21/7/07

Recoñecemento aos mellores estudantes de Galicia




O acto de recoñecemento aos estudantes de Ensino Medio de Galicia que acadaron unha puntuación de nove ou superior na cualificación definitiva das Probas de Acceso á Universidade tivo lugar no Salón de Actos da Facultade de Medicina. Estivo presidido polo Reitor da Universidade de Santiago e asistiu, entre outras autoridades, o Alcalde de Santiago de Compostela.
Alí, entre os mellores estudantes de todo Galicia, estivo Joaquín Río Barrera.
As fotos do acto pódense ver na páxina do programa “A Ponte entre o Ensino Medio e a Universidade de Santiago de Compostela”.

12/7/07

Un traballo ben feito.


No salón de plenos do Concello de Ribadeo tivo lugar o acto que pon remate ao proxecto de dinamización da hostalería local, que baixo o lema “Ribadeo, con moito gusto na túa lingua” desenvolveuse coa colaboración do IES Porta da Auga, do Concello de Ribadeo, da Dirección Xeral de Turismo e dos hostaleiros que se adheriron á campaña, un total de 34 establecementos.
Falaron o alcalde de Ribadeo, o director do IES Porta da Auga e o coordinador do proxecto. Os tres destacaron o interese do mesmo e dos resultados acadados, para rematar co merecido recoñecemento e agradecemento por un traballo ben feito a alumnado, profesorado e demais persoas participantes.
Ao final entregáronse as cartas, salvamanteis e demais materiais traducidos a catro linguas (galego, español, inglés e francés) aos hostaleiros asistentes.
O día 14 de decembro de 2006 publicábase neste blog o comezo deste proxecto, premiado pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e a Secreataría Xeral de Política Lingüística, e augurábase un longo traballo para a súa realización. Efectivamente foi así, houbo que traballar duro e con coordinación para que hoxe fose posible dispor de todos os materiais traducidos e impresos cun deseño e soporte de calidade. Os nosos alumnos, alumnas, profesores e profesoras participantes teñen gran parte deste mérito.

29/6/07

Un alumno exemplar


A edición local do xornal “El Progreso. A Mariña” dedica unha páxina ao noso alumno de 2º de bacharelato de tecnoloxía, Joaquín Río Barrera. O motivo é a nota que obtivo no exame de acceso á Universidade, nada mais e nada menos que un nove, a máis alta do centro, aínda que as houbo moi próximas; como el di “foi unha clase con moito nivel”.

26/6/07

100% de aprobados na selectividade

Un ano máis, e xa van tres consecutivos, temos un pleno no número de alumnos aprobados nas PAU.
Presentábanse oito alumnos do Bacharelato de Tecnoloxía e cinco do de Humanidades e Ciencias Sociais. As cualificacións definitivas da proba de acceso acadan a media de 7,33, sendo un nove, obtido por Joaquín Río Barrera, a máis alta. En definitiva, son uns excelentes resultados. Parabéns a todos os alumnos e alumnas!.

25/6/07

Programa europeo ADVO. ITALIA 2


As alumnas do ciclo superior de administración e finanzas, Yésica Álvarez González e Carmen Villar Fernñández, regresaron de Italia despois de permanecer alí durante un mes realizando parte da súa formación en centros de traballo (FCT), desempeñando funcións propias dun administrativo.
Esta actividade enmárcase no programa europeo “Avd.Italia 2” no que, ademais do IES Porta da Auga, participan os socios: C.F.P. San Luigi, Fondiaria SAI e Agenzia AXA, ubicados na localidade de San Doná di Piave, próxima a Venecia.
Este programa, coordinado pola profesora Margarita Vilaseca, ten como obxectivo abrirlles aos alumnos as portas a outras experiencias de formación no mercado laboral da Unión Europea.

21/6/07

Excursión de fin de curso a Mallorca


Os alumnos e alumnas de 4º de ESO marcharon de excursión de fin de curso a Mallorca acompañados polas profesoras Isabel López e Eva Méndez. Unha semana de merecidas vacacións despois dun intenso curso, unha guinda final ao remate da etapa educativa.
Na viaxe, ademais de dispoñer de tempo libre, realizarán visitas turísticas pola illa e pola cidade de Palma, coñecerán as Covas do Drach e o castelo de Belver e disfrutarán no parque acuático “Aqualand”.
O regreso está previsto para o xoves 28.

Charla sobre educación sexual


Cristobal Rodríguez Garfia, médico ginecólogo, estivo no instituto para impartir unha charla sobre saúde sexual ao alumnado de 3º de ESO.
Non é primeira vez que contamos coa presenza deste recoñecido especialista, que sempre se ofrece a estar con nós para contribuír á educación sexual do alumnado do instituto.
Esta actividade está programada para incidir, despois de tratar o tema na clase de bioloxía, nas boas prácticas sexuais e no repaso ás problemáticas que poden xurdir por mor do descoñecemento.
A charla prolongouse por un tempo de hora e media no salón de actos do instituto.

Recital poético



Os alumnos e alumnas de 4º de ESO dirixidos por Eva Méndez, profesora de Galego, prepararon un recital de poesía tomando como tema a violencia de xénero, baixo o título “Implícate. Non á violencia de xénero”. Tivo lugar a continuación da conferencia sobre o mesmo tema de Olga Castro.
As poesías foron soando en boca dos alumnos ao mesmo tempo que se proxectaban imaxes e se escoitaba música, configurando en conxunto un ambiente que invitaba á reflexión.
Escolléronse textos de Rosalía de Castro, María Mariño, María Reimóndez, Olga Castro, Lupe Gómez, Marta Dacosta, Manuel Rivas, Fran Alonso, Marica Campo, Ana Romaní, Estíbalez Espinosa, Carlos Negro, Yolanda Castaño, Lucía Novás, María Lado, Antonio López (“El Moreno”), Erika Almenara, Emilce Strucchi, Juan de Dios Peza, Marina Llopis, Medos Romero e das alumnas Raquel Barbeito e Carla Pérez.
O punto final ao recital púxoo a alumna de 4º de ESO, Andrea Martínez, interpretando de forma maxistral “Negra Sombra”.
Cos calorosos aplausos dos asistentes recoñeceuse un traballo ben feito.

Conferencia sobre violencia de xénero


No auditorio municipal Hernán Naval tivo lugar unha conferencia sobre violencia de xénero impartida por Olga Castro, licenciada en Ciencias de Comunicación e Tradución e Interpretación, e organizada pola profesora de Galego, Eva Méndez, xunto cos alumnos e alumnas de 4º de ESO.
A conferencia, á que asistiu a totalidade do alumnado do centro, non se limitou a unha charla sobre o tema central, senón que ao mesmo tempo e para captar a atención e acadar unha maior concienciación do alumnado, escenificáronse distintos exemplos e víronse imaxes e vídeos.
Ademais de facer un repaso minucioso a estatísticas, tipos, causas e consecuencias, incidiuse especialmente na detención precoz, dende o noivado, do posible maltratador. A importancia de non pasar por alto algunhas das sinais de alerta quedou de manifesto con exemplos reais escenificados polos alumnos e alumnas de 4º de ESO.
Ao remate da charla abriuse un turno de preguntas que resultou moi interesante, non só pola cantidade das mesmas, senón tamén polo debate que suscitaron.
Á conferencia seguiulle un recital de poesía organizado tamén polo alumnado de 4º de ESO sobre o mesmo tema.

20/6/07

Presentación oficial da páxina web e do nº 16 de revista XERFA




A páxina web do IES Porta da Auga, na que levamos traballando tres anos, presentouse oficialmente nun acto que tivo lugar onte ás 11:00 h no salón de actos do instituto. A prensa recolle a nova nas edicións locais da Mariña.
Na presentación o director explicou os obxectivos desta web:

  • Ofrecer á comunidade educativa un servizo de información e comunicación permanente e actualizada aproveitando ao máximo as posibilidades que as novas tecnoloxías nos ofrecen.
  • Crear unha plataforma de apoio didáctico ao alumnado posibilitando os múltiples usos didácticos da web dende os departamentos.
  • Dar a coñecer a realidade do centro. Abrir as súas portas e mostrar como é (instalacións), que se estudia (oferta educativa), que se fai (actividades), como se organiza...

No mesmo acto, Vanessa Gromaz e Boris Rodríguez, alumnos de 1º de bacharelato de humanidades e ciencias sociais, presentaron o número 16 da revista XERFA. Con el xa son 17 cursos académicos consecutivos nos que non falta a presenza da nosa revista, xa incluída na exposición de prensa escolar que mostra o MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia).
Revista XERFA e páxina WEB, dous expoñentes deste instituto, dous froitos do traballo de alumnado e profesorado dos que nos sentimos moi orgullosos. Noraboa a todos/as os que os fan posible.

19/6/07

O nº 16 da revista XERFA xa é unha realidade


Dende hoxe mesmo pode lerse o nº16 da revista XERFA, ben en papel ou na edición dixital.
Neste número participaron sete profesores e trinta alumnos para completar un total de 12 artigos, catro entrevistas, un comic e pasatempos.
O sumario da revista é o seguinte:
  • Editorial
  • Viaxe a Medrid
  • Exposición de enerxías renovables
  • Feira da ciencia e tecnoloxía 2007
  • Proxecto de normalización lingüística
  • Traballar en colaboración no ámbito da educación
  • Coéte na feira da ciencia do 2000
  • www.portadaauga.es
  • Humor tecnolóxico
  • Letras gelegas
  • Críticas literarias
  • Entrevista a Ugia Pedreira
  • Entrevista a Andrea Méndez Álvarez
  • Entrevista a Ana Varela Rey
  • Entrevista a E. Balbino Pérez Vacas
  • Certama narrativa "El Viejo Pancho"
  • Cómic
  • Pasatempos

Charla sobre drogodependencia en 4º de ESO.


Hoxe, Mónica, a traballadora social do concello, falounos sobre as drogas. Primeiro comezamos reflexionando entre todas as definicións de drogas; chegamos á conclusión de que se poden definir como substancias que ao ser inxeridas provocan adición e tolerancia.
Logo clasificamos as bebidas alcólicas en dous grupos, dependendo do proceso de fabricación: destiladas ou fermentadas, poñendo varios exemplos de cada un dos tipos. Falamos do alcol e dos seus efectos sobre o organismo.
A continuación falamos do hachis e dos efectos que produce sobre o corpo, como poden ser a sensación de excitación e a fase depresiva que a segue. Tamén nos deu algúns datos interesantes como, por exemplo, que o hachis non crea adición física e que axuda a desenvolver enfermidades do xénero das psicoses.
Rematou a charla pedíndonos que escribíramos nun folio anónimo a definición de droga coas nosas palabras e a nosa opinión persoal sobre as drogas.


Martín González Vilaseca

María Vietes Díaz

25/5/07

Excursión a Oviedo


Pola mañá aproveitamos para dirixirnos ao Naranco e visitar os dous monumentos máis emblemático da arte asturiana: Sta. María do Naranco e S.Miguel. As explicación do guía que nos acompañou axudáronos a entender mellor estes dous monumentos.
Aínda que xa tiñamos bastante fame, pois xa se nos fixera algo tarde, aproveitamos para facer un pequeno percorrido pola parte histórico-artística de Oviedo e saber algo máis da fermosa cidade. A tarde aínda nos esperaba outra fermosa sorpresa, a obra de teatro que a todos nos maravillou.

24/5/07

EXCURSIÓN TEATRAL A VETUSTA


El gran secreto
Els Comediants
Teatro Campoamor
Oviedo


No habrá paraíso ni amores deshojados …
Poeta en Nueva York
Federico García Lorca

Alumnos de 4º de ESO y de Bachillerato, acompañados de cuatro profesores, asistieron a la representación de El gran secreto del grupo catalán Els Comediants en el Teatro Campoamor de Oviedo.
La obra repasa la historia de las relaciones amorosas a través de los tiempos. Ante el espectador, y en sucesivas escenas, van desfilando cuadros de amor, desde que una intempestiva manzana marcó el fin de la inocencia hasta nuestros días: amor primitivo, amor cortés, amor naturalista, y otros modos arquetípicos de amor se suceden ante los ojos cómplices de los espectadores.
Alumnos y profesores disfrutaron con la obra y tuvieron ocasión de apreciar un moderno montaje en el incomparable marco del teatro vetustense.

14/5/07

QUE COUSA É?


Esta é a pregunta pola que comezan ou pola que rematan centos de adiviñas.
"EN BOCA PECHADA NON ENTRAN MOSCAS" é un vello refrán dos moitos que coñecemos. Os refráns son moi expresivos, tanto que moitas veces botamos man deles para explicar as nosas intencións, máis acertadamente que coas nosas propias palabras.
Adiviñas e refráns forman parte dunha rica cultura popular.
Acertar adiviñas e saber completar refráns foi unha actividade interactiva que por primeira vez puxeron en práctica os alumnos de 5º e 6º de primaria do CEIP Gregorio Sanz e os alumnos de 1º E.S.O. do IES Porta da Auga.
A idea partiu do Equipo de Normalización Lingüística do Gregorio Sanz, que nos elixiron para concursar con eles.
Cada equipo levaba preparadas dez adiviñas e cinco refráns.
Grazas a Internet, a actividade foi simultánea. No salón de actos do instituto precisamos un ordenador conectado a internet, unha cámara web e proxectamos a imaxe nunha pantalla grande. Así os alumnos do IES podían ver e escoitar aos alumnos do CEIP que no mesmo momento estaban na súa biblioteca, e viceversa.
Despois de saudárense, comezaron os de primaria cunha adiviña, que os de ESO tiñan que acertar, e así alternativamente. Logo chegou o turno dos refráns. Cada equipo comezaba cun refrán, e o equipo contrario debía rematalo correctamente.
Ao final, despedíronse cordialmente, sen ter en conta que tiveron máis acertos os alumnos de primaria.

12/5/07

Excursión a Vigo, SªTegra e Valença


O pasado sábado 12 de maio os alumnos e alumnas participantes no proxecto GALEGUIZACIÓN DA HOSTELARÍA RIBADENSE disfrutaron do seu merecido premio: unha viaxe lúdica a Vigo, Sta. Tegra e Valença.
A saída tivo lugar ás 8:00 h., chegando a Vigo ás 12:00. As catro horas que estivemos nesa cidade deron para visitar o mirador do Castro -con fermosas vistas da urbe e da súa ría-, dar un paseo pola céntrica rúa peonil do Príncipe, polo bairro da Pedra e pola zona portuaria, á parte, loxicamente, da necesaria reposición de forzas co xantar de mediodía.
A continuación dirixímonos directamente para o monte de Sta. Tegra. Alí contemplamos a fermosísima vista do esteiro da desembocadura do rio pai, o Miño, e visitamos tamén o castro, un dos máis coñecidos.
De seguido saimos cara a vila-fortaleza de Valença do Minho, ao outro lado do río. Puidemos pasear paseo por esta bonita e moi concurrida vila comercial portuguesa e, o que máis e o que menos, aproveitou para realizar algunhas compras.
As 19:30 iniciamos o regreso, estando de volta no IES ás 23:30 segundo o previsto.
Cabe recordar que o proxecto arriba mencionado foi un dos premiados dentro da convocatoria para proxectos de innovación lingüística en centros públicos. O traballo posterior consistíu na tradución ao galego, inglés e francés dos menús da hostelaría local. O Concello de Ribadeo, mediante a Área de Desenvolvemento Local, encargouse do contacto cos establecementos interesados, así como de conseguir a financiación para poder presentar uns materiais atractivos listos para o seu uso e en catro linguas as tres citadas e o español-. Os materiais desta campaña están a punto de ser presentados publicamente baixo o suxerente título RIBADEO CON GUSTO, campaña de dinamización da hostelaría local.

11/5/07

Obra de teatro ZARDIGOT


O venres 11 de maio os rapaces e rapazas de 3º e 4º da ESO foron ver ao auditorio de Ribadeo á representación da obra de teatro do autor Euloxio Ruibal titulada Zardigot.
Os actores co seu bo facer souberon achegarnos, mediante esta traxedia de estilo clásico, ao desolador mundo da guerra no que xermola o peor do ser humano: a violencia, a barbarie e a crueladade infinita que non provocan máis que dor, sufrimento, aellamento e ata a desesperación absoluta. Ante tal panorama é difícil permanecer indiferente e no espectador queda, cando menos, o sabor agre de ter presenciado o inferno pero tamén flúe o desexo positivo e a esperanza de que iso non volva suceder en ningún lugar do mundo e a convicción de que se logrará comezando pola propia achega persoal de cada un de nós.
Quedamos coa grata sensación de que Zardigot deixou a súa impronta nos rapaces e rapazas e de que o contacto co teatro aporta enriquecedoras aprendizaxes fóra da aula.

8/5/07

Correlingua 2007

"GALEGANDO" é o lema que acompaña o Correlingua 2007.
O luns 7 de maio celebrouse o da Mariña. Este ano no concello de Viveiro.
Os alumnos do noso centro que participaron nesta actividade son de 3º e 4º E.S.O. e 1º de Bacharelato. O desenvolvemento do programa levouse a cabo do seguinte xeito: antes de saír repartiuse a cada alumno unha camiseta e unha chapa co lema do Correlingua inscrito. Ás 11:00 h. chegamos a Viveiro, e a xuntanza cos alumnos dos demais centros da Mariña tivo lugar ao lado de Pavillón Municipal, no parque de Covas. Enseguida comezou o percorrido pola vila, presidido por unha pancarta que reclamaba a potenciación do uso do galego para calquera ámbito. O percorrido seguiu este itinerario: Paseo Marítimo (Avda. de Martín Ledesma); variante, cruzando a ría; Avda. de Ferrol; Praza de Lugo; entrada no casco histórico pola Porta da Vila; rúa Pastor Díaz; Praza Maior e variante. Ao lado da variante tiveron lugar os actos (non puido ser na Praza Maior, como estaba previsto, por motivos de espazo). Comezaron ás 12:00 h. Unha alumna e un alumno, ambos do instituto de Viveiro, leron o manifesto "NINGUÉN NOS CALA". Nel facíase unha chamada de atención ás grandes empresas (de telefonía, cine...) para que contaran coa nosa lingua galega nos seus usos. Logo actuou un grupo de alumnas e alumnos de CEP Lois Tobío, dirixidos polo seu profesor de música, Manuel Rodríguez. Cantaron e tocaron, cos instrumentos que eles mesmos fixeron, dúas pezas medievais. A continuación actuou o grupo CHÉVERE e o XABARÍN CLUB da TVG. Ás 13:00h. remataron os actos coa actuación dun grupo de alumnos e despedida aos participantes.

6/5/07

O IES, amosando a ciencia na rúa.

O sábado 5 de maio foi o “día de la ciencia en la calle” de A Coruña. Alí foi unha representación do IES, invitada como tódolos anos polos amigos da Casa das Ciencias, a amosar algunhas das montaxes da feira. Aló estiveron tanto os líquidos non newtonianos (auga e maicena) como a mostra de plegamentos que pode ter a cortiza terrestre, ou dos tecidos hidrófugos, xunto coa idade dos peixes, á vista das escamas. Tanto os dermatoglifos como o fume caínte que se facía visible nunha montaxe, ou os globos que ”incomprensiblemente” non estoupan ó ser perforados de xeito conveniente acapararon a atención dos visitantes.
A carpa do IES recibiu moita xente; en momentos, abonda máis da que podiamos atender. Por ela pasaron tanto xente curiosa como alumnos e profesores doutros centros, algúns aínda adestrados pola nosa xente para que puideran facer eles mesmos algunha explicación ou reproducir algunha experiencia sinxela: temos fotos dos globos atendidos por xente de fóra... Pero tamén pasaron VIP: á primeira hora da mañá, o Director da Casa das Ciencias pasou co equipo coordinador a botar unha ollada, e máis tarde, foi el mesmo quen trouxo á carpa ó alcalde de A Coruña a ver as curiosas propiedades da maicena...
Por suposto, tamén pasou a tele, a radio, a prensa, ... pero o máis importante foi que a xente que fomos non o pasamos nada mal, ó tempo que ensinábamos ciencia e aprendíamos doutros (pois había alí máis de 20 centros educativos e outras entidades). Asemade, algúns estableceron contactos de diversos tipos, e ata tivemos un agasallo dun visitante a unha hora de pouca afluencia: un malabarista deunos unha demostración asombrosa das súas habilidades, en sesión expresa para os que estabamos naquel momento na carpa. Tivemos visita de portugueses (hai fotos enviadas por eles) e de universitarios, e como tódolos anos, a xente da organización tamén fixo visitas para disfrutar e aprender connosco nunha xornada na que ata acompañou o tempo, lucindo o sol con algunha nube sen atosigar.
Tamén houbo anécdotas, pero esas xa son máis persoais...

27/4/07

Exposición sobre Grecia e Roma


Co lema GRAECIA ET ROMA INTER NOS os alumnos de 4ºE.S.O de CULTURA CLÁSICA levaron a cabo unha labor de investigación e recopilación dos aspectos mais relevantes e significativos da cultura grega e latina. Usando revistas especializadas en culturas de outras civilizacións e artigos xornalísticos, os alumnos recortaron e pegaron en cartulinas aquelas imaxes e artigos que mais lles gustaron, ben polo contido, ben polo anecdótico ou, simplemente, por ter continuidade no noso presente. O resultado foi, despois dunha selección dos contidos, unha atractiva exposición que ecolle arqueoloxía, deportes, mitoloxía, vida cotiá..., sita na biblioteca do I.E.S Porta da Auga.