26/4/11

XVII Feira da Ciencia

A XVII edición da Feira da Ciencia rematou o día 15 de abril.
Foron tres días intensos ós que precederon outros moitos de preparación.
Os seguintes enlaces son un compendio do que deu de si esta edición:

Páxína web do centro
Álbum de fotos
El Progreso 09-04-2011
La Voz de Galicia 09-04-2011
El Progreso 13-04-2011
El Progreso 14-04-2011
La Voz de Galicia 14-04-2011

10/4/11

Reciclar para crear




O pasado xoves, día 31 de marzo, o alumnado de 3º e 4º de ESO organizouse en brigadas de limpeza para recoller lixo que o mar rexeita unha e outra vez despois da nosa torpe insistencia en consideralo un vertedoiro.

Alí topáronse coas nosas vergoñas en forma de infinidade de argalladas plásticas que no seu momento formaron parte desa irresponsable e irrespetuosa maneira que temos de producir, consumir e rexeitar. Cabezas de monecas, botas, zapatos, botellas e botes de mil formas , redes, cordas, aros diversos, nasas …e, sobre todo chanclas, chanclas de todas as cores tamaños e formas. Todo isto constituíu o tesouro que en grandes sacos trouxeron para o IES. (Fotos)


Despois comezou o traballo de darlles a estes obxectos tan diversos unha última utilidade, e así, baixo a batuta de Mª Jesús Colmenero, profesora de plástica, foron xurdindo no patio do centro nubes de chanclas que, despois de flotar na auga, levitan no aire; figuras humanas que nos observan ameazantes dende lugares recónditos, como se estivesen tramando a vinganza pola súa funesta existencia; unha serea envolta en redes que xa non seduce a ningún mariñeiro; serpes do pasado que reptan cara un escuro futuro, e no medio deste macabro escenario, unha foca no alto dun penedo xoga abstraída cunha pelota. (Fotos)

Todo este tétrico elenco desempeña así unha última función conseguindo captar a atención e mover á reflexión sobre o uso que estamos a facer do mar, convertido en reduto final de desperdicios.

Esta actividade enmárcase na nosa participación na Axenda 21 Escolar de Galicia, que persegue, mediante a potenciación da formación en centros, o fomento de valores básicos para a vida e a convivencia na igualdade e sostibilidade.



19/3/11

Visita a Allariz

O pasado día 15 de Marzo os alumnos de 3º eso fumos a Allariz. Visitamos o Museo do xoguete, o Muiño do burato e o Museo do coiro, ademais de dar unha volta pola vila, facendo especial fincape nas actuacións feitas para a recuperación e proteción do casco histórico.

Pola tarde tivemos unha serie de actividades no Centro de Educación Ambiental do Rexo, donde un monitor chamado Carlos - a quen lle estamos moi agradecidos- explicounos a fauna da zona, ensinounos a granxa das ovellas e como fan os queixos, todo elo con grande entusiasmo, como corresponde a un bó amante da natureza. Por certo -e por sorpresa- tamén nos levou visitar una depuradora ,¡ despois de xantar..............!.

Esta visita está organizada polo "Proxecto Terra". Xa levamos feitas varias actividades planeadas por eles e estamos moi satisfeitos cos resultados.

Álbúm da viaxe

18/3/11

Antroido 2011


O venres 4 de marzo no IES afloraron os desexos de troula carnavalesca, máis entre alumnado que profesorado, pero de todo houbo, como ben mostran as imaxes: https://picasaweb.google.com/ies.porta.auga/Antroido_2011

2/3/11

Visita ós Xulgados do Social e Rexistro Mercantil


Un grupo de alumnos/as da familia profesional de Administración do I.E.S. Porta da Auga de Ribadeo, acompañados de dous profesores, acudiron o pasado martes día 22 de febreiro a Lugo para realiza-las seguintes actividades:

1ª. Pola mañá, asistiron nos xulgados do social a varios xuízos nos que se dirimían cuestións como despedimentos improcedentes, reclamación de salarios de tramitación, abuso de contratación eventual por circunstancias da producción, etc., que son conceptos que trataron previamente na clase.

2ª. Pola tarde acudiron ó Rexistro Mercantil, onde catro funcionarios, moi amables por certo, lles explicaron os trámites administrativos a realizar para poder inscribir unha empresa no devandito rexistro, como había que face-la legalización dos libros contables e como había que face-lo depósito das contas anuais das empresas. Cada funcionario fíxolles entrega de copias dos formularios a cumprimentar para cada unha das operacións anteriormente descritas a efectos de que poidan face-las pertinentes prácticas coa cumprimentación dos referidos formularios na clase.

Ás 5 e media da tarde fíxose o regreso a Ribadeo.

11/2/11

ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo


O pasado luns, día 7, o alumnado de 1º de ESO participou na actividade ROTAS LITERARIAS polo Museo de Lugo.

Previamente a ese día, as alumnas/os prepararan esta visita lendo o libro CONTOS DE MEDO NO MUSEO. No propio museo, a actividade consistiu en contestar a unha batería de preguntas, parte das cales tiñan resposta nas historias lidas, e, o resto, con solución na observación con pistas das salas de exposición.

As dúas clases de 1º alternáronse nesta visita ao museo e no paseo completo polo adarve da Muralla de Lugo, Ben Patrimonio da Humanidade, que é a única do orixe romana que se conserva ao longo de todo o seu perímetro orixinario.

A participación do no noso centro nesta actividade, sen dúbida ben deseñada por parte do museo, foi organizada polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

8/2/11

Observación astronómica.


A noite de venres, o pasado fin de semana, un numeroso grupo de alumnos do IES Porta da Auga, coa materia de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, subiu á Casa da ría de Ribadeo, en Santa Cruz, para realizar unha exploración do ceo nocturno.
Acompañados polo profesor Antonio Gregorio, informáronse das características principais dos telescopios na cúpula e aprenderon os rudimentos de orientación no ceo nocturno.
Despois de ver a constelación de Leo sobre Castropol, cara o Norte aprenderon a distinguir a Osa Maior, e dela, saltar á estrela Polar e atopar Cassiopea. A partir desta constelación, e pola Vía Láctea, atoparon o grupo principal de estrelas do noso sur celeste invernal, o hexágono de inverno, centrado en Betelgeuse, na constelación de Orión. Como punto de referencia, Sirio, a estrela máis brilante da noite, e aliñada coas Tres Marías, foron quen de atopar Aldebarán en Tauro e o grupo das Pléiades, empregado como calibrador de agudeza visual.
Despois repasaron outras estrelas da zona: Capella no Cocheiro, Castor e Polux en Xéminis, Proción no Can Menor e Rigel en Orión, así como a nebulosa desta última constelación. Igualmente, descubriron a mitoloxía que involucra ás constelacións de Orión, Tauro e os Cans Maior e Menor.
A visita rematou pasada a medianoite.

7/2/11

2 de febreiro, día dos humidais.



O 2 de febreiro celebrouse o ¨Día Mundial dos Humedais¨ e os alumnos de 4º ESO de bioloxía saímos á ría para observar este ecosistema. A visita foi didáctica e permitiunos achegarnos á fauna e vexetación que nos rodea.


O máis curiuso, sen dúbida algunha, foi a observación de avesmigratorias que só se deixan ver nas estacións de outono e inverno e que proceden do norte de Europa. Aprendemos a diferenciar garzas, garcetas, cormoráns, mazaricos, ostreiros, correlimos e algúns patos. Como facía moi bó día e a marea estaba empezando a subir, estaban todos en plena actividade buscando o seu alimento e tamén disfrutando do sol.




Pasamolo moi ben e algúns de nós descubrimos unha ría bastante distinta á do verán, con moito bullicio de aves dun lado para outro.




Tamén nos fixamos na flora, tendo en conta que o factor determinante para a súa distribución é a salinidade. Poidemos observar e fotografar as pradeiras de plantas halófilas (zostera) que forman os fondos da ría, pero tamén os extensos xuncais que aparecen a partir de Vilavedelle e os carrizais subhalófilos, que hai a partir de Porto.




Ademais fomos facendo fotos e tomando notas para un traballo que presentaremos na Feira da Ciencia e que se enmarca nos proxectos da Axenda 21 deste curso. Xa veredes o resultado!





4º ESO

31/1/11

O GALEGO É O NOSO MEDIO NATURAL






















O contido desta páxina precisa unha versión máis recente de Adobe Flash Player.



Obter Adobe Flash Player





“A lingua e a natureza, dúas realidades que definen Galiza, que identifican a nosa terra, e que nestes momentos precisan do noso alento; eis o obxectivo desta campaña.

Porque, como dixo o poeta do Courel, aínda a Terra é nova, e como aínda é nova a lingua, queremos chamar a atención sobre a necesaria implicación de tod@s na defensa do noso.”

Así comeza a presentación desta campaña a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística na súa páxina http://www.coordinadoraendl.org/, da que se fixo eco o equipo do noso IES.
Para isto utilizamos as láminas que te invitamos a ver e descargar a través do enlace. Estas, unha vez impresas, estiveron expostas na entrada do noso centro durante tres semanas, e serviron para realizar actividades de aula e un concurso, no que animadamente participou, por clases, todo o alumnado de ESO.

Estes materiais están agora, nun exemplo do que con algo de retranca poderíamos cualificar de exemplo de cooperación e bo aproveitamento dos recursos, circulando por outros centros educativos da Mariña para contribuír á realización de actividades similares.

Agardamos que a campaña contribuíse á concienciación na defensa do noso espazo natural e do noso idioma, porque “para os galegos e as galegas o noso medio natural é o galego.”

31/12/10

Actividade no Centro Pedro Murias



O luns 20 de decembro de 2010 os alumnos de bioloxía e xeoloxía de 1º de Bacharelato fixemos unha visita ao centro de formación agroforestal Pedro Murias, para facer un queixo tipo Arzúa Ulloa, que precisa unha dobre fermentación.

En primeiro lugar disfrazámonos poñendo batas, gorros, guantes e catiuscas brancas. A continuación entramos na queixería e vertemos 100 litros de leite da granxa ecolóxica do propio centro, nun pasteurizador de fluxo continuo que somete o leite a unha temperatura de 75ºC durante 15 segundos para despois arrefrialo repentinamente. Posteriormente, xa co leite na cuba, engadímoslle uns cultivos de organismos mesófilos (Streptococos lactis e Streptococos cremoris) que transforman a lactosa do leite en ácido láctico. Deixámolos actuar durante 45 min e mentres agasaiáronnos cun aperitivo.

Volvemos facer os controis de Ph, temperatura e engadir o “cuajo” para provocar a coagulación do leite durante 35 min. Neste tempo recibimos unha clase teórica sobre o proceso de elaboración do queixo e a continuación fomos realizando todos os pasos: corte, axitación, delactosado, lavado da pasta, salado, desorado, preprensado, moldeado e prensado final.

Foi unha actividade moi interesante, pasámolo ben e descubrimos que ser un bo mestre queixeiro non é tan doado como poidera parecer. Como este tipo de queixo necesita un tempo de maduración mínimo de 6 días, á volta do Nadal, terémolo como regalo de Reis e ó mellor hasta compartimos....

Decoración de encerados no Nadal de 2010


Un ano máis, no último día de clase antes das vacacións de Nadal, cada grupo decorou o encerados da súa aula.

O nivel aumenta ano tras ano e o xurado teno cada vez máis difícil. Nesta ocasión foi o grupo de 1º ESO A o que se levou a cesta de produtos de Nadal do 1º premio, pero o xurado fixo mención a outros traballos: ó de 4º ESO pola idea divertida, 4º ESO PDC pola boa técnica e ó de 1º BAC pola representación que o grupo fixo dun divertido Belén vivente.

As decoracións dos encerados destes últimos tres cursos poden verse en:

Curso 2008-09

Curso 2009-10

Curso 2010-11

22/12/10

Felicitación, Nadal 2010


Non cómpren adornos para unha fermosa árbore.
Nin a mellor mesa para ter compaña.
Nin agasallos para mostrar cariño.
Só cómpre vivir o verdadeiro Espírito do Nadal.


Cos mellores desexos de toda a comunidade educativa do IES Porta da Auga

20/12/10

Viaje a Santiago.

Experimentamos lo que se siente al vivir un día político en el epicentro de las instituciones democráticas (el Parlamento), en el cual hemos visto vídeos sobre la organización parlamentaria y comportamiento político; conocimos las instalaciones en las que nuestros representantes desempeñan sus funciones, pasándonos por ellos durante unas horas.

A continuación hemos ido paseando por las calles de Santiago de camino al Museo do Pobo Galego, en el cual nos han dejado ir, libre e individualmente, descubriendo las raíces de nuestra cultura antepasada.

Para finalizar nos reunimos ante la Catedral para dirigirnos al autobús y regresar a Ribadeo.

19/12/10

Visita a INDITEX en Arteixo e á cidade de A Coruña


O xoves, día 12 de decembro, os alumnos/as de Ciclos Medio de Xestión Administrativa e 1º curso do Ciclo Superior de Administración e Finanzas visitaron as instalacións que o grupo téxtil INDITEX posúe na na localidade de Arteixo. Nesta interesante visita puideron observar como se traballaba no deseño e no patronaxe das prendas, na elaboración dos escaparates das distintas marcas do grupo (Zara, Berskha,...), na recepción de pedidos, no corte de teas, na preparación e embalado das mesmas, finalmente, como se realizaba toda a labor loxística inicial para distribuír os pedidos pola rede de tendas do grupo espallada por todo o mundo. Impresiona a capacidade de innovación desta empresa galega.

A continuación realizouse unha visita panorámica polo borde litoral de A Coruña (os Cantóns, Castelo de San Antón, Torre de Hércules, Orzán e Riazor).

Finalmente, e non sen antes dar algún paseo pola zona céntrica e repoñer forzas co xantar, iniciamos a primeira hora da tarde a viaxe de volta a Ribadeo, quedando todas/os con ánimo agardando a próxima visita das programadas polo Departamento de Administración

9/12/10

Axenda 21 Escolar de Galicia, 2010-11


O IES desenvolve unha campaña de promoción do uso da bicicleta entre o alumnado dentro do proxecto que presentou para a participación na rede de centros que integran a Axenda 21 Escolar de Galicia (A21EG).

“enBICIate”, “Vive a bici”, son parte do reclamo que pretende chamar a atención dos alumnos e alumnas sobre a bicicleta, ese “xoguete” que pode converterse nunha seria alternativa para a mobilidade por Ribadeo. Ademais haberá excursións en bici, ampliación do aparcadoiro para bicis no IES, propostas ao Concello, premios e todas as demais cousas que se non vaian ocorrendo.

O programa presentado para a A21EG/2010-11 contempla outras dúas interesantes actividades: “Un ecosistema: a Ría de Ribadeo” e “Reciclar para crear”. No primeiro, os alumnos e alumnas de 4º de ESO farán un estudo da ría como ecosistema, (biótopo, biocenose e relacións), iniciándose no coñecemento da avifauna migratoria e nos grandes grupos de vexetación que converten á ría nun humedal de importancia internacional; no segundo, despregarán toda a súa capacidade artística e creativa utilizando materiais de refugallo que previamente se recollerán nas praias e caídos da costa.

En definitiva, é un programa pensado para concienciar sobre a sostibilidade no entorno máis próximo ó alumnado. Os primeiros resultados esperamos presentalos na feira da ciencia deste curso.

4/11/10

Unha mirada matemática



O departamento de matemáticas do IES Porta da Auga pon a disposición de todos os centros educativos a exposición de fotografía matemática "Unha mirada matemática", da que é autora Mª Nieves Díaz Fernández, profesora de matemáticas.

Esta exposición formou parte da XVI Feira da Ciencia e Tecnoloxía, celebrada no curso 2009-10. Trala clausura tomouse a decisión de convertela en exposición itinerante.
Consta de 63 láminas impresas en PVC de 42x32 cm (unha de presentación, dúas de descricións e 60 fotografías). Os interesados poden solicitala por un máximo de 15 días facéndose cargo dos custos de envío e devolución ao IES Porta da Auga.

Non se titularon as fotografías, entendendo que o alumnado pode encontrar referencias ás matemáticas que sirvan para poñerlles título. Para facilitar esta actividade inclúese unha folla que, de forma individual, pode cubrir cada alumno que visite a exposición, servindo así de actividade complementaria ás clases de matemáticas.


Departamento de matemáticas do IES Porta da Auga
Avd. de Luarca s.n. 27700 Ribadeo. Tlf: 982 12 88 94
ies.porta.auga@edu.xunta.es

22/10/10

José Mª Martínez Fernández, profesor do IES, publica un libro de contabilidade.

O profesor do I.E.S. JOSÉ MARÍA MARTINEZ FERNÁNDEZ ven de publicar nas editoriais TOXOSOUTOS e UNIPRO o libro:

O PLANO XERAL CONTABLE DE PEMES (UNHA VISIÓN PRÁCTICA CON EXEMPLOS) é un traballo no que, como o seu título indica, o autor pretende dar unha visión práctica do P.X.C. de PEMES a través de exemplos explicativos que axudan a entende-lo referido texto legal.

O traballo consiste en intercalar no texto do Plano X.C. de PEMES (Real Decreto 1515/2007 de 16 de novembro) as pertinentes explicacións teóricas ó carón da norma e, de seguido destas breves explicacións un, ou varios, exemplos aclaratorios. Fíxose así, percorrendo todas e cada unha das cinco partes das que se compón o referido Plano X.C. de PEMES.

Concretamente, cando se chega á parte 5ª, definicións e relacións contables, vaise percorrendo conta a conta todo o cadro de contas, comentando o seu significado e poñendo diferentes exemplos nos que queda reflectido o seu funcionamento. Moitos temas trátanse, como é lóxico, desde dúas perspectivas, unha desde o punto de vista da conta debedora e outra desde o punto de vista da conta acredora.

Á hora de poñe-los exemplos ós que se alude no punto anterior, en algúns casos (activos financeiros, inmobilizado material, ...) tamén se fai referencia á 2ª parte do P.X.C., normas de valoración, coa idea de ve-los temas desde diferentes ópticas.

O obxectivo deste traballo non é o de facer unha exposición teórica do contido do texto legal, pois para iso xa hai outras moitas obras publicadas nos últimos dous anos; o que se pretende e ter unha colección de exemplos, redactados dunha forma sinxela, que axuden a comprender mellor o funcionamento dunha conta ou como hai que interpretar unha determinada norma de valoración. Trátase de ver este traballo como un conxunto de exercicios resoltos sobre o contido do P.X.C. de PEMES.

Os pedidos poderán facerse a:

Telefono 986 40 50 51
Av. Estación 25
36812 Redondela

17/10/10

Número 19 da revista XERFA


Co número 19 da revista XERFA cúmprense 20 anos ininterrompidos desta publicación.

Por iso este número, ademais de facer o habitual repaso a actividades, premios e traballos desenvolvidos no instituto durante o curso 2009-10, pretende ser unha homenaxe a todos os que durante estes vinte anos fixeron posible esta publicación.

Xa na portada poden verde, a modo de mosaico, as portadas dos 19 números anteriores (dende o cero ó dezanove). Tamén polo mesmo motivo contamos coa colaboración dalgún dos ex alumnos e alumnas que foron entusiastas redactores nas páxinas desta publicación cando eran estudantes no IFP de Ribadeo, IES de Ribadeo ou xa no actual IES Porta da Auga. As súas lembranzas, felicitacións e bos desexos únense ás de profesores como Álvaro Doural e Antonio Gregorio, uns dos primeiros impulsores da revista.

Ao igual que o número anterior a edición dixital visible en ISSUU (http://www.issuu.com/portadaauga/docs/xerfa_19, é en cor, aínda que a impresa segue sendo en branco e negro, por evidentes razóns de custo.