airiños” e máis dous representantes do equipo de doazóns e transplantes do hospital de Ferrol foron os encargados de levar a charla. Con eles estaba Miguel Pérez, membro tamén da asociación.
O presidente da mesma, Tito, quen nos comentou que el mesmo é un transplantado de fígado dende hai uns anos, salientou como obxectivos principais da asociación o apoio a aquelas persoas que están en lista de espera agardando un órgano, así como ás súas respectivas familias e, por suposto, o fomento da doazón.
A Dra. Isabel Álvarez e o ATS Juan Campo explicáronos as distintas fases no proceso de doazón. Así mesmo, trataron de deixar clara a diferencia entre morte por parada cardiorrespiratoria e morte cerebral, sendo esta última a válida para a extracción dos órganos. Expuxeron, ademais, os criterios de selección de receptores: paciente máis compatible, urxencia, autonomías, etc. Citaron o tempo no que se mantén cada órgano en bo estado antes de ser transplantado, sendo o fígado o máis duradeiro (24-48 h) e corazón e pulmón os menos (máx. 6 h)
Fixéronnos saber datos como que España é un dos países con máis auxe de transplantes. En Galicia 4000 persoas foron transplantadas e unha décima parte dos pacientes en lista de espera falece agardando un órgano.
Por último, incidiron sobre os rapaces no feito de facerse doadores mediante unha curtametraxe relacionada co tema.
Tan só engadir que é moi fácil facerse doador e conseguir a tarxeta. Só temos que solicitala, por exemplo, no centro de saúde do noso concello, e axiña recibiremos o carné. Sería conveniente que lle comentásemos a nosa elección aos nosos achegados. Para posibles dúbidas pode chamarse á Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia, 981542863.
O obxectivo de todos é o de conseguir o maior número de doantes posible e así reducir a porcentaxe de pacientes que morren agardando na lista de espera.

No hay comentarios: