31/3/07

3ª sesión de "Cinensino"


Dentro do “Programa de Prevención de Drogodependencias” que o Concello de Ribadeo promove en colaboración cos centros educativos da Vila, celebrouse no Cine Teatro de Ribadeo a terceira proxección neste curso de “Cinensino”. O alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu ó pase da película “Pequeños Salvajes”, baseada na novela infantil do escritor Carl Hiaasen, que nos leva a unha aventura ecolóxica chea de diversión na que tres escolares loitan por protexer a un grupo de mouchos ananos que vive debaixo dun solar en construción.
A partir de agora o alumnado, na hora semanal de titoría, traballará nas unidades didácticas sobre esta película.

29/3/07

Charla de orientación universitaria


Os alumnos e alumnas de 1º e 2º de Bacharelato asistiron no salón de actos do Instituto a unha charla impartida por Emilio Carral Vilariño, profesor na Escola Politécnica Superior de Lugo, e Alfonso Vidal, do Servizo de Asesoramento e Promoción do Estudante da Universidade da Coruña.
Tiveron así ocasión de informarse sobre as distintas titulacións universitarias e as súas saídas profesionais, ademais doutros aspectos de interese para eles como as posibilidades de aloxamento nos distintos campus e demais servizos que prestan as Universidades.
O acto prolongouse ata case tres horas sen que o alumnado dera mostras de cansazo, o mellor síntoma de que resultou de interese.

Visitas á XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía


As visitas á Feira da Ciencia e Tecnoloxía estanse desenvolvendo segundo o calendario previsto.
Onte visitaron a feira alumnos do IES Enrique Muruais (A Pontenova), IES de Melide e Colexio Gregorio Sanz (Ribadeo), en total uns 180 alumnos. Hoxe fixérono alumnos do Colexio Jovellanos (Vegadeo), Colexio Sagrado Corazón (Ribadeo), IES San Rosendo (Mondoñedo) e Colexio Gregorio Sanz (Ribadeo), totalizando uns 190 alumnos.
Para mañá, último día en que permanecerá aberta a actual edición desta Feira, espérase a visita de alumnos do IES Gamallo Fierros (Ribadeo).
Un ano máis queda patente o entusiasmo e ganas que o noso alumnado pon nas explicacións das experiencias.
Queda demostrado que a Ferira é deles e para eles.

28/3/07

Arranca a XIII edición da Feira da Ciencia e Tecnoloxía



Coa presenza do Sr. Delegado Provincial de Educación, José Rábade Árias, e do Sr. Alcalde de Ribadeo, Balbino Pérez Vacas, inaugurouse a XIII Feira da Ciencia e Tecnoloxía.
O acto tivo lugar ás 18:00 h no salón de actos do instituto. A continuación do mesmo, Dª Ana Varela Rey, Xefa do Servizo Médico do Centro Español de Metroloxía pronunciou a conferencia "Metroloxía: ciencia da medida". Nela fixo unha introdución á Metroloxía ademais de dar a coñecer as dependencias, persoal e funcións que ten encomendadas o Centro Español de Metroloxía. Asemade, realizou un pequeno percorrido pola historia das unidades de medida en España ata rematar coa instauración do metro e do Sistema Internacional de Medidas e lembrou a forma correcta de escribir os símbolos das diferentes unidades de medida.
A continuación os asistentes percorreron as distintas experiencias presentadas na Feira da Ciencia, nesta edición preto de oitenta e cinco. Unha vez máis o alumnado ó cargo das mesmas afanouse en non deixar dúbidas nos visitantes sobre os principios científicos explicados.
Os que aguantamos ata o final demos boa conta duns “pinchos” que a organización dispuxo a modo de aperitivo antes da cea, aínda que a algúns seguro que lles serviu de tal.

23/3/07

Visita cultural a Santiago de Compostela

Os rapaces de 1º de Bacharelato dos centros Gamallo Fierros e Porta da Auga acompañados por distintos profesores e máis la orientadora do Gamallo Fierros, participaron nunha visita cultural á Universidade de Santiago de Compostela.
O programa desenvolvido foi o seguinte:
-Ás 11:00h: Chegada a Santiago e visita á Facultade de Xeografía e Historia.
-Ás 12.30h: Visita guiada pola Universidade de Santiago de Compostela. Recibimento polo Vicerrector de Relacións Institucionais, Lorenzo Prieto e presentación do programa “A ponte entre o ensino medio e a USC”. O evento rematou coa proxección dun DVD sobre a Universidade de Santiago de Compostela, a súa oferta de estudos e os servizos que brinda ós xoves universitarios.
-Ás 14:00h: Xantar no comedor da residencia universitaria “O Monte da condesa”.
-Ás 15:30h: Visita á Facultade de Derecho e á biblioteca.
-Ás 16:30h: Visita ó centro de asesoramento afectivo e sexual Quérote. A continuación exposición do Director Xeral de Xuventude, Rubén Cela, sobre os servizos asistenciais de asesoramento e de carácter informativo no tocante a actitudes afectivas, cognitivas e conductuais que oferta o centro para promover a saúde sexual. Para terminar realizouse un obradoiro de sexualidade e afectividade.
-Ás 19:00: Tempo libre no centro comercial Área central.
Chegada a Ribadeo ás 10:45h.

