O 16 de maio alumnos e alumnas do noso instituto desprazáronse a Viveiro
para participar nas actividades do Correlingua,
a carreira anual en defensa da nosa lingua. Foi o remate dunha serie de
traballos preparatorios no centro, como
a do Galeoke, a redacción do manifesto...
A carreira do Correlingua saiu de diante do CEIP Lois Tobío, en Covas, para
cruzar a ría pola ponte da Misericordia. Logo fíxose un percorrido polo casco
histórico, para rematar na Praza Maior, onde se puxo o ramo cun festival de
música.
Presentou o acto a actriz Iria
Sobrado, e actuou o gañador do concurso Cantalingua, Xenderal, un cantante de
rap en galego que fixo que moitos dos presentes subisen ao palco a bailar, tal
era o ritmo que tiña. Deuse lectura ao manifesto deste ano, e un grupo de
alumnas e alumnos de Viveiro cantaron. Estes últimos foron tan animados que o
palco non foi suficiente para todos os que querían subir.
Como Viveiro é unha vila con moito atractivo aproveitamos para coñecela
mellor: xantamos na praia de Area, onde, de paso, nos demos o primeiro baño da
tempada (Que fría estaba a auga!); subimos ao Monte San Roque, que ten unhas
vistas impresionantes de Viveiro e da ría; descubrimos o casco histórico e os
seus principais monumentos a través dun xogo de localización, e rematamos coa
lectura pública doutro manifesto en defensa da lingua galega, de novo na Praza
Maior.
A volta en autobús fíxose curta: cantamos cancións populares.
No hay comentarios:
Publicar un comentario