21/5/09

...E viñeron os/as de Melide

O pasado martes, día 19 de maio, os alumn@s do IES de Melide devolvéronos a visita, no que foi un moi agradábel día de convivencia, no que o tempo estivo da nosa parte.
Recepción no salón de actos do IES -con canto incluído-, recorrido polo paseo marítimo, Cargadeiro, Forte San Damián –onde nos enteiramos de anécdotas coma a de aquel alcalde que, ante a ameaza da frota inimiga, ordena retirar os canóns ( non fora ser que, ademais da suma a acordar para que non se excedesen coas tropelías, levasen tamén aquelas pezas que non servían para lle facer fronte)-, e remate da camiñata no faro de Illa Pancha. Para todo iso deu a mañá.


O xantar campestre tivo en Santa Cruz a mellor das localizacións posíbeis. E ata tiramos da corda, gañando ... ben, mellor non dicir nada.

Á tarde, mesturados en varios grupos, os de Ribadeo actuamos de guías nun recorrido lúdico-histórico-artístico pola nosa vila. Uns máis e outros menos, todos aprendemos algo ou vimos algo novo paseando, contando e escoitando cousas e historias, a medida que recorríamos San Roque, coas súas casas de indianos, aprendíamos o porqué dunha rúa Vilafranca do Bierzo en Ribadeo, explicábamos os problemas da Torre dos Moreno, algo da historia de Raimundo Ibáñez pasando por diante da que foi súa casa, camiñábamos polo casco vello, a Atalaia ...
Houbo tamén tempo libre. E para rematar, que mellor sitio ca Rinlo para despedirse, non sen comentarlles que o mar non sempre está tan calmo, onde polo inverno se dicía aquilo de “roncan as ribeiras” cando bruaba o mar.


Viñeron, fóronse, pero algo queda: a nós deles e delas, e a elas e eles seguro que algo de nós. Melide e Ribadeo, dous anacos da nosa terra, que merece ser mellor coñecida en galego, máis visitada e gozada. Estarémolo facendo por nós.


Grupo de Normalización e Dinamización Lingüística

12/5/09

Estación meteorolóxica do IES Porta da Auga


A finais do curso pasado Meteogalicia puxo en marcha as Meteoescolas, rede de estacións meteorolóxicas en institutos e colexios que ten como finalidade a mellora o coñecemento do clima entre os escolares, a sensibilización dos máis novos sobre a problemática do cambio climático e a promoción da investigación na escola.
Dende ese momento o IES Porta da Auga integrouse nesa rede e empezouse a traballar no acondicionamento da caseta meteorolóxica que albergaría o termómetro de máximas e mínimas e o pluviómetro, instrumentos básicos cos que se dotou a tódolos membros das Meteoescolas. Todo estivo listo a primeiros deste ano e o 8 de febreiro comezouse a toma diaria de datos e a inclusión destes na páxina web de Meteogalicia.
Pero había un problema insalvable: os días festivos, vacacións,... non se podían recoller datos polo que sempre serían incompletos. Por este motivo decidiuse instalar unha estación automática como complemento á manual. O modelo elixido foi a Davis Vantge Pro2, cuxa instalación e posta en funcionamento acaba de rematar.
Con esta estación podemos ter información actualizada en todo momento e os datos acumulados de tódolos días, estea ou non aberto o centro, así como contrastar cos recollidos na manual. Ademais toda a información recollida pola estación envíase directamente á web do centro cada cinco minutos (http://www.portadaauga.es/).
As posibilidades didácticas que xorden combinando o uso de ambas estacións son enormes, tanto para a ESO como para o Bacharelato. De seguro que nos próximos cursos habemos de ver froitos.

Videoconferencia


"Fala e non ten boca, voa e non ten alas, anda e non ten pés...que é?".
Adiviñas coma esta intercambiáronas os nosos alumnos cos do CEIP Gregorio Sanz nunha videoconferencia que, con motivo da celebración das Letras Galegas, se organizou entre os dous centros, xa por terceiro ano consecutivo.
Os protagonistas foron os alumnos e alumnas de 1º de ESO e de 6º de Primaria, aínda que as diferenzas de curso e idade pouca ou ningunha transcendencia teñen á hora de discorrer as adiviñas.
Durante unha hora de dura contenda os acertos, fallos, alborozos e desánimos sucedéronse, dando mostra do bo ambiente que en todo momento reinou na actividade. O resultado final sempre é o de menos, o importante é que durante ese tempo a lingua foi nexo de unión e lecer.

Julio Antolín Rey

O pasado venres 8 de maio estivo no centro dando unha charla ao alumnado de 1º de Bacharelato o corredor de ultrafondo Julio Antolín Rey, leonés afincado en Ribadeo dende moi novo, que ven de rematar o “Atacama Crossing”, carreira de 250 km polo deserto de Atacama, Chile.
Explicou todos os pormenores das carreiras de ultrafondo, probas que se desenvolven durante varios días nos lugares máis inhóspitos do planeta, nas que, ademais de superar etapas diarias de máis de 50 km en condicións extremas, hai que someterse a unha constante proba de supervivencia: cada corredor debe portar dende a saída todos os útiles, incluída a comida, que vai precisar nos días que dure a travesía. Tan só recibe unha exigua cantidade diaria de auga. Non hai vencedores nin vencidos, o reto é persoal e todos os que chegan á meta son gañadores.
Non é a primeira carreira destas características que supera, completou as 100 millas do Himalaia e xa está pensando noutros retos como o Gobi e a Antártida. Todo un exemplo de superación e sacrificio.

6/5/09

Viaxe a Santiago


O pasado día 5, os alumnos de 3º da ESO visitaron Santiago. O obxectivo da viaxe era o contacto coa evolución arquitectónica da cidade.
Pola mañá estiveron no Museo de Arte Contemporáne e no Museo do Pobo Galego, un edificio histórico e outro moderno, situados un ó lado doutro para que poidesen observar as diferencias.
Despois de recorrer a zona antigua e dun breve descanso na Ferradura para poder comer, seguiron o paseo por Sarela, Vista Alegre, donde pudieron ver o Conservatorio de altos Estudios Musicais e o modernísimo edifico da sede da Sociedade de Autores, para rematar no Auditorio e Campus Norte.
O percorrido foi algo cansado pois fixo moito calor ese día e porque foi todo a pé, e xa sabemos que para estas novas xeneracións eso de andar…….. ¡De tódolos xeitos que se preparen porque en 4º tocaralles a Catedral e demais igrexas!