14/4/10

VISITA AO PARLAMENTO GALEGO DO ALUMNADO DE ADMINISTRACIÓN



O pasado xoves, día 5 de abril, o alumnado dos Ciclos de Administración realizamos unha visita ao Parlamento Galego. Na mesma déronnos explicacións do funcionamento e funcións desta institución e puidemos entrar nas súas máis importantes dependencias. E polo que observamos parece que en algún/ha espertaba a súa vocación pola carreira política !!!

E pola tarde, visita ao Museo do Pobo Galego, na que se nos mostraron varias salas, parando con máis detemento na do mar e na de hábitat e arquitectura. Non nos fomos sen ver o exemplo de prodixio arquitectónico do sistema das tres escaleiras helicoidais, rara e elegante realización ónde as haxa.

En fin, instructiva e amena actividade nun día agradábel de primavera, no que tamén puidemos gozar de agradábeis paseos pola capital de Galiza.

25/3/10

Premio de Meteogalicia

A labor constante de observación, rexistro e divulgación da meteoroloxía en Ribadeo, desenvolvida polo IES dende que forma parte da rede de MeteoEscolas, foi recoñecida cun premio outorgado por Meteogalicia.



O premio entregouno o Conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestructuras, Agustín Hernández, no acto de celebración do X aniversario da creación de Meteogalicia, o día 23 de febreiro, Día Mundial da Meteoroloxía. O Conselleiro afirmou que as MeteoEscolas complementan á rede de estacións meteorolóxicas da Xunta de Galicia xestionada por MeteoGalicia, e grazas e elas acadouse unha base de datos meteorolóxicos importante para que os estudantes e o profesorado puideran empregar como recurso educativo, á vez que estes datos -obtidos e facilitados polos centros- se colgaban na web.







Dende 2007 un total de 97 Institutos de Educación Secundaria (IES) e Centros Públicos Integrados (CPI) están adheridos a esta rede. Recoñeceuse e agradeceuse a labor e participación de todos os centros, moi especialmente, aqueles máis involucrados con este proxecto. Ademais do IES Porta da Auga, foron premiados os IES Perdouro, Couto e Ribeiro, e o CPI Camiño de Santiago, os centros máis activos entre as MeteoEscolas. Non debe pasar desapercibido que dos cinco premiados dous son da Mariña.

17/3/10

Visita a Ciberalia-Caixa Galicia

No día de hoxe, 16 de marzo de 2.010, dous profesores deste instituto acompañando a un grupo de alumnos de 1º de Administración e Finanzas e de 1º de Bacharelato, fixeron unha visita ó aula CIBERALIA-CAIXA GALICIA en Lugo, para participar nunha actividade que se desenvolveu en dúas partes claramente diferenciadas.


Na primeira parte, que se desenvolveu desde as 10:20 ata as 11, os alumnos recibiron unha charla sobre as operacións de banca electrónica que se poden facer desde a web de Caixa Galicia. O ponente explicou cales operacións precisan clave para poder facelas, e tamén explicou o funcionamento duns simuladores que hai dentro da referida páxina para ver algúns dos productos que ofrece Caixa Galicia, como poden ser as contas de prazo, os fondos de investimento, os planos de pensións, os préstamos, as hipotecas, etc..




Na segunda parte, desde as 11 ata as 13:30, o ponente fixo primeiro unha breve exposición sobre o deseño de páxinas web, e despois pasamos a outra aula onde, xa cos ordenadores, se fixeron varias prácticas do que previamente se vira no plano teórico. Practicamos sobre como crear unha web, como colocar nela texto e imaxes, como configurar colores títulos, etc., como facer un enlace (tanto interno coma externo), como crear un sitio ...
Ás 13:40 saímos de regreso a Ribadeo.