21/3/07

Concerto de música clásica en Santiago de Compostela

O alumnado de 3ºe 4º de ESO e 1º de Bacharelato que cursa Música asistiu hoxe a un concerto no Auditorio de Santiago ás 12:00 h, a cargo da Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave.
Interpretáronse as obras:

  • Mozart (1756-91): Serenata nocturna K 239
  • Benjamin Britten (1913-76): Simple Simphony (1930)
  • Gustav Holst (1874-1934) : St. Paul´s Suite Op. 29 (1913)

Con esta actividade o alumnado tivo a oportunidade de asistir a un concerto en directo, aprendendo as pautas de comportamento a seguir, apreciar os timbres dos diferentes instrumentos, escoitar diferentes formas musicais e recoñecer os movementos que as constitúen.
A continuación o alumnado puido comer e dispoñer dun pouco de tempo libre no centro comercial Area Central. Ás 17:00 h regresaron a Ribadeo.

19/3/07

O alcalde apoia o mantemento de Administrativo en Ribadeo


Balbino Pérez Vacas manifestou o seu total apoio ao mantemento da familia profesional de Administrativo en Ribadeo, no curso dunha reunión celebrada este martes coa delegación do Claustro de Profesores deste instituto composta por Alfonso Piñeiro, director do centro, Miguel López, xefe do departamento de Administrativo e a profesora Margarita Vilaseca.
Os representantes manifestaron ao alcalde a súa preocupación ante as intencións da Dirección Xeral de Formación de Profesional, expostas fai unhas semanas nunha reunión cos directores dos IES da Mariña, de tender a concentrar os ciclos formativos de cada familia nunha única localidade de cada zona educativa de FP. Como toda A Mariña será una destas zonas, e a familia profesional de Administrativo impártese actualmente en Viveiro, Burela e Ribadeo, esta concentración, de levarse a cabo, suporía que en dúas destas tres localidades perderíanse os ciclos formativos da especialidade.
O IES Porta da Auga considera un grave prexuízo para Ribadeo a posible supresión de Administrativo, pois tanto Burela como Viveiro están demasiado lonxe e mal comunicados con Ribadeo como para atender ao alumnado desta localidade e da súa comarca.
O alcalde mostrouse en todo momento de acordo coas reivindicacións do IES, garantiu a súa total colaboración, e asegurou que realizará as xestións oportunas para defender o mantemento da especialidade de Administrativo en Ribadeo.



9/3/07

Balance da exposición “Un Mundo de Enerxía”




Hoxe clausurouse a exposición “Un Mundo de Enerxía” que estivo aberta ó público dende o día 26 de febreiro. Durante este tempo pasaron a vela unhas 800 persoas en visitas organizadas. Tódolos alumnos e alumnas do centro tiveron oportunidade de ver a exposición e asistiu ademais alumnado do CPI Gregorio Sanz, Colexio Sagrado Corazón e IES Gamallo Fierros. Os pais e nais do alumnado deste instituto tamén foron invitados a ver a exposición o xoves 8 ás 19:00h.
En xeral o público asistente saía satisfeito da visita e destacaba a visión práctica e sinxela que na exposición se facía sobre o aforro enerxético no fogar.

O IES oferta novos servizos.

Xa se poden utilizar, previa solicitude no centro, dous novos servizos relacionados coas novas tecnoloxías:
1º.- SGDWEB. Mediante esta aplicación calquera pai, nai, alumno ou alumna pode consultar en Internet as incidencias (faltas de asistencia, retrasos, faltas de orde,...), notas, horarios, etc. Para poder acceder a este servizo é necesario solicitalo no instituto. Ós solicitantes facilitaráselles un nome de usuario e contrasinal que lles permitirá acceder á información persoal de forma segura. Cada usuario tan só terá acceso á información persoal e individual do seu fillo/a ou á súa propia, no caso de que sexa un alumno/a.
Na páxina web do instituto incluíuse un enlace a este servizo (www.sgdweb.com/portadaauga).
Pódese ver unha “demo” do mesmo no enderezo www.sgdweb.com
2º.- SGDSMS. Consiste no envío de mensaxes SMS ó móbil que determine o usuario cada vez que se producen incidencias relacionadas coa marcha académica do seu fillo/a. O envío realízase de forma automática despois de que o profesorado anota a incidencia no sistema informático do instituto.
Hoxe explicáronse estas dúas aplicacións ós pais e nais que acudiron á reunión celebrada a tal fin no centro. Na matrícula do próximo curso académico entregaranse os impresos para solicitar estes servizos.