19/3/07

O alcalde apoia o mantemento de Administrativo en Ribadeo


Balbino Pérez Vacas manifestou o seu total apoio ao mantemento da familia profesional de Administrativo en Ribadeo, no curso dunha reunión celebrada este martes coa delegación do Claustro de Profesores deste instituto composta por Alfonso Piñeiro, director do centro, Miguel López, xefe do departamento de Administrativo e a profesora Margarita Vilaseca.
Os representantes manifestaron ao alcalde a súa preocupación ante as intencións da Dirección Xeral de Formación de Profesional, expostas fai unhas semanas nunha reunión cos directores dos IES da Mariña, de tender a concentrar os ciclos formativos de cada familia nunha única localidade de cada zona educativa de FP. Como toda A Mariña será una destas zonas, e a familia profesional de Administrativo impártese actualmente en Viveiro, Burela e Ribadeo, esta concentración, de levarse a cabo, suporía que en dúas destas tres localidades perderíanse os ciclos formativos da especialidade.
O IES Porta da Auga considera un grave prexuízo para Ribadeo a posible supresión de Administrativo, pois tanto Burela como Viveiro están demasiado lonxe e mal comunicados con Ribadeo como para atender ao alumnado desta localidade e da súa comarca.
O alcalde mostrouse en todo momento de acordo coas reivindicacións do IES, garantiu a súa total colaboración, e asegurou que realizará as xestións oportunas para defender o mantemento da especialidade de Administrativo en Ribadeo.



No hay comentarios: