11/12/07

Declaración Universal dos Dereitos Humanos


Onte, 10 de decembro, conmemorábase a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Aínda que esta nova se escriba tarde, nunca o é demasiado para botar unha ollada a esta Declaración Universal que cumpriu xa 59 anos.
¿Cántos terán que pasar para que xa non sexa necesario lembralos?.
No seguinte enlace pódense repasar: http://www.orion.coop/IndexA2C.html

4/12/07

Cleses sen fume


“Clases sen fume” é un concurso europeo para mozos e mozas con edades comprendidas entre os 12 e 14 anos.
Ten como finalidade que non comecen a fumar ou ben, se xa o fixeron, que deixen o tabaco antes de que se enganchen. Baséase na responsabilidade e confianza mutua.
Durante o curso realizarán unha serie de actividades que aumentarán os seus coñecementos sobre o tema do tabaquismo ou tempo que se divertirán e poderán gañar importantes premios.
Os compoñentes dos grupos participantes, os dous primeiros e segundos de ESO, comprométense a non fumar durante polo menos seis meses, (dende novembro ata abril), incluíndo as fins de semana e períodos de vacacións e a axudar aos compañeiros e compañeiras se ven que teñen tentación de abandonar. Ademais, baixo a coordinación do titor/a realizarán actividades de prevención do tabaquismo.
Os premios consisten nunha viaxe ao parque temático da Warner Bros en Madrid, estadía nun albergue con programa de multiaventura e unha viaxe a unha capital europea.
Esta campaña está promovida polas Consellerías de Educación e Sanidade. Pódese atopar máis información en:
http://dxsp.sergas.es/
http://www.edu.xunta.es/valora

Charla "Paraísos Naturales"


Diversos alumnos e alumnas do centro asistiron hoxe a unha charla titulada “Paraísos Naturales” a cargo do periodista galego Emilio Varela.
Viaxeiro incansable e gran naturalista, Emilio Varela xa estivera connosco fai 2 anos para falarnos sobre unha expedición á Antártida. Na actualidade, entre outras actividades, colabora co proxecto Climántica, esta rematando un proxecto sobre Auroras Boreais, e trata por tódolos medios de sensibilizarnos a todos sobre os problemas medioambientais insistindo fundamentalmente na perda de biodiversoidade e no cambio climático.

2/12/07

Galiciencia




No cambio de mes, catro alumnos de 2ºBT, José Manuel, Joaquín, Iván e Arturo, xunto con Antonio, pasaron tres días en Ourense expoñendo dous traballos orixinados na XII Feira da Ciencia e Tecnoloxía do IES Porta da Auga: 'Auga e maicena, sólido ou líquido?', e 'A cantidade de sal na ría de Ribadeo'.
Levaron un premio: foi a caseta máis concorrida da mostra. Pero non foi o único: ó premio dos visitantes houbo que engadirlles a viaxe e estancia de tres días en Ourense (podedes preguntarlles como o pasaron), o poder asistir a unha mostra científica onde había traballos premiados a nivel internacional, feitos por estudantes de secundaria convivindo con outros traballos con ideas xa patentadas, entre varias outras posibilidades. Pouco desto quedará nas crónicas en xeral, por iso estas letras (o premio non se fixo efectivo nos premios finais).Ata aquí, unha historia dun éxito. Pero sería case mentir non engadir algunha cousa máis.A primeira, que a posibilidade da viaxe ofrecéuselle primeiro que á xente de 2BT á de 1ºBT, e de xeito sorprendente, ninguén se animou á participación. O profesor correspondente, o mesmo que está a facer a crónica, quedouse confundido. Como é posible que nun grupo de xente ninguén (por unha ou outra razón) se anime a facer gratis unha viaxe como esta? Coido que antes de lean isto xa haberá xente que se teña arrepentido.
A segunda, que os traballos presentados non son os seus propios, senón os de outra xente: Joaquín, Adrián e David, alumnos que xa non están no centro (e que non sabiamos que podían ter ido aínda que non estiveran no centro...), e Jesús e Adrián (outro Adrián) que non quixeron ir. É dicir, que houbo unha complementariedade e colaboración en parte involuntaria pero que deixa ver ás claras que o estudo (e a vida) vai mellor se todos poñen un pouco de si.
A terceira, púidose comparar que ás nosas investigacións e proxecto en xeral aínda lles queda abondo percorrido para igualarse (por termo medio) ó termo medio dunha exposición deste estilo. Non é unha bronca. É unha constatación e un acicate para facer as cousas pensando na investigación máis que na difusión. Na creación máis que na copia e reprodución, por interesantes que estas sexan (pero tendo conta tamén que ambas son necesarias, e en canto á difusión, si estamos a nivel).
Como comentario final, o manter visita tras visita o stand máis cheo que ningún outro, o atraer a prensa e televisión, non foi algo que xurdiu da nada, senón un traballo que aproveitou a circunstancia (o proxecto presentado) para sacar a tallada dunha pequena inmersión na ciencia a traveso dunha rareza. Algo que se conseguiu e no que amosaron ser mestres en particular José Manuel, pero tamén Joaquín, Iván e Arturo.
Como resume, non nos podemos perder a Galiciencia do próximo ano, e intentarase que a parte dos presentadores de proxectos, poda ir máis xente como excursión a un conxunto de actividades que ademáis da propia exposición incluía presentacións con títulos como a física imposible e a maxia da química, charlas demostrativas como a de Adolf Castel e concursos, pero onde o máis interesante foi ver a xente mesmo da ESO presentando traballos de relevancia científica feitos dende o principio por si mesmos.
... E faltaría o resume lúdico, con diversos compoñentes, pero eso mellor noutros foros.


Antonio Gregorio Montes
http://ribadeando.blogspot.com/




29/11/07

Concurso de postais de Nadal



Está convocado un concurso para elexir a postal de Nadal que se utilizará para felicitar as xa próximas festas de Nadal. As bases son as seguintes:

  1. Poderán participar tódolos alumnos e alumnas matriculados no centro dende 1º de ESO ata 2º de Bacharelato e Ciclos Formativos.
  2. O formato da postal será Din-A5 (medio folio) cun grosor mínimo de 125 g/m2.
  3. A técnica a empregar será libre (en color ou en branco e negro).
  4. A tarxeta gañadora recibirá un premio de 50 € en vales de compra e empregarase como imaxe para a postal navideña do IES Porta da Auga.
  5. O xurado estará composto polo profesorado do departamento de plástica e membros do equipo directivo.
  6. A data límite para entregar postais é o 4 de decembro.

21/11/07

Unha feira de ciencia en outono

No IES estamos afeitos a celebrar unha feira da ciencia e tecnoloxía cada ano, arredor do mes de abril, a “feira de abril”. Este curso no ano da ciencia 2007, por primeira volta, celebrouse asemade unha segunda feira, a feira de outono, dentro das actividades da Semana da Ciencia en Galicia, patrocinada mediante Diverciencia pola Dir. Xeral de I + D + i da Xunta de Galicia.
Entre as cousas que houbo que facer como complemento á feira debido ó patrocinio estivo unha enquisa que, entre outros resultados, deu unha apreciación media de 8,4 sobre 10 á hora de valorar se gustou ós visitantes ou non. En xeral, as valoracións foron positivas, como por exemplo no caso da organización, resaltando o aspecto de atención ós visitantes.
Pero non só de enquisas vive a feira. Quen estivo alí puido disfrutar e sobre todo comprender máis algúns fenómenos explicables pola ciencia. E aumentar o seu interese pola explicación das cousas, vendo que calquera cousiña pode ser explicable: só hai que procurarlle a explicación (cousa que moitas veces non é tan sinxela).
O montaxe da exposición e o desmontaxe foi rápido. Máis lento foi a realización de cada unha das experiencias e construcións que alí se puideron ver. Aínda que nalgún caso pode parecer moi sinxelo (poñamos, a demostración da influencia da tensión superficial na auga soportable por unha moeda), leva traballo detrás de preparación, procura de información, e realización. O saber din que non ocupa lugar, pero alomenos necesita tempo.

14/11/07

Cinensino

O pasado martes 13 o alumnado de 1º e 2º de ESO asistiu á proxección da primeira das películas previstas na programación do programa de prevención de drogodependencias “CINENSINO” para este curso.
Este programa utiliza como soporte base o cinema para profundizar e traballar en diferentes temas de interese relacionados coa prevención do consumo de drogas.
Neste primeiro pase proxectouse o filme “Alex Rider: Operación Stormbreaker” (93 min) (Geoffrey Sax, Reino Unido, estreada en España en 2007) na que un adolescente, Alex Rider, normal e corrente vive co seu tío, ata que este morre en circunstancias misteriosas. Alex descobre que o seu tío era en realidade un espía e que foi asasinado. Pouco a pouco, este colexial dáse conta de que o seu tío, ao fomentar os seus hobbys, preparoulle a conciencia para unha carreira na espionaxe. Lingüista, mergullador, escalador, experto en artes marciais e excelente tirador, Alex ten tódalas cualidades necesarias para ser o perfecto espía adolescente. Empuxado polas circunstancias, Alex enléase na súa primeira misión.
O obxectivo xeral que se persegue nesta primeira unidade didáctica, na que o alumnado traballará nas horas de titoría, é chegar a comprender que o consumo de substancias na adolescencia pode ser expresión de anticonvencionalismos e actitudes rupturistas que entrañan certos riscos.

9/11/07

Concurso "As mates molan"


Hoxe arranca o concurso de resolución de problemas de matemáticas recreativas a través desta web convocado polo departamento de matemáticas baixo o título “As mates molan” dirixido a tódolos alumnos e alumnas de ESO da Mariña.
A primeira fase do concurso consistirá na resolución de boletíns de exercicios que se irán publicando na web do departamento, http://www.demates.es/, onde se pode atopar toda a información sobre o mesmo. A esta primeira fase, que rematará o día 27 de marzo coa publicación das puntuacións totais na mesma, seguiralle a fase presencial á que accederán os concursantes que acaden unha maior puntuación. Desenvolverase no IES e consistirá nunha única proba de resolución de exercicios similares aos dos boletíns publicados na web, terá lugar no mes de abril e poñerá fin ao concurso.
Os/as dous/dúas concursantes que acaden maior puntuación na proba presencial recibirán un diploma acreditativo, 100 € en vales de compra para o primeiro e un MP4 para o segundo.
Animádevos a participar!. AS MATES MOLAN!.

8/11/07

Presentación da feira de ciencia, edición outono.

O día 8 de novembro tivo lugar a presentación da segunda parte da Feira da Ciencia deste ano. Participaron nela Alfonso Piñeiro, Mº Jesús Besteiro e Antonio Gregorio, ilustrando en conxunto o marco no que se inscribe, a semana europea da ciencia neste ano que tamén é o ano da ciencia, a colaboración entre a Asociación Cultural Xerfa e o IES, a subvención por parte da Dir. Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia, etc. Incidiuse tamén en aspectos concretos da feira, dende a exposición de cogomelos, adiantada unha semana respecto ó resto de presentacións por motivos de axenda do IES, á nominación doutras experiencias que terán lugar no IES o 14 e 15 de novembro, en horario de tarde (16 a 18h).
Fíxose fincapé na autoría dos alumnos do IES e en que son os principais aproveitados no obxectivo declarado desta actividade, estender a comprensión e o interese pola ciencia. Son eles tamén os que xa amosaron en diversas ocasións experiencias e montaxes da feira no día da ciencia na rúa de A Coruña e o farán a finais de mes en Galiciencia (da que haberá información máis puntual)

Emilio Calatayud Pérez

Xuíz de menores de Malaga que saltou aos medios de comunicación por ditar sentencias exemplares, inxeniosas e innovadoras como condenas a aprender a ler e escribir, sacar o graduado escolar, etc...
Nos seguintes enlaces pódense ver dous vídeos que corresponden a unha das súas intervencións en coloquios sobre educación.
As súas opinións sobre tódalas problemáticas en cuestión de menores, a claridade expositiva e a visión práctica non deixan a ninguén indiferente. Non ten pelos na lingua e non deixa torre en pé.
Merece a pena velos e reflexionar.

Saída ás setas





O martes 6 de outubro, alumnos de 4º ESO acompañados polos profesores José Carlos, Montse e Susi participaron nunha excursión xa tradicional no centro: unha saída ás setas. O lugar elexido foi o mesmo ca estes últimos anos: o Campo do Oso, en Mondoñedo, e a finalidade da saída era recoller exemplares dos cogumelos máis representativos da zona para despois poder amosalos a tódolos interesados nunha exposición.
Realmente, aínda que este outono está sendo especialmente seco e polo tanto bastante pobre en setas, nas tres horas de paseo polo monte recollemos unha variedade considerable de exemplares. De volta ao instituto, fomos xantar e despois quedamos para proceder á clasificación e montaxe da exposición que poderá ser visitada ata o venres ás 12. Nela encontraredes máis de 40 especies distintas entre as que figuran as máis comúns da mariña tanto de zonas altas coma de prados. Todas teñen a súa tarxeta co nome científico, vulgar así como o seu interesse culinario ou toxicidade se é o caso. Así, podemos encontrar dende comestibles como Lactarius deliciosus, Boletus edulis, Lepiota procera, Coprinus comatus, Cantharellus lutescens, Agrocibe aegerita, Hydnum repandum... ata tóxicas como Amanita pantherina, Cortinarius sanguineus, Hypholoma fasciculare... pasando por outras sen interese culinario como Russulas ou Boletus bovinus. Dende algunhas tan típicas como a seta dos ananitos (Amanita muscaria) ou o peido de lobo (Lycoperdon molle) ata outras que moita xente non asocia como fungos como Pisolithus tinctorius (empregada antiguamnete para facer tintes), Sparassis crispa (vulgarmente coñecida como coliflor), unha boa representación de leñosas ( Polyporus, Coriolus versicolor, Fomes fomentarius, Ganoderma aplanatum...) e mesmo algunha que ningún ano tivemos coma por exemplo Chorosplenium aeruginosum.
Polo tanto, animamos a tódolos interesados a dar unha volta pola exposición. Consideramos que o obxectivo da actividade que é achegar o alumnado ao mundo da micoloxía está conseguido, e esperamos poder seguir realizandoa nos anos vindeiros.

23/10/07

Fin de semana no camiño de Santiago





A pasada fin de semana (19-21 de Outubro), alumnos de 1º de Bacharelato, de 4º da ESO , algún de 3º, e un do ciclo medio de Administrativo, todos eles participantes (cando estudaron 3º ESO) no " PROXECTO TERRA", interviron por primeira vez nun dos chamados intercambios territoriais organizados por dito proxecto, en concreto o do "Camiño de Santiago do Cebreiro a Samos".
O obxectivo principal destas actividades é o de contribuír a mellorar o coñecemento que os escolares de Galicia deben ter da nosa arquitectura e da nosa identidade territorial.
O primeiro día, o venres, chegamos ao Cebreiro e alí ,en espera dun guía que ía vir dende A Coruña, visitamos a Palloza-Museo, a Igrexa e o conxunto arquitectónico do Cebreiro. Cando chegou Juan, que asi se chamaba o noso guía, comemos e despois volvemos ao autobús, que nos deixou en Fonfría e a partir deste punto comezamos a baixar andando cara a Triacastela (uns 9 Kms). Por certo, Juan que era profesor de Filosofía en Monelos non nos abandonou nos tres días, incluso durmía onde durmíamos nós; leva máis de 20 anos visitando esa zona e coñece a tódolos veciños. Nun aparte levounos a Miguel e a mín e mais a dous alumnos que manifestaron interese, B. López e Diego, a ver uns cochos deses de raza celta (un deles parecía unha vaca de grande que era), unhas casas rurais onde Borja quedou en ir de Lúa de mel e a casa dun tal Vázquez Queipo que foi o inventor da táboa de logaritmos. A tal casa, máis ben caserón, está en ruínas pero acaba de mercala Patrimonio, vaise gastar en restaurala 500 millóns das antigas pesetas, vaina explotar durante 50 anos, e despois devolveralla aos seus actuais donos, o Mosteiro de Samos. En Triacastela pasamos a noite, nun albergue só para nós........¡podédesvos imaxinar a noite!.............
O segundo día, sábado, seguimos en Triascastela toda a mañá, fomos ver un obradoiro artesanal de tecido, onde unha artesá estivo ensinándonos a traballar co tear, e como se facía o urdido. Despois de comer iniciamos o traxecto ata Samos (10 Km). Juan ía saíndonos ao camiño de cando en vez co seu coche para que non nos perdéramos. En Samos durmimos no Mosteiro ¡de película de medo!. Parece que o “Proxecto Terra” ofrécelles aos monxes amañar algo ese cuarto que dispoñen para os grupos de estudantes, adecentándoo coma un albergue, pero eles néganse a cambiar nada e xa vedes na foto como son eses “habitáculos”................. Ao final, todos na cama e comeza de novo a esmorga, despois dunha bronca de Miguel acabamos por durmir ata que sobre as 6 da mañá comezaron a soar os móbiles dos amigos/as de Ribadeo que estaban a rematar a noite do Sábado.
O domingo era o último día, despois de almorzar nun bar, un monxe ensinounos o Mosteiro, os claustros, a biblioteca, a igrexa; todo estaba bastante mellor que onde durmiramos............. Chegamos a Ribadeo á hora de xantar.
Foi unha bonita experiencia, os alumnos portáronse de marabilla, agás polas noites, pero iso é cousa da idade. O problema é que tanto Miguel como a que escribe empezan ir maiores para pasar dúas noites sen durmir como Deus manda, así que solicitamos profesores substitutos para estes menesteres. Sen embargo, antes que envellezamos de todo, abrimos lista para ir o 9-10 de maio a Ferrol-Fragas do Eume, unha visita ao casco urbano de Ferrol (hai que manexarse cada un co seu plano), un paseo en barco pola ría, coñecer o castelo de S. Felipe e por suposto facer sendeirismo polas fragas do Eume ata o Mosteiro de Caaveiro, tamén se durmirá nun albergue, pero desta vez unha soa noite, ANIMÁDEVOS, precisamos mínimo 25 alumnos/as, trátase de coñecer a nosa identidade territorial, como di o anuncio: EXERZAMOS DE GALEGOS.

22/10/07

Un novo premio en innovación en normalización lingüística

Por segundo ano consecutivo este centro obtivo un premio co proxecto de innovación en normalización lingüística presentado ao abeiro da convocatoria conxunta da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O DOG de hoxe publica os proxectos premiados, xunto ao IES porta da Auga volve a aparecer, tamén por segundo ano consecutivo, o IES Perdouro de Burela. Os únicos premiados da provincia volven a ser dous centros da Mariña Luguesa.
Esta vez o proxecto, baixo o título “Impulso á normalización do galego no sector de servizos xurídicos (notarias, avogacías, xestión de predios,...) e no asociacionismo en xeral do Concello de Ribadeo”, consiste na elaboración en galego de todo tipo de materiais escritos que habitualmente usan eses profesionais: arrendamentos e compravenda de predios rústicos e urbanos, permutas, cesións, doazóns, constitución de sociedades, ... Asemade inclúe a elaboración dun glosario con xiros propios da linguaxe xurídica. Todo o material elaborado incluirase nun CD que se porá a disposición dos interesados.
Tamén, igual que no curso pasado, contaremos coa colaboración do Concello de Ribadeo, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística.

19/10/07

Exposición e obradoiro de estampación para 3º de ESO


O venres 19 de outubro os cursos de 3ºESO tiveron o privilexio de asistir a unha exposición de gravados na Oficina de Información ao Consumidor, organizada por Cajastur e o Concello de Ribadeo. Unha profesional do medio se encargou de explicar os pormenores da técnica da litografía, usando como exemplos as propias estampas da exposición.
Como colofón da xornada, o espacio expositivo se convertíu nun taller de iniciación ao gravado e os alumnos e alumnas experimentaron a talla sobre o soporte máis inusual: gomas de borrar. Foi unha boa iniciativa que, esperemos, se repita próximamente.

29/9/07

Especial sobre o IES Porta da Auga na Voz de Galicia

Na edición local da Mariña do 27 de setembro o xornal “La Voz de Galicia” publica un especial de tres páxinas sobre o IES Porta da Auga no que se da un repaso á oferta educativa do Instituto, destácanse algunhas das innovacións tecnolóxicas incorporadas nos últimos anos, como o SGDWEB e SGDSMS, a dotación de novos medios nas aulas e a páxina web do centro. Tamén se subliñan algunhas das actividades máis destacables que se veñen realizando nos últimos cursos: feira das ciencia, revista XERFA, intercambios escolares, ...






19/9/07

XV Encontros Pedagóxicos da Mariña Luguesa


O IES Porta da Auga acollerá, dende o luns 24 ao xoves 27, os XV Encontros Pedagóxicos da Mariña Luguesa.
A recepción de participantes será o luns 24 ás 16:00 e a continuación terá lugar a charla inaugural a cargo de Xosé Manuel Rosales, membro do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, que presentará o proxecto Terra.
Nas tardes do luns ao xoves desenvolveranse obradoiros sobre convivencia escolar, cultura tradicional e novas tecnoloxías.
O programa complétase coa presentación do “Proxecto para o fomento do uso do galego” do IES de Alfoz, unha visita cultural ao entorno da Ría de Ribadeo e a conferencia de clausura que pronunciará o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón Torres, sobre “A situación lingüística nos centros de ensino de Galiza. Novas perspectivas”.

Comeza un novo curso.

Hoxe as aulas do instituto abríronse de novo para recibir aos alumnos e alumnas que inician un novo curso escolar non exento de novidades, especialmente as que se derivan da implantación da LOE nos cursos de 1º e 3º de ESO, como a impartición das materias novas “Proxecto interdisciplinar” en 1º de ESO e “Taller de iniciativas emprendedoras” en 3º de ESO, (a polémica “Educación para a cidadanía” terá que esperar ao próximo curso), a modificación dos currículos das demais materias e a aplicación de novos criterios de promoción, titulación e repetición na ESO.
Ademais o instituto impartirá por primeira vez un programa de diversificación curricular de dous cursos, 3º e 4º de ESO. Tendo en conta que en 1º e 2º xa funcionan sendos agrupamentos específicos, as medidas de atención á diversidade abarcan a etapa completa da ESO.
Outra novidade, esta relacionada coa dotación de material do instituto, é a instalación de videoproxectores en nove aulas mais, que se veñen a sumar ás xa existentes para completar un 90% das aulas do centro equipadas con medios audiovisuais (televisión, DVD e videoproxector). Isto, unido á cobertura que proporciona a rede WIFI, que posibilita o acceso inalámbrico a internet en tódalas dependencias do centro, pretende ser o punto de partida para a progresiva incorporación das novas tecnoloxías á aula.
Doutros acontecementos previsibles, como a reforma de instalacións do IES e construción do novo CIFP, iremos informando a medida que haxa datos fiables.
En canto ao número de matriculados neste novo curso, globalmente non hai diferenzas significativas, se ben se produciu unha lixeira diminución na ESO que se compensa cun incremento nos Bacharelatos e Ciclos Formativos da familia de Administración. En total a matrícula vaise aproximar aos 250 alumnos.

18/9/07

Artigos de XERFA no xornal educativo

O xornal educativo da Consellería de Educación seleccionou cinco artigos publicados no nº 15 da revista XERFA, correspondente ao curso 2005-06, para incluír na súa última edición de setembro de 2007.

É a segunda vez que se elixen contidos deste instituto no xornal educativo; a edición deste xornal de xaneiro de 2006 xa recolle a sección completa que a páxina web do departamento de matemáticas (http://www.demates.es/) dedica a Pitágoras.

Os artigos seleccionados nesta ocasión son:

21/7/07

Recoñecemento aos mellores estudantes de Galicia




O acto de recoñecemento aos estudantes de Ensino Medio de Galicia que acadaron unha puntuación de nove ou superior na cualificación definitiva das Probas de Acceso á Universidade tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Estivo presidido polo Reitor da Universidade de Santiago e asistiu, entre outras autoridades, o Alcalde de Santiago de Compostela.
Alí, entre os mellores estudantes de todo Galicia, estivo Joaquín Río Barrera.
As fotos do acto pódense ver na páxina do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade de Santiago de Compostela”.

12/7/07

Un traballo ben feito.


No salón de plenos do Concello de Ribadeo tivo lugar o acto que pon remate ao proxecto de dinamización da hostalería local, que baixo o lema “Ribadeo, con moito gusto na túa lingua” desenvolveuse coa colaboración do IES Porta da Auga, do Concello de Ribadeo, da Dirección Xeral de Turismo e dos hostaleiros que se adheriron á campaña, un total de 34 establecementos.
Falaron o alcalde de Ribadeo, o director do IES Porta da Auga e o coordinador do proxecto. Os tres destacaron o interese do mesmo e dos resultados acadados, para rematar co merecido recoñecemento e agradecemento por un traballo ben feito a alumnado, profesorado e demais persoas participantes.
Ao final entregáronse as cartas, salvamanteis e demais materiais traducidos a catro linguas (galego, español, inglés e francés) aos hostaleiros asistentes.
O día 14 de decembro de 2006 publicábase neste blog o comezo deste proxecto, premiado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secreataría Xeral de Política Lingüística, e augurábase un longo traballo para a súa realización. Efectivamente foi así, houbo que traballar duro e con coordinación para que hoxe fose posible dispor de todos os materiais traducidos e impresos cun deseño e soporte de calidade. Os nosos alumnos, alumnas, profesores e profesoras participantes teñen gran parte deste mérito.