3/3/10

A REALIDADE LABORAL MAÍS CERCA: VISITA AOS XULGADOS DO SOCIAL

Este martes, día 2 de febreiro, o alumnado dos ciclos de Administración asistiu á celebración de varios xuízos nos xulgados nº 2 e nº 3 de Lugo. A actividade fora previamente planificada e estudada, sendo coñecedores os participantes dos casos a tratar nas vistas (reclamacións de cantidades, abusos da contratación temporal, prestamismo laboral, ...). Poñendo en uso os coñecementos explicados en clase, todos realizamos as nosas predicións sobre o sentido das sentenzas e agardamos con expectación a súa publicación.

E pola tarde visita dosificada ao Museo Provincial de Lugo: maquetas de pallozas, cociña tradicional, obras senlleiras do escultor Asorey, sección de ourivería –carneiro alado de Ribadeo, torques de Burela, ...-, A escola de Doloriñas e os mosaicos romanos foron algunhas das obras vistas. Quedou tamén moito por ver, coma sempre que se visita un museo, pero iso é o bon: quedar con gañas de volver a entrar.

En fin, bo ambiente e visita produtiva. Profesorado e alumnado quedamos emprazados para a próxima.

28/2/10

O paso de Xynthia visto pola estación meteorolóxica.

Dende que se puxo en funcionamento a estación meteorolóxica (01/04/2009) é a primeira vez que un fenómeno destas características visita a Mariña e, aínda que afortunadamente resultou menos virulento do previsto, foi o suficientemente intenso para non pasar desapercibido na evolución das variables que constantemente rexistra a estación.


A primeira manifestación da proximidade de Xynthia foi a choiva que empezou a caer sobre as 7:00 h e que non cesaría ata as 17:20 h. De todos os xeitos a cantidade acumulada nesas horas, 19 litros por metro cadrado, non era alarmante, entrando dentro do normal para calquera fronte dos moitos que ao longo do ano barren Galicia. Tan só había un dato que chamaba a atención, o barómetro parecía estar en caída libre, ás 18:00 h marcada 970,8 hpa, e seguía baixando!. Por outro lado, o vento reducíase a unha lixeira brisa, non chegaba a 10 km/h, onde estaba o Xynthia?. (Facer "clic" sobre as gráficas para amplialas).





A sorpresa chegou a partir das 18:40 h, en poucos minutos as variables rebentaron: a temperatura subiu 4,4º en 10 minutos, e algo mais de 7 en media hora, chegando a alcanzar os 18,8º ás 19:20 h; ao mesmo tempo, o vento, gran ausente ata ese momento, cobrou protagonismo con refachos que pasaron dos 8 km/h ás 18:40 h, ós 38,6 ás 18:50 h, chegando ao máximo refacho de 61,2 km/h ás 19:30 h, velocidade nada desprezable tendo en conta que o anemómetro está situado só a tres metros de altura e preto de obstáculos como árbores e edificios.


Como se pode ver na gráfica, o período de máximos refachos durou pouco máis dunha hora, o que indica que a borrasca movíase moi rapidamente, quizais por iso non causou danos moi graves. En todo caso, as predicións non erraron, Xynthia acudiu á cita e a nosa estación estaba ai para rexistrar todo o que estaba pasando deixándonos un montón de interesantes datos.
Para saber máis sobre este fenómeno pódese consultar o blog de Meteogalicia.

12/2/10

Excursión a Santiago: Observatorio Astronómico, Cidade da Cultura, Pórtico da Gloria, ...


O martes 9 de febreiro o alumnado de 2º de Bacharelato desprazouse ata Santiago para visitar o Observatorio Astronómico Ramón María Aller, a Cidade da Cultura, o Pórtico da Gloria e o Campus Sur.
A xornada comezou coa visita guiada ás instalacións do Observatorio Astronómico, onde puideron ver o instrumental con que conta, coñecer de cerca os proxectos nos que traballa e asomarse á inmensa labor desenvolvida polo seu fundador Ramón María Aller Ulloa, continuada polo actual director José Ángel Docobo Durantez.












De seguido trasladáronse á Cidade da Cultura onde percorreron, acompañados dunha guía, as instalacións dos dous edificios xa rematados: o arquivo e a biblioteca; suficientes para percatarse das descomunais dimensións do proxecto.
Despois de comer dividíronse en dous grupos: mentres que os de Humanidades asistían a unha visita explicada á actual restauración do Pórtico da Gloria, os de Ciencias percorrían o Campus Sur, parándose en facultades como Matemáticas e Física.
Foi unha xornada completa e ben aproveitada.

Orientación universitaria


O pasado venres, 5 de febreiro, estivo no centro Ignacio Ramos, profesor do departamento de Bioquímica da Facultade de Veterinaria de Lugo, acompañado de María Vieites, antiga alumna do Instituto que actualmente cursa 1º de Físicas na Universidade de Santiago.
Entre os dous impartiron unha charla informativa sobre a Universidade ao alumnado de Bacharelato.
As numerosas preguntas formuladas polos asistentes deixaron claro que se espertou o seu interese, por outro lado lóxico, xa que tratáronse problemáticas nas que se verán inmersos dentro de poucos meses.

8/2/10

Visita ás instalacións de INDITEX en Arteixo e a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano”




O xoves, día 4 de febreiro, os alumnos/as dos Ciclos Medio e Superior de Administración visitaron as instalacións que o grupo téxtil INDITEX posúe na nesa localidade. Púidose observar como se traballaba no deseño e no patronaxe das prendas, na preparación dos escaparates das distintas marcas do grupo (Zara, Berskha,...), na recepción de pedidos, no corte de teas, no preparación e embalado das prendas e, finalmente, como se realizaba toda a preparación loxística para distribuír os pedidos pola rede de tendas do grupo espallada por todo o mundo. Impresiona a capacidade de innovación desta empresa galega.



De seguido viuse a exposición de fotografía “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano” nas salas de exposicións da sede da Fundación Caixa Galicia na Coruña. Na mesma, recóllense os traballos desta autora norteamericana que recorreu o noso país nos anos 1924-1926, realizando un valiosísimo documental sobre a maneira de vida dos galegos/as da época con todas as súas necesidades. Sen dúbida, un acertado contrapunto para recordar de onde vimos.

3/2/10

Día mundial dos humedais






Como xa é habitual no noso centro, o pasado 2 de febreiro celabramos o día mundial dos humedais. Para iso, un grupo de alumnos de 4º eso aproveitaron parte da mañá para facer unha saída á Ría, acompañados pola profesora de bioloxía Mª Jesús Besteiro Cabanas.







Ademais de gozar dunha mañá de sol espléndido que xa votábamos de menos, nas distintas paradas que fixemos piudemos observar un bó número de aves invernantes: garzas, garcetas, correlimos, zarapitos, cormoráns así como pato asubión ou alavanco real.








Tamén nos fixamos nas grandes masas de vexetación características do esteiro: pradeiras submariñas de zostera que cobren gran parte da enseada da Liñeira, extensos xuncais que empezan a aparecer á altura da enseada do Tarrón en Vilavedelle e tamén masas de canaveirais que xa aparecen a partir de Porto onde a ría adopta un trazado meandrifrome debido ó predominio da acción fluvial.


En fin, unha mañá de clase un pouco distinta e cun obxectivo claro: coñecer o noso entorno para así aprender a valoralo e respetalo porque a súa conservación é cousa de todos nós.

1/2/10

Lectura da paisaxe


Parte do noso alumnado realizou o pasado xoves 28 de xaneiro unha actividade enmarcada dentro da Axenda 21 Escolar. Baixo o título “Lectura da paisaxe”, os nosos alumnos asistiron pola mañá a unha charla impartida polo xeógrafo Paco Castillo, actual xefe de servicio de Paisaxe, da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe da Xunta de Galicia. Pola tarde, algúns deles subiron a Santa Cruz para poder poñer en práctica os coñecementos adquiridos pola mañá, tratando de encontrar as claves da interpretación da paisaxe e sensibilizando sobre a importancia de conservalo. Non cabe dúbida que foi unha xornada interesante e enriquecedora que todos agradecemos, porque está claro que primeiro hai que coñecer e valorar o entorno para que despois xurda o desexo de conservalo.

English theatre


Last Tuesday we went to IES Gamallo Fierros to see a play in English. We went with teenagers from other high schools.
The play was about a teenager called Peter who talked about his family, the girl who he loves, his bully and his experiences on holidays. The main topic was the girl who he loves. His bully told him that he was her boyfriend, but the girl wasn’t his girlfriend and she loved Peter. At the end, after they did a show and told experiences, the girl kissed Peter.
It was really fun and the audience participated a lot.


Lidia Fernández Belmar, Sarai Pousada Linares – 4º ESO

21/12/09

Cos nosos mellores desexos

Postal realizada por Carla Méndez García 4º ESO

Que todos os nenos teñan portal,
Que todos os reis sexan reis magos,
Que todas as noites sexan noites boas,
Que non haxa un día sen Nadal.




27/11/09

Galiciencia 2009

Un ano máis unha pequena, pero importante, representación do instituto acudiu a Ourense para participar na Galicinecia.
Nesta ocasión Antonio Gregorio seleccionou alumnado de 2º e 3º de ESO con dous proxectos que seguro espertaron interese entre os asistentes: “Creando os propios xogos de Nintendo: Double Screen con PALib” e “Estudio da lateralidade”.
Galiciencia, é a maior feira científica que se celebra anualmente en Galicia, contando coa participación de equipos de estudiantes de Secundaria de toda España.
O obxectivo principal desta iniciativa, que Tecnópole organiza dende fai catro anos co patrocinio da Dirección Xeral de I+D+I e da Consellería de Economía e Industria, é servir de punto de encontro para rapaces e rapazas da ESO e Bacharelato con ideas innovadoras e con gañas de mostralas ao público nos stands que o Parque Tecnolóxico de Galicia pon a súa disposición durante tres días, coincidindo coa celebración da Semana da Ciencia.


Pero tamén hai actividades paralelas para o público e os propios expositores. Este ano, ademais da presencia xa habitual do divulgador Adolf Cortel, coas súas conferencias de ciencia divertida, houbo obradoiros relacionados coa celebración a nivel europeo do Ano de Darwin, do Ano Internacional da Astronomía e do Ano da Creatividade e da Innovación.

Excursión de 1º de ESO a Mondoñedo

O pasado 24 de novembro os alumnos e alumnas de 1º de ESO, acompañados polo profesorado do departamento de Xeografía e Historia, visitaron algúns puntos de interese do municipio mindoniense.

A viaxe, promovida e patrocinada pola Fundación Comarcal A Mariña Central, tivo como principal atractivo a visita ao recentemente escavado Castro de Zoñán, na parroquia dos Remedios. Alí os alumnos e alumnas puideron contemplar de forma directa características da cultura castrexa estudada nas aulas.









Á volta visitaron o Centro de Artesanía “Os Muíños”, onde Alberto Geada, único zoqueiro xoven de Galicia, mostrou tódolos segredos da fabricación das tradicionais zocas. O alumnado seguiu con interese as explicacións.

29/10/09

Descubrindo a Ría: ciencia a pé de praia


Os alumnos de bioloxía de 4º ESO xunto cos de bacharelato de ciencias e tecnoloxía, participaron o martes 27 de outubro nunha na actividade “Descubrindo a Ría: Ciencia a pé de praia”. O obxectivo é dar a coñecer as ferramentas de traballo e os fundamentos básicos que un equipo multidisciplinar de científicos está empregando no chamado Estudio integral das Rías Altas, traballo que se está a facer co fin de averiguar as causas do importante descenso dos recursos marisqueiros nestas rías.


Para esta actividade, contamos coa axuda da Asociación de Oceanógrafos de Galicia, que nos enviou un grupo de 5 monitores para realizar outros tantos obradoiros. En primeiro lugar fixemos unha saída á Praia dos Bloques para levar a cabo algunhas actividades de campo e recoller mostras de area, auga e distintas especies atopadas. Despois, xa no laboratorio, desenvolvéronse os seguintes obradoiros:


  • Obradoiro de estratigrafía: para observar a distribución granulométrica do sedimento, comprobar o seu contido en carbonato cálcico e observar a composición das areas coa lupa binocular.


  • Obradoiro de oceanografía: para observar as propiedades físicoquímicas da auga do mar así como o seu contido en plancton.


  • Obradoiro de recursos marisqueiros: para identificar as especies recollidas e calcular a talla media, peso medio, biomasa total e comercial e densidade da poboación.

  • Obradoiro de patoloxía de moluscos: para facer unha disección do mexilón e observar co microscopio distintas preparacións histolóxicas con ou sen patóxenos.

  • Obradoiro de ecotoxicidade: para recoñecer a importancia do uso das larvas de ourizo de mar como bioindicadoras da calidade das augas.
Realmente, pensamos que a actividade resultou moi interesante e os alumnos puideron disfrutar e aprender moito polo que parécenos interesante que se fagan estes traballos de divulgación científica.

16/10/09

Comedia Bífida


O pasado mércores, día 14 de outubro, o teatro viveirense Pastor Díaz encheuse con alumnado chegado da maioría dos institutos da Mariña, que se xuntaron alí para ver a representación da obra, de Manuel Carlos Núñez Singala, Comedia Bífida.
A montaxe a adaptación da obra fíxoa a compañía profesional Nobicarelo Teatro, formada en Santiago de Compostela en marzo deste mesmo ano.
Esta representación, xunto á difusión do libro “En galego por que non?”, do mesmo autor, forma parte do programa de dinamización lingüística desenvolvido pola Editorial Galaxia e promovido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, (ver díptico).


18/7/09

A toda cor!


En xuño presentouse o número 18 da revista XERFA, unha nova entrega da revista escolar que anualmente publica este instituto. Aínda que a edición impresa ao igual que as anteriores sae en branco e negro, por primeira vez podemos ver a revista a toda cor na súa edición dixital, que ademais se colgou en http://www.issuu.com/, plataforma que permite folleala nun formato atractivo e vistoso. O resto dos números da revista tamén se foron incorporando a esta web polo que se pode pasar un pouco de tempo ollando as páxinas de edicións anteriores.
Nesta ocasión a revista destaca especialmente polas entrevistas a personaxes de primeira liña da actualiade como José Angel Docobo, director do Observatorio Astronómico Ramón Maria Aller da Universidade de Santiago; ou Rubén Riós, coñecido actor galego protagonista da longametraxe “Pradolongo”.
Pero ademais está chea de moitos outros temas de interese aos que nos aproximan os alumnos, alumnas, profesores e profesoras que participaron na redacción, como por exemplo:
  • Conflito árabe-israelí
  • Estatísticas
  • Saúde:
    Enfermidades nutricionais
    O infarto
  • Entrevistas:
    Julio Antolín Rey
    José Ángel Docobo Durántez
    Miguel Ángel Millares Mera
    Rubén Riós
    José Luis Echevarría Reigosa
  • Música:
    Cultura Hip Hop
    Saratoga

30/6/09

Teatro: Un xoguete para Goldoni


O 23 de xuño, último día de curso, o noso alumnado asistiu no cine teatro de Ribadeo á representación da comedia "Un xoguete para Goldoni", que puxo en escena o grupo de teatro do IES Vilar Ponte de Viveiro.
A maioría dos compoñentes deste grupo son alumnos e alumnas de segundo de bacharelato, polo que no próximo curso xa non estarán no instituto, sendo esta a súa última representación.
O guión de “Un xoguete para Goldoni” está baseado no “Anel máxico”, de C. Goldoni, adaptación de Cándido Pazó.
Nesta especie de homenaxe ás orixes, aos cómicos que sempre convertían en teatro calquera praza ou camiño, unha compañía de cómicos irrompe no escenario disposta a montar o seu espectáculo, a súa COMEDIA. O tema ( o enrolo amoroso) é o de menos, o que importa é o xogo teatral, a comicidade das situacións, os sucesivos equívocos, a diversión do espectáculo... en fin... a interpretación e o movemento dos actores, unida á música feita por eles mesmos.

Teatro: Pelexa no souto


Con gran asistencia de público tivo lugar o día 19 de xuño a representación da obra que ao longo do curso foi ensaiando o grupo de 1º da ESO do noso colexio. Os nervos estiveron presentes nos minutos previos á representación, pero unha vez comezado todo transcurríu según o previsto e podemos falar tranquilamente de que a cousa saíu bastante ben, sobre todo tendo en conta que sobre o escenario se moveron sobre un total de 25 alumnos/as, cousa que non era doada.
Temos que dicir que unha das nosas maiores preocupacións como era o tema das voces á hora de deixarmos oirnos, non chegou a ser tal pois todos os actores se esforzaron por deixarse oir.Tamén temos que comentar que todos os alumnos estiveron moi metidos no seu papel e agás algunha improvisación e omisión todo saíu moi satisfactoriamente.
En resume todos pasamos un bon momento e todos poideron comprobar como cun pequeno esforzo podemos transformarnos en pequenos actores, e porque non algún pode chegar a ser un auténtico profesional.
En canto a obra, dicir que o argumento xira arredor da introducción do eucalipto e a competencia co castiñeiro, tendo cada un, os seus amigos e os seus detractores, establecéndose un xuizo popular no que o eucalipto sae condeado.

21/5/09

...E viñeron os/as de Melide

O pasado martes, día 19 de maio, os alumn@s do IES de Melide devolvéronos a visita, no que foi un moi agradábel día de convivencia, no que o tempo estivo da nosa parte.
Recepción no salón de actos do IES -con canto incluído-, recorrido polo paseo marítimo, Cargadeiro, Forte San Damián –onde nos enteiramos de anécdotas coma a de aquel alcalde que, ante a ameaza da frota inimiga, ordena retirar os canóns ( non fora ser que, ademais da suma a acordar para que non se excedesen coas tropelías, levasen tamén aquelas pezas que non servían para lle facer fronte)-, e remate da camiñata no faro de Illa Pancha. Para todo iso deu a mañá.


O xantar campestre tivo en Santa Cruz a mellor das localizacións posíbeis. E ata tiramos da corda, gañando ... ben, mellor non dicir nada.

Á tarde, mesturados en varios grupos, os de Ribadeo actuamos de guías nun recorrido lúdico-histórico-artístico pola nosa vila. Uns máis e outros menos, todos aprendemos algo ou vimos algo novo paseando, contando e escoitando cousas e historias, a medida que recorríamos San Roque, coas súas casas de indianos, aprendíamos o porqué dunha rúa Vilafranca do Bierzo en Ribadeo, explicábamos os problemas da Torre dos Moreno, algo da historia de Raimundo Ibáñez pasando por diante da que foi súa casa, camiñábamos polo casco vello, a Atalaia ...
Houbo tamén tempo libre. E para rematar, que mellor sitio ca Rinlo para despedirse, non sen comentarlles que o mar non sempre está tan calmo, onde polo inverno se dicía aquilo de “roncan as ribeiras” cando bruaba o mar.


Viñeron, fóronse, pero algo queda: a nós deles e delas, e a elas e eles seguro que algo de nós. Melide e Ribadeo, dous anacos da nosa terra, que merece ser mellor coñecida en galego, máis visitada e gozada. Estarémolo facendo por nós.


Grupo de Normalización e Dinamización Lingüística